Teo
Concello da comarca de Santiago, situado na provincia da Coruña ao O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Ames e Santiago de Compostela (comarca de Santiago), ao S coa Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), ao L con Vedra (Santiago) e ao O cos de Padrón, Rois (os dous da comarca do Sar) e Brión (Santiago). Abrangue unha superficie de 79,3 km 2 cunha poboación de 17.441 h (2007), distribuída nas parroquias de Bamonde, Cacheiras, Calo, Lampai, Lucí, Luou, Oza, Rarís, Recesende, Reis, Teo e Vilariño. A súa capital é o lugar da Ramallosa, na parroquia de Lucí, situada a 42° 47’ 45’’ N e a 8° 32’ 55’’ O, a 68 km da capital provincial e 8 de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Santiago de Compostela.
Xeografía física
Localízase nunha área de suaves pendentes que vai descendendo progresivamente de N a S, desde as superficies de achairamento do N e O, situadas entre os 250 e os 300 m, con pequenos resaltes (Pena Agrela, 410 m; Alto de Montouto, 339 m; monte da Pulga, 373 m), ata o val do Ulla, situado a menos de 100 m. O substrato xeolóxico en que se encadra o concello correspóndese con materiais duros tipo xistos, lousas e granitos, con rochas sedimentarias nas áreas de menor altura, coma no val do Ulla ou no val do río de Santa Lucía, que discorre de NL a SO na parte oriental e meridional do termo. As superficies de erosión do N e O do concello correspóndense con antigos macizos erosionados e arrasados durante o secundario, que forman unha sucesión de ondulacións, con resaltes graníticos con alturas comprendidas entre os 300 e os 400 m. Os pequenos ríos tributarios do Ulla (Santa Lucía, Tella, rego do Chao) e do Sar (Río Tinto) inciden suavemente no territorio e forman pequenos vales que lle confiren unha estrutura alombada ao terreo. No S, o Ulla, que discorre de L a O, mostra un encaixamento máis marcado na parte occidental, no límite con Padrón, mentres que onde recibe ao río de Santa Lucía se abre unha ampla chaira aluvial colmada de sedimentos terciarios e cuaternarios. O concello atópase no dominio oceánico hiperhúmido, con temperaturas moi suaves, matizadas pola presenza do val do Ulla no S, e pola maior altitude das áreas setentrionais. A media anual é de 14°C no S e 13°C no N, cos invernos suaves de 8-9°C na parte meridional e máis fríos no N (7°C). As temperaturas estivais sitúanse arredor dos 20°C en ambos os dous espazos. As precipitacións son elevadas, especialmente no N, xa que se atopa nunha área exposta directamente á entrada das masas húmidas (1.700-1.800 mm).
Xeografía humana
O concello mantivo unha dinámica positiva ao longo de todo o s XX, con pequenas épocas regresivas e outras de gran crecemento. Comezou a centuria con 7.037 h, que foron incrementándose cun crecemento considerable, mantido por un elevado crecemento vexetativo, que contrarrestaba a intensa emigración a América. Así, a dinámica demográfica seguiu unha traxectoria positiva: 7.194 h (1910), 7.496 h (1920), 7.998 h (1930), 8.930 h (1940) e 9.242 h (1950). Desde mediados de século continuou medrando, cun ritmo de crecemento superior ao dos cincuenta anos anteriores: 9.848 h (1960) e 11.179 h (1970). A mingua da emigración cara a América e o crecemento vexetativo positivo posibilitaban o incremento da poboación. En 1981 produciuse un estancamento e un lixeiro declive da poboación (10.986 h) como consecuencia da atracción exercida pola cidade de Santiago de Compostela, que fixo que moitos habitantes do concello se trasladasen á capital. Desde entón produciuse o crecemento máis forte de todo o século: 13.915 h (1996), 15.476 h (2001) e 17.441 h (2007). Este incremento debeuse ao nacemento dos novos espazos residenciais da periferia compostelá, localizados no concello de Teo, como Cacheiras, Os Tilos, Montouto, Calo ou A Ramallosa. Ademais dos novos núcleos xurdidos no norte do concello (Cacheiras e Os Tilos), existe tamén unha importante franxa rururbana nas parroquias máis próximas a Santiago, mentres que xa as máis afastadas e as situadas no sur presentan características máis rurais. En 2006 o crecemento natural da poboación foi positivo (3,4‰) froito