Togo
Estado de África occidental que constitúe unha franxa estreita que baixa perpendicularmente ao golfo de Guinea, entre Benin ao L, Ghana ao O e Burkina Faso ao N (56.785 km2; 4.796.000 h [estim 2001]). A capital é Lomé.
Xeografía
Xeografía física
Pódense distinguir seis rexións xeográficas: unha faixa costeira baixa e areosa que forma unha chaira lixeiramente ondulada de altitude variable; un altiplano cristalino; as montañas, que atravesan o país en dirección SO-NL e culminan a 1.200 m, aínda que a altitude media é de 600 m; a chaira do río Oti e a chaira do NO. Climaticamente está dividido en dúas rexións: ao S o clima é ecuatorial, cálido e húmido, con temperaturas constantes e dúas estacións de chuvias; no interior e ao N o clima é sudanés, cunha estación de chuvias irregulares e abundantes e unha longa estación seca, cando sopra o harmattan, vento sudanés continental, moi seco e cargado de po e area do Sáhara. Hidrograficamente, ten dúas vertentes: ao S, o Mono cos seus afluentes e, ao N, o Oti, afluente de Volta. Na zona costeira está o lago Togo. A vexetación ten carácter de selva seca ou de sabana.
Xeografía económica
O sector primario constitúe a base económica. A maioría das explotacións son de tipo familiar e de dimensións reducidas. Practícase unha agricultura de subsistencia centrada na mandioca, a batata, a boroa, o millo e o sorgo. Os cultivos comerciais son basicamente de algodón, café e cacao e as explotacións atópanse principalmente ao S e ao O do país. É autosuficiente en alimentos. A gandaría, practicada sobre todo ao N, é de gando cabrún, ovino, porcino, bovino e avícola. A pesca é moi limitada. O sector insdustrial é moi recente. A principal riqueza do subsolo son os fosfatos de Akumapé. Hai tamén mármore, ferro, magnesio e cromita. As fontes de enerxía eléctrica, principalmente hidroeléctricas, son insuficientes e impórtase electricidade de Ghana. A industria de transformación manufactura principalmente a produción agrícola nacional, e tamén destacan os fosfatos e o cemento. O aeroporto internacional está en Lomé. Togo exporta fosfatos, algodón e café a Cánada, Francia e España. As importacións céntranse nos produtos manufacturados, a maquinaria e o equipamento de transporte e produtos alimentarios, e proveñen de Francia, os Países Baixos e Alemaña. A balanza comercial é positiva. A moeda é o franco CFA.
Xeografía humana
O crecemento anual da poboación situouse para o período 2000-2005 no 2,3%. A densidade de poboación é do 84,5% pero está repartida moi desigualmente. Os principais núcleos urbanos son Lomé, Sokodé e Kpalimé, que concentran o 26% da poboación. A poboación urbana é do 35,1%.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Togo está habitado por grupos ewe (44%), kabiyé (27%), gourma (16%), tem (4%) e outros. A lingua oficial é o francés, pero tamén se fala o ewe e o mina (no sur), e o kabiyé e o dagomba (no norte). A metade do poboación segue as relixións animistas ou crenzas tradicionais (50%), e tamén hai católicos (23%), musulmáns sunnitas (15%) e protestantes (12%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Togo entre os países cun desenvolvemento humano baixo (143º posto mundial cun índice de 0,495). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 57 anos para os homes e 61 para as mulleres. O índice de alfabetización de adultos é do 59,6% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 67% e o PNB real por habitante é de 1.480$ EE UU.
Goberno e política
República independente de Francia desde o 27 de abril de 1960, a Constitución aprobouse por referendo o 27 de setembro de 1992. O poder executivo reside no presidente, que é elixido para un período de 5 anos por sufraxio directo. Este elixe ao primeiro ministro. O poder lexislativo exérceo a Assemblée Nationales formada por 81 membros que son elixidos por sufraxio directo para un período de 5 anos. O sistema xudicial baséase no dereito francés. A pena de morte está formalmente en vigor. As principais forzas políticas son: Rassemblement du Peuple Togolais (RPT), Rassemblement pour le soutien de la démocratie et du développement (RSDD), Union pour la démocratie et le progrès social (UDPS) e Juvento. Organismos internacionais: Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU, Unión Africana (UA) e asociado á UE.
Historia
Ao final dos sucesivos desprazamentos humanos que van desde o s XVI ao s XVIII as diferentes etnias instaláronse no territorio. Ao final do s XV os navegantes portugueses desembarcaron nas costas togolesas e, no s XVIII, Aneho converteuse nunha parada importante polo comercio de escravos. En 1722 os comerciantes daneses instalados na actual Ghana abriron o comercio. Os escravos negros brasileiros tiveron un gran papel nas actividades comerciais e na valoración agrícola das terras do litoral. Durante o s XIX alemáns e franceses, sucesivamente, tropezaron cos intereses dos ingleses. Alemaña impúxose en 1884 e explorou o interior do país a partir de 1890. En 1897 os alemáns fixaron a capital en Lomé e comezaron a equipar o país, que chegou a ser unha colonia modelo. Ao comezo da Primeira Guerra Mundial franceses e ingleses venceron aos alemáns e repartíronse Togo: o N e o L para os franceses, e o O para os británicos. En 1957 o Togo británico integrouse en Ghana, a pesar do rexeitamento maioritario da poboación, e o Togo francés converteuse en república, con estatuto de autonomía interna. O 27 de abril de 1960 foi proclamada a independencia, e Sylvanus Olympo pasou a ser presidente ata o seu asasinato (1963). O novo goberno de Unión Nacional elixiu presidente a Nicolás Grunitzky, que tivo que dimitir, forzado polo exército (1967), e tomou o poder o coronel Éyadema. A constitución foi abolida e en 1969 un novo partido único substituíu os antigos partidos. En 1979 o réxime do xeneral Étienne Gnassingbé Éyadema convocou unhas eleccións, en que este foi elixido presidente da república, e un referendo polo que se aprobou unha nova constitución. En 1986 Éyadema resultou reelixido presidente, pero en 1991 uns alborotos forzaron a conceder a amnistía xeral e o multipartidismo, e en 1992 aprobouse unha nova constitución. En 1993 e 1998 Éyadema foi de novo confirmado como presidente. Aínda que as eleccións de 2003 foron cuestionadas, Éyadema foi reelixido ata que en 2005 se elixiu como presidente da república a Faure Gnassingbé, tamén do RPT.