Tordoia

Tordoia


Concello da comarca de Ordes situado no centro da provincia da Coruña ao O da Comunidade Autónoma de Galicia (43° 05’ latitude N e 8° 33’ lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Carballo (comarca de Bergantiños) e Cerceda (Ordes), ao S co de Trazo (Ordes), ao L cos de Cerceda e Ordes e ao O cos de Trazo, Val do Dubra (Santiago) e Coristanco (Bergantiños). Abrangue unha superficie de 124,5 km 2 cunha poboación de 4.467 h (2007), distribuída nas parroquias de Andoio, Anxeriz, Bardaos, Cabaleiros, Castenda da Torre, Gorgullos, Leobalde, Numide, Tordoia e A Vila do Abade. A súa capital, Pontepedra, está situada na parroquia de Cabaleiros, a 50 km da Coruña e 38 km de Santiago de Compostela. Pertence á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Ordes.
Xeografía física
O concello de Tordoia presenta un relevo caracterizado pola presenza na súa maior parte dun bloque aplanado na vertente dereita do río Tambre, basculado de O a L, cunha altitude que oscila entre os 300 e os 500 m. Sobre este nivel de aplanamento destacan algúns niveis máis elevados como o Alto da Forca (530 m) ou Insua (569 m). A continuidade desta superficie de aplanamento queda interrompida por unha depresión lineal que se corresponde cunha fractura tectónica, a fosa meridiana, que atravesa o sector máis occidental. A área O do concello presenta un substrato de gabros, metagabros e epidioritas, no centro ábrese unha franxa de granodioritas e no L aparecen xistos e cuarzo-xistos sobre os que se depositaron no fondo do val materiais aluviais cuaternarios. Son materiais moi antigos, de cronoloxía precámbrica ou de comezos do Primario. A maior parte deses materiais non presentan gran resistencia á erosión, de xeito que a rede hidrográfica apenas incidiu no relevo, formándose amplos vales de suaves pendentes. A maior parte do concello pertence á conca do Tambre e só unha moi pequena extensión verte as súas augas ás concas do Xallas e do Anllóns, actuando como divisoria de augas o Monte Castelo no límite municipal con Santa Comba. O Lengüelle, afluente do Tambre, é o río principal. O clima pertence ao dominio oceánico húmido e dentro das variedades galegas encádrase nos climas do interior, no subtipo das plataformas occidentais, caracterizado por unhas fortes precipitacións (1.500 mm) grazas á fácil penetración dos ventos húmidos do NO e N e dos fluxos ciclónicos do O e SO debido á ausencia de relevos interpostos entre o litoral e o concello. As chuvias son abondosas no inverno (40 %), manténdose elevadas en primavera e outono (24% e 26%, respectivamente) e unha acusada seca estival (10%), aparecendo problemas de aridez en agosto. A temperatura media anual está próxima aos 12°C, cunha oscilación térmica de 10°C e 11°C. A mínima invernal dáse en xaneiro (7,3°C) e a máxima en agosto (18,2°C). O risco de xeadas é intenso de novembro a marzo. Apenas quedan restos de vexetación autóctona debido ao intenso proceso de transformación de terras en pastos.
