toxicoloxía
(< toxico- + -loxía)
-
s
f
[MED]
Ciencia de aplicación sanitaria que estuda os velenos, as pezoñas ou os tóxicos. Estuda a procedencia e a natureza, as propiedades físicas, químicas e biolóxicas, as vías de penetración no organismo, o metabolismo, así coma a patoloxía das intoxicacións, o tratamento dos intoxicados, a loita contra as intoxicacións e as cuestións legais, xurídicas e sociolóxicas relacionadas cos tóxicos. O uso de pezoñas foi moi divulgado no Renacemento, o que deu lugar á aparición, no s XVII, da toxicoloxía legal, para asesorar os tribunais. O primeiro tratado científico Traité des poisons ou toxicologie générale (1814-1815) foi publicado por Mateu Orfila e Rotger, grazas ao que a toxicoloxía alcanzou o nivel de ciencia. A toxicoloxía non só é unha ciencia que se ocupa de envelenamentos agudos individuais, senón que é tamén unha ciencia de interese colectivo que trata de intoxicacións, moitas veces crónicas, que inclúen campos tan variados como a toxicoloxía bromatolóxica, a toxicoloxía agrícola (praguicidas, fertilizantes), a toxicoloxía industrial (intoxicacións profesionais por gases ou disolventes), a toxicoloxía dos medicamentos (efectos secundarios indesexables, incompatibilidades, interaccións con alimentos ou consumo abusivo ou inadecuado), as toxicomanías (drogas ou estupefacientes), as armas químicas e biolóxicas, a toxicoloxía de produtos domésticos (raticidas, deterxentes ou cosméticos), os vexetais e animais velenosos ou a toxicoloxía ambiental ou ecotoxicoloxía.
-
toxicoloxía dos alimentos
[ALIM/MED]
Parte da bromatoloxía e da toxicoloxía que estuda os posibles efectos tóxicos dos alimentos. Os efectos tóxicos dos alimentos poden ser debidos a moitas causas: contaminación bacteriana, por compostos químicos engadidos, contaminación natural, alimentos que se descompuxeron, compoñentes que se forman en animais ou plantas estacionalmente ou por causas ambientais, compoñentes habituais de alimentos sans que son tóxicos para algúns individuos ou substancias naturais canceríxenas en alimentos. OBS: A primeira grafía <x> representa o son [ks].