Talmud
Recompilación da tradición oral xudía, que interpretou a Tora e que se constituíu como o código civil e relixioso do pobo de Israel. Escrito entre os ss II e VI, foi concibido para manter a unidade doutrinal, social e política dos hebreos. Consta de dúas partes: o conxunto literario formado pola Mišná e os seus comentarios rabínicos antigos ou Guemará. Só existen dúas compilacións: o Talmud de Babilonia (s V a C) e o Talmud de Palestina ou de Xerusalén (300?), redactado na escola de Tiberíades. Ademais das opinións dos rabinos expertos nas cuestións de comportamento relixioso e moral (halakà), tamén contén unha parte anecdótica (haggadà), que exemplifica a teórica. En canto ao contido, divídese en seis partes ou ordes: as sementes, leis relativas á agricultura; as festas, regulación das festas; as donas, leis sobre o matrimonio, divorcio e votos (principalmente das mulleres); os prexuízos, lexislación civil e criminal; as santidades, leis relativas aos sacrificios e aos obxectos consagrados; e as cousas puras, lexislación sobre a pureza ritual e a impureza. Todas estas ordes divídense en tratados. A incomprensión do Talmud por parte do mundo occidental medieval, así como as súas alusións negativas a Xesús Cristo e ao cristianismo provocaron a súa persecución polos cristiáns e a censura das súas primeiras impresións (s XVI) pola Igrexa.