teoloxía
(< lat theologĭa < grθεολογία)
-
-
s
f
[FILOS/RELIX]
Ciencia que trata de Deus, das cousas de Deus. Dificilmente pode falarse estritamente dun discurso teolóxico no marco do pensamento grego ou latino anterior ao cristianismo. A teoloxía enténdese como ciencia que parte desde a revelación e fe cristiá e que se constrúe necesariamente a partir dos datos desa revelación e desa fe en diálogo coa historia contemporánea; unha ciencia que busca razoar conforme ao seu método específico. É dicir, que intenta facer comprensibles a todos, crentes ou non, o misterio de Deus tal como el o revelou na historia da salvación que culmina en Xesús Cristo e que se recolle tanto no Antigo Testamento como no Novo Testamento das Sagradas Escrituras. Probablemente, foi Tomé de Aquino quen contribuíu decisivamente a caracterizar a teoloxía como a explicación racional que expón comprensiblemente para a razón humana o contido da fe revelada e as súas implicacións. Para o máximo representante da escolástica, a teoloxía é, por antonomasia, a ciencia da fe.
A teoloxía dos primeiros séculos: a patrística
Para os seus discípulos, Xesús Cristo, en tanto que Señor do tempo, está vivo e é dono do pasado, do presente e do futuro; momentos en que todo o home é destinatario da súa obra salvífica. Por iso mesmo, a nacente teoloxía cristiá desborda claramente a mitoloxía grega. Con Ireneo, Atanasio e Agostiño de Hipona acádanse as conclusións teolóxicas fundamentais dos primeiros séculos do cristianismo, como que a redención e a salvación do home levada a cabo por Deus en Cristo libera ao home das súas propias ataduras e escravitudes. Esa salvación non destrúe ao home, ao revés, faino máis home na medida en que o crente obedece a Deus e se interna nesa mesma historia de salvación que el fixo súa por medio do seu fillo Xesús Cristo.
A teoloxía da Idade Media: a escolástica
Esta época é coñecida como a época de ouro da teoloxía escolástica. A linguaxe teolóxica deste tempo fíxose especulativa ao entrar en contacto co pensamento filosófico, tamén especulativo. Dado que o obxecto do pensar teolóxico pasa a ser a idea mesma de Deus, a teoloxía atreveuse cunha sistematización conceptual do divino revelado na historia. Anselmo de Canterbury, Alexandre de Hales e, sobre todo, Tomé de Aquino, intentaron conquistar unha obxectividade histórica na fundamentación e explanación dos acontecementos da fe e da revelación histórico cristiá en relación ao Ser de Deus. O realismo aristotélico-tomista foi un adecuado instrumento quizais válido para aquel propósito e para aquel momento. Pero a doutrina sobre a salvación do home converteuse en campo de encontro non sempre fácil e equilibrado entre razón e fe. Non se podía, sen máis, identificar pensamento ou dogma e a teoloxía. A teoloxía descubría a súa propia limitación e esa relativización das pretensións do coñecemento teolóxico derivou en posteriores críticas sobre as relacións entre ciencia e fe, especialmente cando naceron e progresaron as escolas teolóxicas, non sempre fieis aos seus mestres.
A teoloxía da Reforma e da Contrarreforma
Martiño Lutero quixo romper coa liña de continuidade fronte á escolástica, ata entón reinante en cátedras e escolas universitarias. A súa teoloxía produciu conscientemente unha grave fractura con respecto á situación anterior da teoloxía. Só na cruz de Cristo dáse a satisfacción debida a Deus e polo tanto só na cruz se asumiu o castigo que ao pecado do home corresponde; ese é o resumo da súa teoloxía reformada e convertida na práctica en doutrina de salvación do home, é dicir, soterioloxía. Fronte a isto, o Concilio de Trento acentuou a liña do pensamento teolóxico da Contrarreforma.
A teoloxía fronte á modernidade
Aínda que sexa por camiños distintos, segundo se miren as diversas igrexas ou confesións católicas, protestantes ou ortodoxas, coa chegada xa no s XVIII da Ilustración, os conflitos fe versus razón multiplicáronse. As formulacións modernas da subxectividade representaron a antítese extrema tanto da teoloxía protestante da cruz de Cristo e a súa sola fe, como da pretendida obxectividade metafísica católica. Desde Descartes, Kant, Hume, Hegel, ata Marx, Freud, Nietzsche, Heidegger ou Marcusse, parecía que durante varios séculos filosofía e teoloxía foran de conflito en conflito. Non só foi que a filosofía se liberou e deixou de ser serva da teoloxía, senón que a filosofía monopolizou practicamente todo o pensamento especulativo.
A teoloxía contemporánea
Metodoloxicamente, distínguese entre teoloxía positiva, que considera o estudo das diversas fontes dos argumentos teolóxicos, inclúe a teoloxía bíblica e a patrística, e teoloxía especulativa. A teoloxía fundamental é aquela que pon a disposición do teólogo os datos básicos das fontes positivas da fe en conexión directa co fundamento do credo eclesial apostólico. A teoloxía sistemática elabora doutrinalmente e explica as conexións entre os diversos campos da reflexión teolóxica como a idea de Deus, a figura de Cristo, a obra da Igrexa ou o comportamento moral do crente. A teoloxía dogmática céntrase na exposición dos contidos da fe segundo as súas elaboracións dogmáticas ou normativas. A teoloxía moral pretende facer do seguemento de Xesús Cristo e da fidelidade ao home de hoxe, a ciencia dos deberes do crente. A teoloxía práctica ou pastoral intenta axudar á comunidade eclesial nas súas tarefas internas e externas máis necesarias conforme ás urxencias do momento histórico correspondente. A teoloxía do s XXI ofrece un panorama moi complexo que se pode entender se se teñen en conta algunhas acentuacións polas que en cada caso poden coñecerse aos diversos teólogos, segundo lugares ou temas. -
teoloxía da cruz
Corrente de acentos teolóxicos, tipicamente reformados e luteranos, que está en contraposición coa teoloxía da gloria, quizais máis propia do pensamento católico. Tende a acentuar o aspecto subxectivo da fe e a distancia entre Deus e o home.
-
teoloxía da liberación
/ teoloxía da liberación.
-
teoloxía dialéctica
Tendencia teolóxica, sobre todo protestante, que incide na oposición entre Deus e o home e que subliña a distancia infinita entre o Creador e a criatura. Isto non deixa de estar presente en varios pensadores místicos católicos, como san Xoán da Cruz que repite en moitas ocasións que é máis o que non se pode dicir de Deus que o que del se pode afirmar racionalmente.
-
teoloxía feminista
Modalidade da teoloxía da liberación que ten como finalidade a de denunciar os presupostos relixiosos de discriminación da muller e de descubrir na fe cristiá as bases da emancipación feminina.
-
s
f
[FILOS/RELIX]
-
s
f
[RELIX]
Doutrina relixiosa referente a Deus, ao Deus ou ao divino.