Taiwán
Estado insular de Asia oriental situado ao SL de China, separada dela polo estreito de Taiwán, que comunica o mar da China Oriental co mar da China Meridional (36.188 km2; 22.350.000 h [estim 2001]). A súa capital é T’aipei.
Xeografía
Xeografía física
O territorio baixo a xurisdición de Taiwán comprende a illa homónima (tamén coñecida como Formosa) e diversos grupos de illas. A illa de Taiwán é unha zona montañosa percorrida en sentido lonxitudinal por cordilleiras paralelas (Yü Shan, 3.997 m) cubertas de bosque tropical denso. No L, as montañas caen en picado á costa mentres que no O descenden suavemente cara á fértil chaira litoral, regada por ríos curtos e rápidos sometidos a cheas violetas. A illa está sometida ao monzón e recibe abundantes precipitacións.
Xeografía económica
O desenvolvemento económico comezou en 1949 ao constituírse como estado. Con escasos capitais locais e unha forte axuda de EE UU, fixo un intenso esforzo para conquistar a independencia económica. A agricultura baséase no cultivo do arroz, a cana de azucre, o millo e os boniatos. O subsolo contén recursos máis variados que abundantes; as principais extraccións son de carbón, mármore e dolomías. A industria está en expansión, as ramas principais son a electrónica, os produtos derivados do plástico, as fibras sintéticas e a produción de vehículos. A enerxía provén do petróleo e das centrais nucleares. O aeroporto principal está en T’aipei. A mariña ten dous grandes portos: o de Kaohsiung, ao S, e o de Keelung, ao N. O comercio exterior baséase na importación de maquinaria, produtos químicos, ferro e aceiro, e na exportación da maquinaria, eléctrica ou non, e artigos de plástico. A balanza comercial é netamente positiva. As medias anuais de crecemento do PIB están entre as máis altas do mundo.
Xeografía humana
A poboación medrou enormemente grazas á forte inmigración de chineses e do alto índice de natalidade, o que, porén, está en rápido descenso. As principais cidades son T’aipei, Kaohsiung e T’aichung.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta maioritariamente por taiwaneses (84%), chineses (14%) e outros (2%). A lingua oficial é o chinés. O 47,7% da poboación declárase atea, o resto da poboación son budistas (22,8%), taoístas (18,1%), protestantes (2%), católicos (1,4%) ou seguidores doutras relixións (8%). A esperanza de vida ao nacer é de 73 anos para os homes e 79 para as mulleres (1999).
Goberno e política
República presidencialista, en 1949 creouse a República da China Nacionalista, que mantivo o réxime de partido único ata 1987. A Constitución do 25 de decembro de 1946 emendouse en 1992, 1994, 1997, 1999 e 2000. O poder executivo reside no presidente da república, elixido para un período de 4 anos, que está axudado por 5 órganos colexiados (yuan). O poder lexislativo reside no Lifa Yuan (Asemblea Nacional), formada por 225 membros dos que 168 son elixidos para un período de 3 anos cun sistema multipartidista, 8 representan os nativos, 41 son escollidos por representación proporcional e 8 representan os estranxeiros. O sistema legal baséase na lei civil; acepta con reservas a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son o Min-chu Chin-pu Tang (Partido Democrático Progresista, MCT); o Kuo-Min Tang (Partido Nacionalista, KMT), o Ch’in Min Tang (Partido para o Pobo, PFP); a Taiwan Tuanjïe Lianmeng (Unión Solidaria de Taiwan, TTL); a Wudang Tuanjïe Luanmeng (Unión Solidaria non partidista, WTL); e o Hsin-Tang (Novo Partido, HT). Organismos internacionais: Cooperación Económica Asia-Pacífico.
Historia
Habitada por emigrantes chineses desde o s VII, durante moitos anos foi unha base de piratas chineses e xaponeses. Os portugueses chegaron á illa en 1517 e denominárona Ilha Formosa. Pouco despois os xaponeses fundaron a cidade de Chilung e, en 1624, os holandeses establecéronse en Tan-shuei. En 1662, un xefe semixaponés, Cheng-Cheng Kung (ou Koxinga), reunificou a illa e proclamouse rei vasalo do emperador chinés, pero en 1683 pasou ao imperio manchú. Foi invadida polos xaponeses en 1871 e de novo en 1894, momento en que a anexaron ao seu imperio ata 1945, cando foi devolta a China polos aliados. As peculiaridades idiomáticas e culturais da illa fixeron que os seus habitantes considerasen como estranxeiros aos chineses do continente. Este sentimento provocou unha revolta popular en 1947. Dous anos despois a illa converteuse en sede refuxio do goberno nacionalista da República de China, presidida polo xeneral Chiang Kai-shek, que fora vencido no continente polo exército comunista de Mao Zedong. Entre 1954 e 1955, o xeneral presidente asinou un acordo de asistencia mutua con EE UU, pero a crise entre ambas as dúas Chinas foi renovada en 1958, ata que Chiang Kai-Shek puxo algúns límites aos seus proxectos de invadir a China continental. Porén, o recoñecemento francés do goberno de Pequín (1964) truncou a tese dunha soa China representada polo goberno de Taiwán e en 1971 Taiwan foi substituída na ONU pola China Popular. Morto Chiang Kai-shek (1975), substituíuno o seu fillo, Chiang Ching-kuo, -reelixido en 1984-, que iniciou a liberalización moderada do réxime, aínda que o recoñecemento oficial da Republica Popular de China por parte de EE UU (1978) e a retirada das forzas estadounidenses da illa un ano máis tarde, representaron un serio revés; de calquera maneira, mantiveron intactas as relacións comerciais de venta de armamento. En 1987 derrogouse a lei marcial, deuse maior permisividade respecto á creación de partidos políticos e reduciuse moderadamente o papel dos militares na vida política. Á morte de Chiang Ching-kuo en 1988, foi elixido presidente da república Lee Teng-hui (reelixido en 1996), que proseguiu o proceso liberalizador e democratizador. En 1991 declarou o fin da guerra civil con China e en 1993 os dous países asinaron en Singapur as bases para formalizar as súas relacións. Desde 2000 Chen Shui-bian, do MCT, presidiu o país (foi reelixido en 2004), con Frank Chang-ting Hsieh como primeiro ministro, desde 2005 ata comezos de 2006 en que dimitiu tras o fracaso das eleccións locais de decembro de 2005.