Terra de Caldelas, comarca da

Terra de Caldelas, comarca da

Co­marca situada no NL da provincia de Ourense e no SL da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coas comarcas da Terra de Lemos (concellos de Sober, Monforte de Lemos) e Quiroga (concello de Ribas de Sil), ao S coas da Limia (concello de Vilar de Barrio) e Verín (concello de Laza), ao L coa da Terra de Trives (concellos de San Xoán de Río e Chandrexa de Queixa) e ao O coas de Ourense (concello de Nogueira de Ramuín) e Allariz-Maceda (concellos de Xunqueira de Espadanedo e Maceda). Abrangue unha superficie de 313,2 km2 en que acolle unha poboación de 4.448 h (2001), distribuída entre os concellos de Castro Caldelas (87,6 km2; 1.834 h [2001]), Montederramo (135,6 km2; 1.206 h [2001]), Parada de Sil (62,4 km2; 841 h [2001]) e A Teixeira (27,6 km2; 567 h [2001]). A evolución socioeconómica e a mellora das comunicacións fixeron que a vila de Castro Caldelas constituíse un pequeno centro ao que se vinculan o resto dos concellos. A debilidade dotacional fai que en todos os concellos se advirta a influencia de Ourense.
Xeografía física
Desde o punto de vista xeomorfolóxico, a comarca está formada por tres unidades: o canón do Sil, a superficie de aplanamento situada arredor dos 1.000 m e os rebordos montañosos do S, todas elas integradas nun conxunto que antecede ás altas terras de Cabeza de Manzaneda. Os materiais que forman este espazo circunscríbense no dominio dos granitos, cuarcitas e lousas. O canón do Sil, no N da comarca e no límite coa provincia de Lugo, xurdiu cando o río tivo que atravesar un bloque elevado, formado por materiais moi duros, e, en vez de facelo pola depresión de Lemos, encaixouse en profundas gorxas, con considerables pendentes, axudado pola fracturación e cuns procesos de antecedencia moi importantes. A chaira situada a 1.000 m de altitude coincide coa parte central da comarca, erguida durante o Terciario como bloque elevado respecto á depresión de Lemos, incidindo este levantamento no encaixamento da rede fluvial dos afluentes do Sil, a través de procesos de antecedencia (ríos Mao e Castro e regatos de Fiós, Batán e Broil), que aproveitan a rede de fracturas existente. A degradación desta superficie de aplanamento cara ao canón do Sil prodúcese a través da incisión dos principais cursos fluviais que verten ao Sil. Na parte occidental da comarca, con materiais máis duros (granitos e granodioritas), existe unha incisión fluvial menos marcada ca na oriental, onde predominan os gneises e as lousas. Nesta chaira elevada esténdese unha pequena depresión tectónica, a depresión de Montederramo, de escaso fondo, con depósitos terciarios e solos tipo gley. No S da comarca érguense os montes de San Mamede, antecedentes das terras de Cabeza de Manzaneda cunha altitude máxima de 1.618 m no concello de Montederramo. As formas do relevo están suavizadas, con numerosos depósitos periglaciais, derrubos estratificados, coadas de xelifluxión e un modelado glaciario no curso alto dos ríos Mao e Broil (morenas). Dadas as diferenzas altitudinais e a posición latitudinal, existen climas variados, que van desde o oceánico mediterráneo no canón do Sil ata o oceánico de montaña nas altas superficies e nas serras. Así, as temperaturas medias anuais nas proximidades de Castro Caldelas sitúanse arredor dos 9°C, con invernos fríos (3°C) e veráns frescos (16-17°C), e cunha oscilación moi marcada. As precipitacións son elevadas (máis de 1.500 mm), en moitos casos en forma de neve. Pola contra, nos canóns do Sil, as medias elévanse ata os 13°C, con invernos máis suaves (5-6°C) e veráns calorosos (20-21°C). As precipitacións descenden considerablemente (1.000 mm), e marcan un claro período de seca nos meses de xullo e agosto. Son frecuentes as xeadas e as néboas. A formación vexetal predominante é unha comunidade arbustiva e herbácea dominada por uceiras e xesteiras, combinadas con toxos, especialmente nas áreas máis elevadas e nas antigamente ocupadas polos cultivos, e hoxe abandonadas. As masas arbóreas aparecen espalladas polo territorio, de forma que se atopan pequenos bosques de carballo, castiñeiro e bidueiro, así como coníferas, en función das condicións microclimáticas e edáficas. Nos canóns do Sil, con vexetación de transición entre a área eurosiberiana e a mediterránea, hai especies como a sobreira e o cerquiño, combinadas nas áreas menos expostas ao sol con acivros, bidueiros, salgueiros e castiñeiros.
