Timor-Leste
Estado do SL asiático que constitúe a metade oriental da illa de Timor (14.874 km2; 750.000 h [estim 2001]). A súa capital é Dili (45.000 h [1999]).
Xeografía
Localizado na parte oriental da illa de Timor, trátase dun país montañoso (acada os 2.960 m de altitude). O seu clima é tropical e está afectado polas chuvias dos monzóns, que provocan avalanchas de terra e inundacións. É o estado máis pobre do SL asiático e enfróntase a graves problemas socioeconómicos, como a falta de inversións e alimentos e o paro (afecta aproximadamente ao 50% da poboación). Despois da acadar a independencia, tentouse converter a agricultura de subsistencia nun sector orientado á exportación, pero os baixos prezos do mercado e a falta de abastecemento interior levaron ao fracaso esta política. Un sector que comeza a despuntar é a explotación de reservas de petróleo mariñas. Só o 7,6% da poboación é urbana.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A maioría da poboación son malaio-polinesios e papúas, aínda que tamén existe unha minoría chinesa. As linguas oficiais son o portugués e o tetum. A maioría da poboación é católica (90%), hai tamén musulmáns, protestantes, hindús, budistas e animistas.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Timor-Leste entre os países cun desenvolvemento humano baixo (158° posto mundial cun índice de 0,439). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 49 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 58,6% da poboación e o índice bruto de escolaridade é do 73%.
Goberno e política
Antiga colonia portuguesa, o 28 de novembro de 1975 o FRETILIN proclamou a independencia de Portugal, pero foi invadida por Indonesia. En 1999 comezou un período de administración da ONU e o 20 de maio de 2002 proclamouse a independencia. A Constitución de 2002 está baseada na portuguesa. O poder executivo exérceo o presidente, elixido por sufraxio universal para un período de 5 anos. Este nomea o líder do partido maioritario como primeiro ministro. O poder lexislativo correspóndelle á Assembleia Constituinte, formada, excepcionalmente, por 88 membros (2005), elixidos para un período de 5 anos. O número mínimo de parlamentarios establecidos é de 52 e o máximo de 65. En 2004 adoptou un sistema legal baseado no portugués. As principais organizacións políticas son a Frente Revolucionária do Timor-Leste Independente (FRETILIN), o Partido Democrático (PD), o Partido Social Democrata (PSD) e a Associação Social-Democrata Timorense (ASDT). Organismos internacionais: ONU.
Historia
A illa de Timor repartiuse en 1904 entre neerlandeses, parte occidental, e portugueses, parte oriental. Despois da Revolução dos Cravos o FRETILIN proclamou a independencia da parte oriental o 28 de novembro de 1975. Indonesia, que en 1949 incorporara a parte neerlandesa, invadiu a parte oriental ao entender que era a súa 27ª provincia, a pesar da oposición da ONU. Indonesia principiou unha política de incorporación e asimilación acompañada dun intenso programa de aculturación baseado na substitución da lingua portuguesa e na persecución da igrexa católica. Como reposta á invasión desenvolveuse no interior do país un movemento de resistencia, encabezado pola FRETILIN. En 1996 concedeuse o Premio Nobel da Paz a dous dos líderes da resistencia timorense, ao bispo Carlos Ximenes Belo e a José Ramos Horta. O 30 de agosto de 1999 un referendo auspiciado pola ONU co consentimento do goberno indonesio apoiou a independencia maioritariamente. Non obstante, grupos paramilitares proindonesios recrudeceron a partir dese momento as súas accións provocando o desprazamento de milleiros de timorenses diante da impotencia dos observadores da ONU, obxectivo tamén dos ataques. O 20 de setembro dese ano a ONU enviou os cascos azuis e o exército indonesio retirouse pouco despois. Tras un período baixo a administración de Nacións Unidas, o 20 de maio de 2002 accedeu á plena independencia baixo a presidencia de Xanana Gusmão, da FRETILIN, formación que tamén domina na Assembleia Consituinte. En maio de 2004 púxose fin oficialmente á misión da ONU aínda que a súa presenza se mantivo máis tempo para reforzar as forzas policiais e militares do país.