tomismo

tomismo

(

s m [FILOS/RELIX]

Doutrina de san Tomé de Aquino e dos seus seguidores e intérpretes que establece as chamadas cinco vías para a demostración da existencia de Deus, como causa primeira e última fin da creación. Das súas doutrinas destaca a da analoxía do ser, a da distinción entre esencia e existencia, a da inintelixibilidade do singular e a da primacía do intelectual. Distínguese entre o tomismo de Tomé de Aquino e o da tradición posterior, chea de variadas modalidades. A ensinanza de Tomé de Aquino non tivo moitos seguidores nos ss XIII e XIV. No s XV destacaron Johannes Capreolus (1380?-1444) e a aparición da edición prínceps das obras de Tomé (1497). O s XVI na Península Ibérica tivo un grande esplendor, e destacaron Francisco de Vitoria e Domingo de Soto, así como Melchor Cano e Domingo Báñez. Os esforzos teolóxicos da Contrarreforma recorreron ao tomismo, que, coa organización dos estudos eclesiásticos, foi vulgarizado dunha maneira sincretista. Cos teólogos xesuítas os tomistas entraron en disputas sobre a predeterminación e a graza e a libertade. Estimulado pola encíclica de León XIII Aeterni Patris Unigenitum (1879), tivo lugar un rexurdimento, o neotomismo. Enfronte da crise modernista, a comezos do s XX, rexurdiu un tomismo académico dun ríxido conservadorismo, pero un dobre movemento modificou as orientacións: o da Universidade de Lovaina, dunha banda, co cardeal Mercier e, pola outra, en Francia, o dos seguidores de Bergson, dos que destacou Jacques Maritain.