taquigrafía

taquigrafía

(< taqui- + grafía)

s f

Método de escritura que permite transcribir tan á présa como se fala mediante signos especiais e abreviaturas. Aínda que se aplicaron sistemas de abreviación na Antigüidade, o primeiro sistema coherente que foi utilizado ata a Idade Media, foi o aplicado polos romanos, coñecido por notas tironianas. Nos primeiros concilios tamén se fixo uso do sistema tironiano para recoller os debates, práctica que perdurou ata o s XI, cando caeu en desuso. Durante o período medieval usouse un sistema a base de elipses ou siglas, apócopes ou palabras cortadas, contraccións, letras sobreescritas ou abreviaturas con signos especiais. Durante o Renacemento apareceron os precursores da taquigrafía moderna, con Timothy Bright (1588), en Inglaterra, seguido de John Willis, que, en 1602 foi o primeiro en facer uso do termo estenografía, e Thomas Shelton, que se serve da palabra taquigrafía, en 1626. A taquigrafía moderna iniciouse con John Byrom en 1720 en Inglaterra, onde de 1700 a 1900 apareceron máis de douscentos sistemas. Os máis importantes son o de Taylor, de 1786, xeométrico, como todos os desta época, do que xurdiron toda unha serie de sistemas, como o do francés Coulon en 1788 e máis tarde tamén en Francia, o de Bertín en 1792 e en Alemaña, o de Mosengeil en 1796, e o de Danzer en 1800. Pero o sistema de base xeométrica que tivo máis difusión foi o do inglés Pitman en 1837. En Alemaña produciuse unha notable innovación ao aparecer o primeiro sistema cursivo de mans de Franz-Xaver Gabelsberger, en 1834, que tivo unha gran difusión en Centroeuropa e que foi adaptado ao castelán por Jaume Boada en 1916. Aínda que tamén se denomina estenografía, este termo aplícase máis adecuadamente a sistemas de escritura con signos máis simples ou curtos que os habituais e o termo taquigrafía aplícase a calquera sistema no que se empregan métodos para adquirir velocidade.