Tonga
Estado insular do Pacífico surcentral formado por un arquipélago de 150 illas e illotes (750 km2; 99.000 h [estim 2001]). A capital é Nuku’alofa.
Xeografía
O arquipélago está dividido en tres grupos: ao N as illas Vava’u, no centro as Ha’apai e ao S as Tongatapu e tres illotes illados. A maioría das illas son coralinas, pero 15 das máis occidentais son volcánicas, con volcanismo activo. O clima é tropical e a vexetación é de selva pluvial. Os tonganos desenvolveron cultivos comerciais para a exportación como cocos, bananas, sandías, vainilla e pasiflora, a carón dos cultivos habituais de subsistencia como mandioca, pataca doce, cítricos, taro, iñame, tomates e cacahuetes. A gandaría é escasa (porcos, vacas, cabras e cabalos) e a pesca é moi importante para a alimentación. A electricidade procede de centrais térmicas de petróleo, pero está sendo substituída por centrais mareomotrices. O sector manufactureiro produce pequena maquinaria, roupa, equipamento deportivo, aceite de coco, e outras transformacións alimentarias. O turismo é tamén un sector importante. Hai 680 km de estradas. O porto e o aeroporto principais atópanse en Nuku’alofa. O comercio consiste na exportación de aceite de coco, sandías e vainilla a Xapón, Australia e Nova Zelanda, a cambio de alimentos, maquinaria e equipamento de transporte e petróleo refinado, de Nova Zelanda, Australia e Fixi.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta maioritariamente por tonganos (95%). As linguas oficiais son o tongano e o inglés. Os grupos relixiosos marioritarios son os protestantes (43%) e os católicos (16%), seguidos das doutras relixións (41%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Tonga entre os países cun desenvolvemento humano medio (63º posto mundial cun índice de 0,684). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 67 anos para os homes e 72 para as mulleres. O índice de alfabetización de adultos é do 98,8% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 82% e o PNB real por habitante é de 6.850$ EE UU.
Goberno e política
Antigo protectorado británico, acadou a independencia o 4 de xuño de 1970 no ámbito da Commonwealth. É unha monarquía constitucional hereditaria, en que o rei exerce o poder executivo como xefe de estado. Os cargos de primeiro ministro e de viceprimeiro ministro son nomeados polo rei. O poder lexislativo reside na Fale Alea/Legislative Assembly, formada por 30 membros, dos que 9 son elixidos por votación popular, 9 polos nobres, 10 son membros do Privy Council do monarca e 2 son gobernadores. Ten un mandato de 3 anos. O seu sistema xudicial baséase nas leis inglesas. Conta cunha Supreme Court e coa Court of Appeal. Non existen partidos políticos, só o Human Rights and Democracy Movement ten representación parlamentaria. Organismos internacionais: Commonwealth, Comunidade do Pacífico, ONU e asociado á UE.
Historia
As illas foron descubertas en 1616 por J. Lemaire e W. C. Schouten. En 1773 chegou J. Cook, que as denominou illas dos Amigos. A finais do s XIX os seus habitantes estableceron pactos de amizade con Alemaña, Reino Unido e EE UU. Protectorado británico en 1900, en 1958 foi dotado dun réxime autonómico e en 1970 converteuse en reino independente no ámbito da Commonwealth. Desde 1965 o monarca é Taufa’ahau Tupou IV, que en 2000 nomeou primeiro ministro ao príncipe Lavaka Ata Ulukalala, que tamén desempeña o cargo de ministro de Defensa.