Tiro
Antiga cidade fenicia, que corresponde á actual Ṣ ūr, situada en Líbano, a uns 87 km ao S de Beirut. Documentada desde o III milenio a C, no s XVI a C foi conquistada por Tuthmosis I, e estivo en poder exipcio ata o reinado de Ramsés II. Ao redor de 1191 a C foi repoboada por xente de Sidón. Desde o s X ao VI a C exerceu a hexemonía sobre as outras cidades fenicias. O soberano principal foi Hiram I. Outros reis importantes son Ithobaal (887-856 aC) e Pigmalión (821?-774 a C), durante cuxo reinado Dido fundou Cartago (841 a C). Conquistada polos neobabilonios con Nabucodonosor II (570 a C), adoptou formas republicanas de goberno en substitución da monarquía hereditaria. Incorporada ao Imperio Aqueménida, rebelouse en 345 a C, pero foi conquistada por Artaxerxes III. Opuxo nova resistencia, sen éxito, a Alexandre o Grande, e a súa toma (332 a C) significou o fin de Fenicia. Despois formou parte do Imperio Seléucida (198-64 a C), da provincia romana de Siria (64 a C-395 d C) e do Imperio Bizantino (395-638). Foi conquistada polos árabes e a partir da derrota otomá na Primeira Guerra Mundial, formou parte de Líbano. Foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1984.