Toén

Toén


Concello da comarca e da provincia de Ourense situado no O da provincia de Ourense, no S de Galicia. Limita ao N co concello de Ourense, ao S co de Cartelle, ao L co de Barbadás e ao O co de Castrelo de Miño. Abrangue unha superficie de 58,3 km 2 cunha poboación de 2.649 h (2007), distribuída nas parroquias de Alongos, Feá, Moreiras, Mugares, Puga, Toén, Trelle e Xestosa. A capital é o lugar de Toén, situado 42° 19’ 14’’ N e 7° 57’ 03’’ O, a 12 km da capital provincial. Está adscrito á diocese e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
Destacan dúas unidades ben diferenciadas: o val do Miño e os seus afluentes e a superficie de aplanamento que, cara ao S, se ergue a unha altitude superior aos 500 m. Trátase dunha morfoloxía contrastada froito da incisión da rede fluvial nas superficies de erosión. Os materiais que forman este espazo son sobre todo granitos e xistos moi duros, excepto a parte setentrional onde predominan as rochas sedimentarias. En canto ao clima, a parte setentrional do concello encádrase no dominio oceánico mediterráneo, mentres que o S encádrase no dominio oceánico continental. As temperaturas medias anuais sitúanse ao redor dos 14°C, cunha media invernal de 7°C e en verán de 21-22°C; no S as medias anuais sitúansesobre os 12°C con invernos máis fríos (5,5-6°C) e veráns arredor dos 20-21°C. Ao estar nunha área abrigada respecto aos ventos dominantes, as precipitacións son escasas (800 mm), aínda que son máis abondosas no S, ao redor dos 1.000 mm. As xeadas son frecuentes no inverno, así como as néboas de inversión térmica nos vales.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Toén presenta unha serie de altos e baixos que rematan cun descenso xeneralizado ao longo de todo o s XX. En 1900 contaba con 3.881 h, en 1910 con 3.798 h e en 1920 con 3.524 h, para posteriormente medrar, 3.875 h en 1930; 4.329 h en 1940 e 4.369 h en 1950. Esta evolución fai pensar nun elevado crecemento vexetativo, pero tamén nunha intensa emigración a América nas primeiras décadas do século, que se reduciu nos anos seguintes, polo que o crecemento foi posible. Desde 1950 o éxodo rural fixo minguar a poboación de forma considerable, con etapas de recuperación e outras de maior descenso: 3.982 h en 1960; 3.249 h en 1970; 3.612 h en 1981; 2.636 h en 1996, 2.579 h en 2001 e 2.649 h en 2007. Este descenso xeneralizado explícase polo éxodo rural sufrido nos últimos cincuenta anos, especialmente pola proximidade á cidade de Ourense. As entidades de poboación son pequenas, compostas por aldeas máis compactas no S e máis dispersas no N. En 2006 o crecemento natural foi de negativo (-8‰9 froito dunha baixa natalidade (4,8‰) e unha elevada mortalidade (12,8‰). A composición por idades mostra un avellentamento da poboación pois os maiores de 65 anos son o 31,2% fronte ao 9,2% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 59,6%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,77% de homes e 49,22% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello Toén é do 46,2% (57% a masculina e 35,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,8% ( 51,6% a masculina e 32,4% a feminina); a taxa de paro é do 9,4% (9,6% a masculina e 9,3% a feminina). O sector primario, composto polas actividades agropecuarias e gandeiras, representa hoxe unha posición menos destacada que anteriormente (12,8% dos activos). Existe un importante desenvolvemento da viticultura na parte norte do concello, con 285 ha incluídas na Denominación de Orixe Ribeiro. O armentío gandeiro máis considerable é o avícola, con máis de 4.500 cabezas, situadas en granxas asociadas á cooperativa Coren. Toén aproveitou a súas vantaxes de localización nas proximidades da cidade de Ourense, captou algunhas industrias situadas en Ourense e creou outras relacionadas coa cidade. A industria acolle o 22,3% dos activos e nela destacan as agroalimentarias (adegas), as relacionadas cos asfaltos e as canteiras. Moitos dos habitantes do concello desprázanse diariamente a Ourense para desempeñar os seus postos de traballo. A construción ocupa o 16,9% dos traballadores. No sector servizos (48% dos activos) destacan as pequenas empresas comerciais locais, así como outras relacionadas con Ourense. Os servizos públicos e a administración son os subsectores que maior emprego xeran, moitos deles desempeñados en Ourense. A principal vía de comunicación do concello é a A-52 e outras estradas que comunican as distintas entidades municipais.
Historia
A antigüidade do poboamento de Toén atópase nos restos paleolíticos atopados no xacemento da Piteira como bifaces, raspadeiras, coitelos de dorso ou denticulados, e no castro de Trelle. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Toén pertenceron ás xurisdicións de Feá, señorío laico e do mosteiro de San Martiño Pinario; Moreias, señorío do bispo e da capelanía do Santo Cristo de Ourense; Mugares, señorío do bispo de Ourense compartido cun laico; e os coutos redondos e Puga, señorío de Ourense, e Xestosa, señorío laico. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de San Pedro de Moreiras, Mugares e Puga. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de Toén.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de Santa María de Feá, Santa María de Mugares e San Pedro de Moreiras, con fachada barroca. No eido da arquitectura civil sobresae a torre de Puga, na parroquia homónima, que pertenceu a un pazo do s XVIII. Celébranse entre outras festas as de San Roque en Alongos, San Miguel en Puga, San Pedro en Moreiras, a Pascuilla en Mugares e San Xoán en Toén, ademais das celebracións do magosto e do entroido,.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ourense
Extensión 58 Km2
Poboación Total 2649 h
Poboación Homes 1345 h
Poboación Mulleres 1304 h
Densidade de poboación 45.67 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias