Tercio de Gallegos ou Tercio de Voluntarios Urbanos de Galicia ou Batallón de Gallegos

Tercio de Gallegos ou Tercio de Voluntarios Urbanos de Galicia ou Batallón de Gallegos

Rexemento voluntario de infantaría de liña creado en Bos Aires o 17 de setembro de 1806 por Pedro Antonio Cerviño Núñez, director da Escuela Náutica, para defender a cidade dun ataque británico similar ao acontecido meses antes. Constaba de 600 homes distribuídos en 8 compañías de fusileiros de liña e unha de granadeiros lixeiros, 10 tambores, 1 pito ou pífano militar e, completando a fanfarra musical, as gaitas tomadas como trofeo de guerra ao 71º rexemento de Highlanders de Escocia. Tivo dúas bandeiras de seda branca: unha coronela coas Armas Reais nun lado e a cruz encarnada do Apóstolo Santiago, o seu patrón, no outro; e unha batallona co escudo do Reino de Galicia por un lado e o escudo de Bos Aires polo outro. Foi destinado á Banda Oriental de Uruguay, unha vez ocupada esta a comezos de 1807, pero non entrou en combate pola inmediata caída de Montevideo. O 2 de xullo de 1807 enfrontouse nos Corrales de Miserere ás tropas do xeneral J. Whitelocke e, despois da xornada do 5 de xullo, obtiveron a rendición do derradeiro bastión británico no convento de Santo Domingo. Colaborou na Guerra da Independencia española, enviando cartos, xurou fidelidade a Fernando VII e participou nos movementos a favor da creación de xuntas nos territorios de Ultramar. Foi disolto ao redor de 1910, e volveu ao servizo activo en 1995 grazas ao labor da Escuela Nacional de Náutica, co apoio da comunidad galega de Bos Aires e da Xunta de Galicia. Converteuse na Guardia de Honor desta academia marítima.

Palabras veciñas

terciarismo | terciarización | Tercio de Galicia | Tercio de Gallegos ou Tercio de Voluntarios Urbanos de Galicia ou Batallón de Gallegos | terebélido -da | terebeno | terebinteno