Taxikistán

Taxikistán
Nome científico: [nome oficial: República de Taxikistán; taxiko: Jumhurii Tojikistan]

Estado do SL de Asia central que limita ao O e ao NO con Uzbekistán, ao NL con Kirguizistán, ao L con China e ao S con Afganistán (143.100 km2; 6.237.000 h [estim 2000]). A súa capital é Dušanbe.
Xeografía

Xeografía física
Máis da metade do territorio está por riba dos 3.000 m. O territorio atópase nunha zona de intensa actividade sísmica. Distínguense catro rexións fisiográficas: na metade oriental, o Pamir, que culmina no pico Comunismo (7.495 m); as cordilleiras de Turkestán, Zer ǎ vsan e de Gissar ao NO; o extremo O do val de Fergana ao N; e os vales de Vachš, Gissar e Amudarja ao SL. O clima é continental, suave nos vales e extremo nas montañas. As precipitacións son escasas e aumentan cara ao SO. Os ríos máis importantes son o Amudarja, o Sydarja e os seus tributarios. A maioría percorren as rexións centrais e do O, e desembocan no mar de Aral. É importante tamén o lago Karakul’. A vexetación natural, moi rica, é, na zona máis alta, de deserto, estepa e prados alpinos.
Xeografía económica
A economía é basicamente agrícola, con extensos regadíos nos vales grazas a unha ampla rede de canles. O cultivo de algodón é o máis importante, seguido dos cereais. Tamén se desenvolve a gandaría trashumante. A gandaría ovina e caprina é a actividade económica dominante na rexión do Pamir. Taxikistán é rico en depósitos minerais, que inclúen ouro, aluminio, ferro, chumbo, mercurio e estaño. Hai modestas reservas de petróleo e de gas natural. A industria é moi dependente da minaría e da agricultura. Hai pouca industria pesada á marxe da extracción de minerais, a produción de aluminio e a enerxía. A industria lixeira redúcese á alimentaria e á téxtil. A rede de comunicacións concéntrase na rexión do SO. As principais exportacións son o aluminio, a maquinaria e a electricidade. As importacións céntranse no petróleo, o gas natural e os produtos químicos.
Xeografía humana
A poboación, rural nun 72,5% (2000), está en rápido crecemento. Repártese moi desigualmente e concéntrase sobre todo no O, no val de Gissar e tamén nas ribeiras do Sydarja. As cidades máis importantes son Dušanbe, Chudžand e Kul’ab.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta por taxikos (63,8%), uzbekos (24%), rusos (6,5%), tátaros (1,4%), kirguizos (1,3%), ucraínos (0,7%), alemáns (0,3%) e outros grupos (2%). A lingua oficial é o taxiko, pero tamén se fala ruso. A relixión maioritaria é a musulmá, sunnita (80%) e xiíta (5,1%), seguida da ortodoxa (1,4%); o 13,5% da poboación declárase atea.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Taxikistán entre os países cun desenvolvemento humano medio (116° posto mundial cun índice de 0,671). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 61 anos para os homes e 67 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 99,5% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 73% e o PNB real por habitante é de 980$ EE UU.
Goberno e política
República federal da URSS, proclamou a independencia o 9 de setembro de 1991. A Constitución aprobouse o 6 de novembro de 1994, reformada en 2002. O poder executivo correspóndelle ao presidente, elixido por sufraxio universal para un período de 5 anos. O poder lexislativo reside no Majlisi Oli (Parlamento), formado por dúas cámaras: a Majlisi Mamoyandogan (Asemblea de Representantes), composta por 63 membros elixidos para un período de 5 anos, 22 deles por un sistema de representación proporcional; e a Majlisi Milliy (Asemblea Nacional), composta por 33 membros, 22 elixidos para un período de 5 anos polos deputados das asembleas locais e 8 nomeados polo presidente. O sistema xudicial baséase na lei civil e os xuíces da Corte Suprema son designados polo presidente. As principais forzas políticas son o Hizbi Demokrati-Khalkii Tojikston (Partido Democrático Popular de Taxikitán, HDKT), o Partido Comunista de Taxikistán (CH) e o Nahzati Islomi Tojikiston (Renacemento Islámico de Taxikistán, IRP). Organismos internacionais: Comunidade de Estados Independientes (CEI), ERBD, Organización da Conferencia Islámica (OCI), OSCE e ONU.
Historia
A historia de Taxikistán identificouse coa de Turkestán, país do que dependeu ata a anexión a Rusia en 1868. Baixo a Unión Soviética, o territorio formou parte das repúblicas de Turkestán (1918) e de Uzbekistán (1920). En 1929 foi declarada república soviética. Entre 1921 e 1925 houbo unha importante actividade guerrilleira que se opuxo ao réxime soviético e, na década de 1930, os inmigrantes rusos ocuparon posicións clave na administración. Desde 1970 houbo un forte crecemento do Islam. Coa perestrojka agraváronse as tensións e as malas condicións de vida foron motivo de importantes alborotos. O Soviet Supremo de Taxikistán declarou a soberanía en 1990, pero o mesmo ano foi das poucas repúblicas que aceptou o Tratado da Unión. A desintegración do territorio soviético tras o fracasado golpe de estado de agosto de 1991 conduciu á declaración da independencia e á convocatoria de eleccións presidenciais, nas que o comunista Rakhaman Nabijev superou a oposición islámica e liberal. Ao longo de 1992, en resposta aos crecentes enfrontamentos entre a oposición islámica e o goberno, Nabijev suspendeu as liberdades civís, pero foi substituído en 1992 polo tamén comunista Emomali Sharipovič Rakhamov. En marzo de 1993 a CEI enviou tropas de pacificación que, de feito, deron soporte ás forzas gobernamentais. En 1994 retirouse o estado de emerxencia e tiveron lugar eleccións presidenciais, que revalidaron a Rakhamov. As eleccións lexislativas, porén, foron cualificadas de fraudulentas. Os enfrontamentos coa guerilla islámica continuaron ata 1997, cando se asinou un acordo entre o goberno e a oposición que garantía a esta a súa presenza no goberno (30% dos postos) e na xustiza. O Parlamento aprobou unha lei que prohibía a formación de partidos políticos baseados en crenzas relixiosas pero o presidente vetouna, aínda que asegurou que non permitiría un goberno islamista. Nas eleccións de 1999 volveu vencer Rakhamov. A guerra e unha importante secura provocaron que o país se convertese nun dos máis pobres da antiga URSS. En 2001 Taxikistán adheriuse aos países que apoiaban a coalición antiterrorista liderada por EE UU e en 2002 uniuse á OTAN para un programa de paz. A reforma da Constitución en 2002 permitiu que Rakhamov continúe como presidente.