tinta

tinta

(< lat tincta, p p detingĕre)

    1. s f

      Preparación máis ou menos fluída, de diferentes cores, que consiste nunha suspensión de pigmentos minerais moi finos ou de lacas, que se emprega para escribir, debuxar, pintar, imprimir ou reproducir sobre papel ou outros soportes textos ou debuxos. Pódese afirmar que os chineses e os exipcios xa a empregaban en 2500 a C.

    2. tinta autográfica

      Tinta que serve para escribir ou para debuxar sobre un papel especial que despois se ten que reportar a unha pedra litográfica.

    3. tinta chinesa

      Tinta indeleble e moi negra feita con negro de fume e cola.

    4. tinta de imprenta

      Tinta que se emprega en artes gráficas. As que se utilizan nas prensas cilíndricas son moito máis fluídas ca as empregadas nas prensas planas, e as de litografía e offset son máis espesas ca as que se utilizan en tipografía. A impresión é máis coidada canto máis finos son os pigmentos e máis homoxénea é a suspensión.

    5. tinta indeleble

      Tinta que resiste, sen borrarse, a acción dos axentes químicos ordinarios e o paso do tempo.

    6. tinta simpática

      Tinta incolora á que hai que aplicar algún tratamento físico ou químico, xeralmente calor, para que se vexa.

  1. s f

    Substancia coa que se tingue ou pinta.

  2. s f [ZOOL]

    Secreción de cor negra ou negra violácea, a causa da presenza de melanina disolta en auga, que os cefalópodos producen nunha bolsa ou glándula e que proxectan violentamente polo sifón cando se ven ameazados. Dilúese na auga do mar e produce unha densa nube de protección que dificulta a visibilidade do depredador e permite fuxir ao cefalópodo.

  3. media tinta [PINT]

    Capa de cor que se estende como base sobre a que se van colocando o claro ou o escuro, na pintura á tempera e ao fresco.

Frases feitas

  • Medias tintas. Actos ou palabras pouco claros.

Palabras veciñas

Tinos | Tiñosa | tiñoso -sa | tinta | tintamuza | tinteira | tinteiro