sirio -ria
(< topónimo Siria)
-
-
adx
Relativo ou pertencente a Siria ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Siria.
-
adx
-
[ETN/HIST]
-
adx
Relativo ou pertencente á antiga Siria ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante da antiga Siria e os seus descendentes que manteñen o seu carácter étnico e cultural.
-
adx
-
s
m
[LING]
Lingua semítica do phylum afroasiático que tivo o seu centro na cidade de Edesa, ao norte de Mesopotamia. Chegou a Asia central (consérvanse inscricións do s VII) e ata as rexións do actual Pequín, como tamén ás costas de Malabar, no SO de India. A inscrición máis antiga sobre pedra data da primeira metade do s I, e o documento escrito máis antigo de 243, procedente de Dura Europos. En sirio, o nome ten tres estados: absoluto, que representa o estado puro do nome, posteriormente substituído polo enfático (mlek ‘rei’); o enfático, que orixinariamente tiña un sentido determinativo, esvaecido posteriormente (malko ‘o rei’, ‘un rei’); e o construto, cando vai inmediatamente seguido por un complemento (mlek ‘olmo’, ‘rei do mundo’). Ten dous xéneros: masculino e feminino (-o en estado absoluto, -to en estado enfático e -ot en estado construto), e dous números, singular e plural; as formas deste son -in (masculino) e -on (feminino) para o estado absoluto, -e (m) e -oto (f) para o enfático, e -ay (m) e -ot (f) para o construto. A maioría dos nomes derivan da raíz verbal. Os seus modos ou tempos verbais son: o pasado (ou perfecto), o futuro (ou imperfecto, que ten un prefixo característico n-), o imperativo, o infinitivo e o participio (activo e pasivo). O presente fórmase co participio e mais o pronome persoal. As súas formas ou voces son P’al, que expresa a idea simple do verbo, Pa’el, que ten un sentido intensivo ou factitivo, e Af’el, que ten un sentido factitivo ou incoativo. Cada unha destas formas ten unha reflexiva ou pasiva, Ethp’el, Ethpa’al e Ettaf’al respectivamente. No eido da lingua destacan as gramáticas de R. Duval, Th. Nöldeke, C. Brockelmann e o dicionario de R. Payne Smith.
-
alfabeto sirio
[ESCR]
Alfabeto propio da lingua siria. Deriva do arameo e escríbese de dereita a esquerda. Consta de vinte e dous signos, todos consonánticos, que se corresponden practicamente cos do alfabeto hebreo. Estes signos presentan tres formas diferentes de escritura: a estranghelo, a máis antiga e actualmente empregada nas edicións críticas; a nestoriana, chamada así porque era usada polos sirios orientais ou nestorianos; e a serto, propia dos sirios occidentais (xacobitas e maronitas), a máis difundida e empregada nas gramáticas e en moitas edicións. O sirio descoñecía primitivamente os signos vocálicos, aínda que a principios do s VIII se atoparon no sirio occidental algunhas vogais gregas, que van colocadas sobre as consoantes correspondentes, mentres que a tradición oriental adoptou un sistema de puntos.
-
arte siria
[ARTE]
Arte desenvolvida na rexión histórica de Siria. Recibiu as influencias exipcia, mesopotámica, helenística e romana. Destacan os mosaicos de Antioquía e Mādabā e as pinturas de Dura Europos. Coa expansión do cristianismo construíronse moitas igrexas. Hai edificios de planta central como o Santo Sepulcro e o edículo da Ascensión en Xerusalén, ou a igrexa de San Babilas preto de Antioquía; e de forma basilical, sobre todo en Siria setentrional e occidental. O conxunto de Qal’at Sim’an destaca porque conxuga en edificacións conxuntas a basílica co martyrium. As igrexas de Siria oriental e meridional son máis sobrias. Son elementos característicos das igrexas de Siria as dúas portas no lado S e o bema. Da época anterior á conquista árabe consérvanse pezas de ourivaría e algunha miniatura como o Evanxeliario de Rabbula (586). Os árabes asimilaron a arquitectura local ou transformaron en mesquitas as igrexas existentes. Destacan os períodos omeia (mesquita de Damasco e mesquita de Omar en Xerusalén) e abbásida (mesquita de Samarra). Das construcións feitas polos cruzados, de estilo romático ou gótico, sobresae a fortificación coñecida co nome de Krak dos Cabaleiros.
-
literatura siria
[LIT]
Produción literaria escrita en sirio. Trátase dunha literatura eminentemente relixiosa e cristiá. Cronoloxicamente, ábrese coas versións bíblicas do s II. No referente á historia literaria propiamente dita, pódese distinguir un primeiro período que vai ata o s V e outro que segue camiños diferentes, no aspecto doutrinal, segundo a dobre tradición nestoriana ou monofisita, tendo presente tamén a liña que marca no medio o inicio do dominio árabe (Xacobe de Edessa, 633?-708). Literatura eminentemente poética, poden localizarse nela desde os primeiros escritores dous xéneros moi característicos: o mēmrā e o madrāšā, aos que se engaden outros netamente litúrxicos, como a bā’ūṯā (cun carácter intermedio entre os dous xéneros anteriores), a ‘onīṯā (composición poética de lonxitude variable derivada de refráns ou respostas de salmos) e a sogiṯā (composición poética en estrofas, dun metro moi sinxelo, moitas veces cun acróstico alfabético). Ao primeiro período literario pertence santo Efrén. No seu tempo e posteriormente floreceron dúas escolas importantes que foron centros da cultura siria: a escola de Nisibis, que foi trasladada co liderado de Efrén a Edessa en 363, cando a cidade foi tomada polos persas, volvendo a Nisibis en 489 ao ser clausurada a segunda polo Emperador Zenón. Na segunda metade do s V produciuse a separación das dúas ramas da Igrexa Siria, inscritas nas correntes teolóxicas do nestorianismo, que pechou ‘Abdīšo’ bar Berīkā, coñecido como Ebediesus, e do monofisismo, que practicamente pecharon Dionisio Bar ṢaDībī (?-1171), o patriarca Miguel I e Gregorio Bar Hebreo.
-
música siria
[MÚS]
Produción musical propia da tradición litúrxica siria. Transmitiuse sobre todo a través das escolas de Mosul (Iraq) e Charfet (Líbano). Ten, como a bizantina e a armenia, un sistema de oito modos. As escolmas de melodías sirias (chamadas polo xeral Beṯ Gāzā), que serviron de modelo para outras moitas, teñen as pezas patrón agrupadas segundo os seguintes xéneros: as ba’wāṯā (pregarias); as qālē (voces, xénero poético que se remonta ao s V; as madrāšē; as ‘enyānē (respostas), ou refráns que se intercalan entre os versículos dos salmos ou entre as estrofas dos himnos; os marwbē (antífonas), para intercalar entre os versículos do canto do Magnificat; os qanune yawnayē (canons gregos) e os takhsfāṯā (súplicas), himnos diversos de melodías máis ornamentadas. Monódica, a música siria cántase cun ritmo moi marcado, innato no espírito dos cantores sirios.
-
rito sirio
[RELIX]
Rito propio da Igrexa Siria. Comprende dúas variantes, con estrutura e evolución diferentes: a oriental, chamada tamén rito sirooriental e coñecida como rito asirio, nestoriano ou caldeo; e a occidental (sirooccidental), coñecida co nome de rito siroantioqueno ou rito sirio. Unha modalidade na rama occidental está constituída polo rito maronita.