Xeografía humana
A comarca da Terra de Caldelas é a comezos do s XXI a de menor volume demográfico e a máis avellentada de Galicia, dadas as difíciles condicións de habitabilidade (relevo con acusadas pendentes, clima moi duro, escasa actividade industrial e terciaria). A evolución da comarca mostra unha clara regresión desde as primeiras décadas do s XX. En 1900 contaba con 15.045 h, unha poboación que se mantivo estancada nas dúas primeiras décadas do s XX, cunha intensa emigración cara a América, pero tamén cun elevado crecemento vexetativo: 15.069 h (1910) e 15.084 h (1920). A partir da década de 1930, a emigración comezou a facerse máis intensa e o crecemento vexetativo descendeu, polo que a poboación minguou de forma lenta pero sostida: 14.111 h (1930); 13.910 h (1940); 12.789 h (1950) e 12.289 h (1960). Tras este período de lixeiro descenso, a comarca perdeu, co éxodo rural das décadas de 1960, 1970 e 1980 máis da metade da súa poboación. Os principais destinos nesta etapa foron, en primeiro lugar, os países industriais europeos (Francia, Alemaña, Reino Unido e Suíza) e, nunha etapa posterior, as cidades industriais españolas (Barcelona, Madrid, as cidades vascas e asturianas) e galegas (Ourense e Vigo fundamentalmente). Á evolución demográfica negativa (10.013 h, 1970; 9.203 h, 1981; 5.019 h, 1996 e 4.448 h, 2001), uníuselle un crecemento vexetativo de signo negativo, como consecuencia do avellentamento demográfico, propiciado, así mesmo, pola intensa emigración. A estrutura resultante amosa un claro avellentamento, cunha porcentaxe de maiores de 65 anos (43,5%, 2004) que supera amplamente ao de menores de 15 (6%), cunha natalidade moi baixa e unha mortalidade elevada. As entidades de poboación son moi pequenas, concentradas e con apenas unha ducia de casas. A maior parte delas sitúanse nos rebordos setentrionais da penechaira, con espazos baleiros no S, nas áreas de serra ou na banda N, onde se atopan os canóns do Sil. A maior das entidades de poboación é a vila de Castro Caldelas, con 741 h, seguida, de lonxe, da pequena cabeceira municipal de Montederramo, con 151 h.
Xeografía económica
A estrutura económica da comarca da Terra de Caldelas amosa unha importancia das actividades primarias e un crecemento do terciario fronte a un secundario sen apenas importancia. Nas actividades agropecuarias (23,3% dos activos) destaca o cultivo vitícola, con 211 ha, unha superficie que se reduciu enormemente, e que produce para a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, subárea Ribeiras do Sil (engloba algunhas parroquias dos concellos de Castro Caldelas, Parada de Sil e A Teixeira). O sector gandeiro supón un considerable número de empregos e está orientado cara á explotación de gando porcino, vacún e ave de curral, asociada ás cooperativas COREN. A superficie agrícola oriéntase, nas áreas onde non predomina o viñedo, aos cultivos forraxeiros e pastizais (35% da superficie agraria útil). O sector secundario (22,3% dos activos) é moi escaso e só se centra en pequenas fábricas de transformación agraria, na construción (13,1% dos empregos) e na produción hidroeléctrica (encoros da Hedrada, Leboreiro e Santo Estevo). En canto ao terciario, tivo un crecemento moi forte na derradeira década do s XX (54,4% dos activos), motivado polo turismo e os servizos públicos. A revalorización do patrimonio cultural e natural fixo que a comarca destaque en canto a número de visitantes. Os servizos públicos, con case a metade dos empregos do terciario, destacan na capital comarcal, Castro Caldelas, que posúe Axencia de Extensión Agraria, instituto de secundaria e centro de saúde especializado, ademais de contar con centros sociais, deportivos e culturais. O comercio, representado polos pequenos establecementos de carácter familiar, tamén logrou incrementar a súa participación.
Historia
A Terra de Caldelas estivo poboada en época romana como o testemuña o paso da Via Nova que unía Bracara Augusta e Asturica Augusta polas terras de Castro Caldelas. Durante a Idade Media fundáronse mosteiros na Ribeira Sacra, nos concellos de Parada de Sil e Montederramo. Xunto a eles exerceron o poder os condes de Lemos sobre Castro Caldelas. Esta vila foi escenario das Guerras Irmandiñas. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran os concellos da comarca pertenceron ás xurisdicións de Castro Caldelas, señorío do conde de Lemos, posteriormente da casa de Alba; Montederramo, señorío do mosteiro homónimo; o Couto Redondo de Vilariño Frío, señorío laico; Santa Cristina de Ribas de Sil, señorío do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil; Ribas de Sil, señorío do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil; e San Lourenzo e Vil, señorío da encomenda de Quiroga. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa subsitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos de Castro Caldelas, Medorra, Montederramo e Chandrexa de Sacardebois. A derrogación da Constitución de 1812 por Fernando VII en 1823 supuxo a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa formación dos concellos de Castro Caldelas, Montederramo, Para de Sil e A Teixeira.
Patrimonio cultural
Entre as mostras de aquitectura relixiosa destacan as igrexas de Santa Tegra e San Paio e as ruínas do mosteiro de Abeleda en Castro Caldelas; o mosteiro cisterciense de Santa María de Montederramo (BIC, 1951); a igrexa e o claustro do antigo mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e as igrexas de Santa María de Chandrexa e Santa Cristina de Caxide en Parada de Sil; e as igrexas de Santa María de Abeleda, San Martiño de Fontán e Santa María de Sistín na Teixeira. O centro histórico de Castro Caldelas foi declarado BIC en 1998, e destaca tamén o castelo dos condes de Lemos (BIC, 1994). Situada na Ribeira Sacra, a comarca conta cun rico patrimonio cultural. Sobresaen os miradoiros de Pena de Matacas, Pena do Xastre e Pena do Xábrego en Castro Caldelas; o espazo natural do Bidueiral en Montederramo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) en 2001; e o espazo natural do Canón do Sil, tamén declarado LIC en 2001, en Parada de Sil. Celébranse, entre outras festas, a festa gastronómica da bica en Castro Caldelas, a de Nosa Señora da Asunción en Montederramo, as romarías de San Bieito e San Ramón en Parada de Sil e as festas de Santa Catuxa na Teixeira.