termómetro

termómetro

(

  1. [METROL]
    1. s m

      Aparato para medir temperaturas. Xeralmente funcionan medindo a contracción ou dilatación dun gas ou dun líquido que se atopa no interior dun capilar, aínda que tamén hai algúns que miden a variación da resistencia eléctrica dun condutor coa temperatura. Galileo é considerado como o construtor do primeiro termómetro, arredor de 1592, aínda que máis ben era un termoscopio. Cara a 1620, Cornelius van Drebbel, inspirado nos traballos do químico J. B. Helmont, elaborou un novo termoscopio, que era unha variante do de Galileo. Ambos os dous estaban baseados na dilatación do aire. En 1680 foi construído o primeiro termómetro de mercurio. O rexistro das variacións de temperaturas efectúase co termógrafo.

    2. termómetro clínico

      Temómetro para medir a temperatura corporal.

    3. termómetro de Beckmann

      Termómetro para efectuar medidas de crioscopia e ebuliometría.

    4. termómetro de resistencia

      Termómetro que se basea na variación da resistencia eléctrica dun condutor coa temperatura.

    5. termómetro electrónico

      Termómetro que consiste nun circuíto integrado a base de resistencias variables que funciona como sensor de temperatura. A tensión de saída deste circuíto é proporcional á temperatura á que está sometido.

  2. termómetro xeolóxico [XEOL]

    Modificación mineralóxica cuxa presenza permite avaliar a temperatura aproximadamente -ou polo menos os límites de temperaturas- en que se puideron formar certos minerais ou agregados mineralóxicos.