Toques
Concello da comarca da Terra de Melide situado no SL da provincia da Coruña e no centro de Galicia (42° 57’ 30’’ N - 7° 58’ O). Limita ao N co concello de Sobrado (comarca da Terra de Melide), ao S o de Melide, ao L cos de Friol (Lugo) e Palas de Rei (A Ulloa) e ao O con Melide. Abrangue unha extensión de 77,9 km2cunha poboación de 1.447 h (2001) distribuída nas parroquias da Capela, Mangoeiro, Ordes, Paradela, San Martiño de Oleiros, San Xiao do Monte, Santa Eufemia do Monte, Santa Mariña de Brañas, Vilamor e Vilouriz. A súa capital é Souto, na parroquia da Capela, que se atopa a 82 km da Coruña e a 63 km de Santiago de Compostela. Pertence á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Arzúa.
Xeografía física
O concello de Toques está situado nunha área de topografía elevada na que se poden diferenciar dúas grandes unidades. Por unha banda aparecen os terreos de montaña que ocupan todo o N e L municipal, trátase das serras do Bocelo e do Careón, que forman parte da Dorsal Meridiana Galega, cunha altitude media entre 650 e 700 m e no que as maiores cotas do concello son O Careón (798 m), Pena Armada (760 m) e Santa Eufemia (728 m). A litoloxía dominante é de rochas ígneas e metamórficas (granitos intrusivos de dúas micas e gneis, fundamentalmente) que foi pregada durante a oroxenia herciniana, arrasada durante o Secundario e fracturada en múltiples bloques durante os movementos alpinos, que foron erguidos de novo por movementos tectónicos e disecados pola erosión lineal dos numerosos regatos existentes. Cara ao S e e SL, aparece unha altitude media menor, 400-500 m, resto da superficie de erosión de fins do Oligoceno, cunha morfoloxía ondulada pola sucesión de vales e bocarribeiras abertas polo río Furelos e os seus afluentes (Sendión, Portacovo, Rego Pequeno, Rego Salgueira,), todos da conca do Ulla. Nalgúns sectores prodúcese un notable encaixamento dos ríos, que se debe á dureza da litoloxía na que se instalan. O clima aparece mediatizado pola elevada altitude media e a cativa influencia mariña. Pertence ao dominio climático húmido, e dentro das variedades galegas ao subtipo das plataformas occidentais. As precipitacións son abundantes (1.400-1.500 mm) debido á ausencia de relevos significativos interpostos entre a costa e a Dorsal. No inverno aparece o máximo pluviométrico (36%), aínda que a primavera e o outono acadan cuantiosas chuvias (27% e 26%, respectivamente). No verán (10%), a escaseza das precipitacións fai que xurdan certos problemas de aridez entre xullo e setembro. As xornadas anuais de chuvia superior a 1 mm sitúanse en 140, aínda que a sucesión de días sombríos con precipitación inapreciables incrementa esa cifra de xeito notable. A continentalización nótase no réxime térmico, pois a temperatura media anual é baixa (10,7°C), cuns invernos fríos (5,7°C en decembro; 6,5°C en xaneiro; 6,6°C en febreiro) e veráns con temperaturas moderadas (16,7°C en xullo) debido á forte amplitude térmica diaria. As xeadas son intensas entre novembro e marzo e non son raras as nevadas en inverno e mesmo nos comezos da primavera. A elevada topografía municipal dificultou o aproveitamento agrario e favoreceu que a cuberta vexetal clímax aínda teña certa importancia, sendo frecuentes os soutos, as carballeiras e especies ripícolas nas ribeiras, como o bidueiro, aínda que a repoboación con especies alóctonas de crecemento rápido acada proporcións case masivas, destacando entre elas o Pinus insignis.