Xeografía humana
A poboación de Tordoia mantivo un forte crecemento continuado (1,1 % anual) desde o primeiro censo moderno, o de 1887 (3.672 h), ata 1950, momento en que acadou o seu máximo poboacional (6.220 h). O notable saldo vexetativo positivo mantivo ese crecemento, pois a emigración foi intensa, sobre todo nos primeiros decenios do s XX cara América. A partir de 1950 iniciouse o segundo movemento emigratorio cara a América e desde 1959 cara aos países europeos máis industrializados. Deste xeito a poboación comezou a descender, pois o crecemento natural era xa cativo ao quedar poucos mozos tras os procesos emigratorios. Así, de 1950 a 1981 a poboación decreceu un -0,5% anual. A crise económica internacional posterior a 1973 favoreceu o retorno de emigrantes, propiciando que entre 1981 e 1991 se recuperase levemente (incremento do 0,16% anual). No último período intercensual (1991-2001) retómase a senda da perda de poboación (-0,95 % anual). Esta perda de poboación continua nos primeiros anos do s XXI: -7,83% entre 2001 e 2007. Este descenso ven motivado en gran medida polo elevado saldo vexetativo negativo (-8,7 ‰, 2006). A natalidade é extremadamente baixa (2,6‰, 2003) e a mortalidade moderadamente alta (11,3‰). O 29,9% da poboación é maior de 65 anos fronte aos 11,4 % dos menores de 20 anos;o grupo intermedio representa o 58,7%. As mulleres son maioría (52,56%, fronte ao 47,43% de homes) debido á súa maior esperanza de vida.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Tordoia é do 52,1% (60,7% a masculina e 44,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 48,6% (56,1% a masculina e 42,1% a feminina); e a taxa de paro é do 6,7% (7,7% a masculina e 5,5% a feminina). A base económica é o aproveitamento do gando leiteiro. O concello conta cuns caracteres topográficos e climáticos que favorecen os pastos, que se estenderon de xeito espectacular tras a intensa concentración parcelaria que reduciu a un quinto as parcelas iniciais. As actividades primarias empregan o 37,5% dos ocupados. No concello estaban censadas 11.804 reses de vacún (2007), a gran maioría leiteiras, en explotacións en xeral de adecuado tamaño para unha rendibilización económica axeitada. A maior parte das terras cultivadas están dedicadas a forraxes para elaborar os silos de alimentación do gando. A industria (15,7%) dedícase en boa medida ao aproveitamento dos recursos endóxenos, e non é infrecuente que os que a ela se adican se trasladen a Ordes ou Santa Comba a desenvolver o seu labor diario. O mesmo sucede coa construción (16,6%) e os servizos (30,1%), dos que destacan o comercio, a hostalaría, o transporte, a Administración Pública e a seguridade. Posúe estación de ferrocarril da liña Coruña-Santiago.
Historia
A ocupación humana do concello foi dilatada no tempo, pois as primeiras pegadas achadas nel correspondéronse coas culturas megalítica e castrexa. Non se tivo constancia de feitos históricos destacados no concello. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que o integran pertenceron á provincia da Coruña -xurisdicións de Arcai (señorío da Universidade de Santiago), Rus (señorío de San Martiño Pinario) e Vilarprego (señorío do conde de Graxal)- e á provincia de Santiago, xurisdicións de Gorgullos e Xallas (ambas as dúas dependentes do arcebispo de Santiago) e Montaos (señorío do marqués de Montaos). A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do concello de Vilarprego, dependente do partido xudicial de Poulo e integrado na provincia da Coruña. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa creación, un ano despois, do concello de Tordoia, que pasou a depender do partido xudicial de Ordes (a excepción do período comprendido entre 1965 e 1988, durante o que pasou a depender do partido xudicial de Santiago). Posteriormente perdeu unha parroquia -a de Arcai-, que se incorporou á de Gorgullos, aínda que tal feito non significou a perda de territorio.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio destacan o dolmen de Cabaleiros de Pontepedra, ou os castros de Tordoia e Vilabade. Tamén as capelas de Nosa Señora do Carme (Castenda) e do Rosario (Vilabade), así como as igrexas parroquiais de San Cibrán da Vila de Abade, San Xián de Cabaleiros, Santa María de Bardaos e Santa María de Castenda da Torre. O patrimonio natural está representado polo espazo natural do Río Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Tordoia celebra as festas en honor á Virxe do Carme en Cabaleiros, á Santa María en Bardaos ou á San Cibrán en Vilabade. Tamén as romarías da Virxe do Rosario en Anxeriz e Gorgullos e a da Virxe do Carme en Castenda da Torre.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Ordes
Extensión 124 Km2
Poboación Total 4467 h
Poboación Homes 2119 h
Poboación Mulleres 2348 h
Densidade de poboación 36.02 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias