tailandés -sa
(< topónimo Tailandia)
-
adx
Relativo ou pertencente a Tailandia ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Tailandia.
-
arte tailandesa
[ARTE]
Arte desenvolvida en Tailandia. Nun primeiro momento floreceron estilos moi diversificados de temas iconográficos e tipos arquitectónicos propios de India, sobre todo budistas. Consérvanse exemplos das culturas khmer (ss VII-XII) e dvaravati (Mahadhatvatija de Lamphun, s XII). O período tai (s XIII) destacou no eido urbanístico (cidades de Sukhothai e Chiang Mai, mosteiro do Xardín Florido). A escultura desenvolveuse, sobre todo, na cidade de Lop Buri (ata o s XV) e caracterizouse polas innovacións achegadas á iconografía de Buda. Outro período importante foi o de Ayuthia (ss XIV-XVIII), caracterizado polos templos en forma de montaña: destacaron o de Rajapurana (1424) e o de Brahrama (1639). En 1767, co traslado da capital a Bangkok, penetraron as influencias chinesas e europeas e prosperou un novo estilo arquitectónico ecléctico caracterizado por torres en forma de furna funeraria asentadas sobre pedestais de diversos chanzos, como o palacio real e o mosteiro de Jetavanarma.