Xeografía humana
Toques perdeu un 44% da súa poboación desde o primeiro censo moderno de 1887 (2.843 h), ata o de 2001 (1.580 h). Esta diminución non foi lineal, senón que ata 1940 o concello coñeceu un aumento continuado do seu colectivo poboacional dun 0,28% anual. As saídas emigratorias durante ese período foron importantes, pero o elevado saldo vexetativo positivo logrou contrarrestalas; pero no intervalo intercensual 1940-1950 apareceu un estancamento da poboación (medrou en 3 persoas en todo o decenio, para situarse en 1950 en 3.264 h, o máximo histórico). A partir dese momento a poboación xa non deixou de descender ata 2001, xa que o cativo crecemento natural (positivo ata mediados da década de 1980) non logrou agora contrarrestar a fortísima sangría poboacional que supuxo a emigración. Así, de 1950 a 1960, a redución foi do -0,39%; de 1960 a 1981 do -1,28%; de 1981 a 2001 do -1,56%, e de 2001 a 2007 do -8,41%. O saldo vexetativo (2006) , é moi negativo (-8,4‰), derivado dunha natalidade moi cativa (3,7‰) e unha mortalidade alta (12,1‰). Os maiores de 65 anos supoñen o 30,7% fronte ao 11,5% de menores de 20 anos; o grupo intermedio representan o 57,8%. Os homes (52,10%) superan as mulleres en porcentaxe (47,89%), debido a unha maior tradición da emigración feminina.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) de Toques é do 43,6% (58,5% a masculina e 27,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,7% (52,4% a masculina e 24,1% a feminina); a taxa de paro é do 11,4% (10,5% a masculina e 13,5% a feminina). Malia as dificultades impostas por un medio topográfico e climático hostil para o desenvolvemento das actividades agrarias, a base da economía de Toques é o sector agropecuario, xunto co transvasamento económico, vía pensións, da Administración Pública. No sector primario están empregados o 41,3% dos ocupados, a maioría en explotacións bovinas, que contan cun armentío de 4.962 reses (2007). A maioría das explotacións gandeiras vacúas, dedicadas en case todos os casos á produción láctea, teñen un tamaño axeitado para obter unha adecuada rendibilidade. O gando ovino tamén ten certa implantación. En conxunto, ao redor do 30% das terras están dedicadas a pastos para o aproveitamento gandeiro, e boa parte dos cultivos son forraxeiros para facer os silos de alimento do gando. Fóra das actividades primarias, a industria acada só un 12% da poboación ocupada, e está dedicada fundamentalmente ao aproveitamento dos recursos endóxenos. Pola súa banda, a construción emprega o 16,4% da poboación, maioritariamente homes de baixa cualificación que pasaron a esta actividade tras abandonar o sector primario. Finalmente, o sector servizos emprega o 30,2% dos ocupados, desenvolvendo unha parte deles o seu traballo na vila de Melide, á que se desprazan diariamente. No terciario cómpre destacar o comercio, a hostalaría e o transporte. Non conta con ningunha vía de comunicación da rede principal. A máis destacada é a local que sae de Melide e vai unirse á que conecta Sobrado dos Monxes e Friol.
Historia
A antigüidade do poboamento das terras de Toques amósase nos restos arqueolóxicos atopados como o dolmen Forno dos Mouros. Do período castrexo coñécese a situación de nove poboados, dos que cómpre salientar o da Graña, cun intenso proceso de romanización final. A historia do concello xira ao redor do mosteiro beneditino de Santo Antoíño. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Toques pertenceron ás xurisdicións de Peibás, señorío do convento de Melide, da Orde Terceira de San Francisco, do conde de Lemos e dun señor laico; Santo Antoíño de Toques, señorío do mosteiro de San Martiño Pinario; e Boente, señorío do conde de Altamira. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do concello de Santo Antoíño de Toques. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa recuperación do concello que, posteriormente, modificou o seu nome polo de Toques.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados cómpre destacar as igrexas de San Paio de Paradela, San Tomé de Mangueiro, San Xiao do Monte, Santa Eufemia do Monte, Santa Mariña de Brañas, Santa María de Ordes e a igrexa de orixe prerrománica do antigo mosteiro de Santo Antoíño de Toques, declarada BIC en 1994. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Serra do Careón, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas de Santo Antoíño e Santa Mariña e a romaría de Santo Isidro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Terra de Melide |
| Extensión | 77 Km2 |
| Poboación Total | 1447 h |
| Poboación Homes | 754 h |
| Poboación Mulleres | 693 h |
| Densidade de poboación | 18.79 h/Km2 |