Taboada, condado de

Taboada, condado de

Título nobiliario concedido por Carlos II en 1683 a María Tareixa de Taboada Villamarín e Castro (1666-?), señora, entre outras, das fortalezas de Taboada, Vilamarín e Torres de Cereixo. Casou con Xosé Bieito de Lanzós Novoa e Andrade, IV conde de Maceda, e ambos os dous títulos permaneceron unidos ata a morte de Gonzalo Manuel de Lando e Lanzós , V conde de Taboada e IX de Maceda. Bieto Gil de Taboada e Lemos (1729-1813?), converteuse no VI conde de Taboada. Sucedérono os seus fillos Filipe Gil de Taboada , VII conde de Taboada, Francisco Gil de Taboada , VIII conde de Taboada, Xosé Gil de Taboada , IX conde de Taboada, e Vicente Gil de Taboada , X conde de Taboada, e o seu sobriño Manuel Roldán e Gil de Taboada (1763-1832), XI conde de Taboada. Sucedérono os seus fillos Nicolao Roldán de Taboada e Rioboo (?-1842), XII conde de Taboada, Vicente Roldán de Taboada e Rioboo (?-1851), XIII conde de Taboada, e María da Presentación Roldán de Taboada e Rioboo (?-1873), XIV condesa de Taboada, que a sucedeu a súa sobriña Manuela de Agar e Roldán , XV condesa de Taboada. A XVI condesa de Taboada foi a súa filla Amelia García de Paredes e Agar , que a sucedeu a súa filla María da Presentación de la Maza y García de Paredes (?-1959), XVIII condesa de Taboada. En 1961 expediuse a Real Carta de Sucesión a favor do seu fillo Leopoldo González de la Maza y de la Barrera-Caro , XVIII conde de Taboada. Trae por armas en campo de goles, catro paus recortados, de ouro; bordo de prata con oito, ou nove, caldeiros de sable; e ao timbre coroa condal.