Taboadela
Concello da comarca e da provincia de Ourense, situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia ( 42° 14’ 40” de latitude N e 7° 49’ de lonxitude O). Limita ao N con San Cibrao de Viñas (comarca de Ourense), ao L con Paderne de Allariz (comarca de Allariz-Maceda), ao S con Allariz (comarca de Allariz-Maceda), e ao O coa Merca (comarca de Terra de Celanova) e San Cibrao das Viñas (comarca de Ourense). Abrangue unha superficie de 25,2 km2cunha poboación de 1.680 h (2007), distribuída nas parroquias do Mesón de Calvos, Santiago da Rabeda, Soutomaior, Taboadela, Torán e A Touza. A capital está no lugar de Taboadela, na parroquia do mesmo nome, a 127 km de Santiago de Compostela e a 12 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
Taboadela constitúe un relevo en cuesta como consecuencia do seu carácter de bordo meridional da depresión de Ourense. É un terreo dominado polos granitos, onde se diferencian dous sectores: o setentrional, de pendentes moderadas e altitudes arredor dos 300 e 400 m, e o meridional, máis accidentado e con altitudes que en ocasións sobrepasan os 600 m. Está situado dentro dun dominio climático oceánico de transición, marcado polo tránsito entre a variante mediterránea e a continental. Pola súa localización nun dos bordos da depresión de Ourense, as temperaturas son altas en verán e as precipitacións son relativamente baixas. A temperatura media anual é de 14°C, cunha media en xaneiro de 7°C, e en xullo de 21,7°C e a amplitude térmica extrema acada os 24,1°C. A precipitación anual media é de 772 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival co 9% das precipitacións, o 38% en inverno, con valores medios en primavera do 26% e do 27% en outono. A rede hidrográfica coincide coa conca do río Barbaña, río que procedente de Paderne de Allariz atravesa o terzo N do concello e segue unha dirección L-O. A vexetación está influenciada polo microclima forxado na depresión de Ourense, con abundantes exemplos de especies mediterráneas (sobreiras), que conviven con outras de características atlánticas (carballo cerquiño) e piñeiros.
Xeografía humana
A evolución da poboación de Taboadela foi negativa ao longo de todo o s XX, a súa poboación en 2001 representaba as tres quintas partes da que posuía en 1900, momento en que acadou o seu máximo demográfico. Iniciou o s XX cun moderado retroceso (-0,56% interanual), parcialmente recuperado entre 1910 e 1930 (0,17% interanual). De 1930 a 1950 rexistráronse anos de perdas suaves (-0,27% interanual), aceleradas entre 1950 e 1960 (-1,59% interanual). Entre 1960 e 1970 a poboación estabilizouse (0,05% interanual) e, incluso, viviu un momento de forte recuperación entre 1970 e 1981 (0,88% interanual), que deu de novo paso a fortes perdas entre 1981 e 1991 (-2,63% interanual), moderadas na década final do s XX (-0,54% interanual). Os primeiros anos do s XXI veñen marcados polo descenso demográfico, cifrado no 2,21% entre 2001 e 2007. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-6,8‰) froito dunha baixa natalidade (5,8‰) e unha elevada mortalidade (12,6‰). A proximidade de Ourense é a principal razón do comportamento demográfico deste concello, pois a capital provincial atraeu a importantes continxentes de poboación, antes residentes en Taboadela. A poboación está moderadamente avellentada, os menores de 20 anos representan o 12,5% frente ao 28,2% dos de máis de 65 anos; o grupo intermedio representa o 59,3%. A poboación por sexos está repartida case por igual entre homes (49,82%) e mulleres (50,17%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Taboadela é 47,9% (57,8% a masculina e 38,4%a feminina); a taxa de ocupación é do 43,1% (54,8% a masculina e 31,9% a feminina); e a taxa de paro é do 10% (5,3% a masculina e 16,8% a feminina). O sector primario representa o 10,4% da man de obra, onde a superficie cultivada significa o 23,1% do seu territorio, dos que destacan os cultivos do millo (36,7% do terreo cultivado), as forraxes (21,9%), e o centeo (17,1%). A maior parte das explotacións agrícolas están orientadas cara á gandaría avícola, o que fai que posúa uns sistemas de produción avanzados. A industria representa ao 28,7% da man de obra e no seu territorio localízase algunha empresa dedicada á elaboración de materiais para a construción, que acolle ao 15,8% dos ocupados. Ao atoparse preto do polígono industrial de San Cibrao das Viñas, o concello viuse afectado pola expansión da capital provincial. Na industria local destacan a planta de incubación de Coren, unha fábrica de béstas, fábricas de mobles e construcións metálicas. Os servizos supoñen o 45,2% da man de obra, pois é un sector impulsado pola proximidade a Ourense, onde traballan gran parte dos residentes no concello. As principais vías de comunicación son a autovía A-52, de Vigo a Benavente, a estrada N-525, de Santiago de Compostela a Benavente, e outras estradas locais.
Historia
Os restos máis antigos que amosan o poboamento de Taboadela son de época romana, como os vestixios das calzadas atopados en Taboadela e Santiago da Rabeda, onde se atopou unha área fundacional. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Taboadela pertenceron ás xurisdicións de Allariz, señorío do mosteiro de Melón e do marqués de Malpica; Mezquita, señorío do conde de Monterrei; Santa Leocadia e Pasadán, señorío do cabido de Ourense, compartido cunha señora laica; Soutomaior, señorío do marqués de San Sadurniño; e o couto redondo de Torán, señorío do marqués de Val de Carzana. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Touza e Rabeda. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de Taboadela. En 1853 creouse a parroquia do Mesón de Calvos, segregada da de Touza.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos romanos conservados, destacan as igrexas románicas de Santiago de Soutomaior e San Xurxo de Touza, e as barrocas de Santa María de Torán e Santiago da Rabeda; as ruínas da torre de Torán (BIC, 1994) e o pazo de Soutomaior. Celébranse, entre outras, as festas de San Miguel en Taboadela, Santiago na Rabeda, a Virxe da Saúde en Soutomarior, a de Santiago e do Rosario na Rabeda, a das Neves en Pereira, as de Nosa Señora do Carme en Pumar, San Bartolomeu en Touza e San Román en Torán.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Ourense |
| Extensión | 25 Km2 |
| Poboación Total | 1680 h |
| Poboación Homes | 837 h |
| Poboación Mulleres | 843 h |
| Densidade de poboación | 67.2 h/Km2 |