toxo
(< prerrománico *toju)
-
s
m
[PLANTA]
Arbusto espiñento, moi ramificado, de ata 2,5 m de altura. As follas novas son trifoliadas e despois son substituídas por espiñas verdes. As flores son amarelas, dispostas na axila das espiñas nas pólas secundarias, papilionáceas e caracterízanse por ter o cáliz amarelo, dividido en dous beizos dentados (o superior con dous e o inferior con tres dentes). O froito é un legume negro e peludo, que pode ter de unha a seis sementes non comestibles. As raíces presentan uns avultamentos ou nódulos cheos de bacterias (Rhizobium), que son capaces de fixar o nitróxeno gaseoso que haxa no solo, polo que son plantas que poden medrar sen necesidade de abono. Florece entre finais do outono e a primavera en zonas de matogueiras e queirogais. Pódese atopar en altitudes que van desde o nivel do mar ata os 1.300 m. É orixinario da Europa atlántica e pode atoparse asilvestrado en zonas do Mediterráneo e algúns países americanos. En Galicia son moi frecuentes as variedades U. europaeus var latebracteatus e U. europaeus var europaeus. Emprégase frecuentemente para facer a cama do gando e tamén como leña ou estrume para fertilizante. OBS: Tamén se denomina toxo arnal ou toxo macho.
-
toxo bravo
[PLANTA]
Arbusto espiñoso, de ata 1 m de altura, con talos ergueitos, ás veces algo deitados. As ramas vellas teñen unha cortiza parda ou parda-agrisada, sen follas e con moitas espiñas e as ramas novas son herbáceas e sen espiñas. As follas son simples, alternas, enteiras, elípticas ou lanceoladas e con pecíolo curto. Teñen flores amarelas dispostas en acios con brácteas e froito en legume. Florece entre febreiro e xullo en matogueiras húmidas, fundamentalmente na metade S de Galicia.
-
toxo gateño
[PLANTA]
xesta das brañas.
-
toxo gateño/molariño
[PLANTA]
Arbusto espiñoso, de 1 a 2 m de altura, moi ramificado, verde escuro coas ramas principais longas, curvadas e cubertas con moitas espiñas. As follas están transformadas en acículas espiñosas. As flores son amarelas, solitarias ou reunidas por pares e corola con 5 pétalos. O froito é un legume de forma oval e cuberto de pelos. Florece durante gran parte do ano en lugares húmidos e sombríos. Pódese atopar en altitudes que van desde o nivel do mar ata os 900 m. Emprégase ás veces como planta ornamental.
-
toxo molar
[PLANTA]
Arbusto moi semellante ao Ulex minor do que se diferencia por presentar espiñas máis robustas e flores máis grandes. En Galicia está presente só na zona norte.
-
toxo portugués
[PLANTA]
Arbusto, de ata 1 m de altura, con ramas curvas con espiñas grosas e flores con cáliz pubescente. Florece na primavera. Pódese atopar en matogueiras en altitudes que van desde o nivel do mar ata os 1.000 m. É endémica do N de Portugal e o S de Galicia.
Refráns
- Para boas cuñas, pau de toxo.