dunha alta natalidade (10,9‰) e unha tamén alta mortalidade (7,5‰). A poboación menor de 15 anos supón o 19,5% do total, mentres que os maiores de 65 anos supoñen o 13,7%; o grupo intermedio representa o 66,8%. Por sexos dominan as mulleres: 51,02% fronte ao 48,47% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Teo é do 55,4% (68,8% a masculina e 42,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 50,1% (63,9% a masculina e 37,3% a feminina); e a taxa de paro é do 9,5% (7,1% a masculina e 12,9% a feminina). As actividades agropecuarias teñen certa importancia nas parroquias rurais do sur do concello, así como nalgunhas áreas do norte, onde se converteu en actividade a tempo parcial. Ocupan ao 2,5% da poboación activa. Das 1.172 explotacións, a maior parte dedícanse a hortas, pastos e espazos forestais. Os cultivos hortícolas supoñen unha importante fonte de ingresos para moitas familias, así como o cultivo da vide (71 ha) no sur do concello. A gandaría porcina, con 1.142 cabezas reprodutoras e 7.000 de cebo (2005), é a máis destacada. O sector secundario agrupa ao 28,1% da poboación activa, repartida dun xeito semellante entre a industria (14,2%) e a construción (13,9%). Está encabezado polas empresas transformadoras da madeira e os transformados metálicos. O sector servizos é o que ocupa a maior parte da poboación activa, o 69%. A situación do concello, periférica respecto a Santiago de Compostela, nun espazo de paso cara ao S, no Eixo Atlántico (N-550), fixo que moitas empresas compostelás se asentasen nas parroquias de Calo, Cacheiras e Os Tilos, onde buscaban un solo máis barato e boas comunicacións. As maiores empresas son os concesionarios de automoción, así como as empresas de comercio por xunto de calzado e limpeza. Unha particularidade de Teo é a de contar con produtoras televisivas coma CTV, S.A. e co Plató 1000, situado en Montouto, que é utilizado pola TVG. A maior parte dos empregos do terciario sitúanse no sector comercial, tanto por parte dos que traballan no propio concello como os que se desprazan cara a Santiago de Compostela. A principal vía de comunicación é a estrada AC-541 (Santiago de Compostela-A Estrada) e a AC-241 (Padrón-Arzúa). Tamén cruzan o concello a AP-9 e o ferrocarril A Coruña-Vigo.
Historia
A antigüidade do poboamento das terras do concello de Teo amósase nas mostras prehistóricas atopadas, como a mámoa de Trasellas en Luou, os gravados rupestres do monte Angueira e os castros de Lucí e Francos. En época romana a vía secundaria de Francos uníase coa principal en Sales (Vedra), e a vía principal tamén atravesaba as terras dos concellos. Segundo a tradición, a Raíña Lupa tiña a súa fortaleza no castro de Francos, tamén chamado Castro Lupario. En 968 o arcebispo compostelán Sisenando enfrontouse aos viquingos na Batalla de Fornelos en Rarís. Durante a Guerra da Independencia destacou o levantamento contra os franceses da parroquia de Cacheiras, dirixido polo seu párroco. En 1846 tivo lugar a Batalla de Montouto (Cacheiras) entre os sublevados de Solís e as tropas do xeneral de La Concha. Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman o concello pertencían ás xurisdicións de Xiro da Rocha, Vea e Quinta, as tres, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do concello de Oza. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do concellproduciuse en 1835.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de Santa María de Lampai, de orixe románica, San Simón de Ons, San Xoán de Calo, San Xoán de Recesende, a igrexa de Luou e a necrópole medieval da igrexa de Santo Tomé de Vilariño. Destaca tamén a casa reitoral de Bamonde, a ponte de Pontevea, os restos da ponte de Francos, que pertencía á vía romana e os cruceiros de Teo (s XVI) e de Francos (s XVI). No eido do patrimonio natural atópase a paraxe natural do Xirimbao. Ademais das festas parroquiais, ten lugar a festa gastronómica da Tortilla en Cacheiras.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Santiago |
| Extensión | 79 Km2 |
| Poboación Total | 17441 h |
| Poboación Homes | 8542 h |
| Poboación Mulleres | 8899 h |
| Densidade de poboación | 220.77 h/Km2 |