Trabada
Concello que pertence á comarca da Mariña Oriental situado na provincia de Lugo no NL de Galicia e da provincia de Lugo (43° 26’ 30’’ N - 7° 11’ 30’’ O). Limita ao N co concello de Ribadeo (A Mariña Oriental), ao S co concello da Pontenova (A Mariña Oriental), ao L co Principado de Asturias e ao O cos concellos de Lourenzá (A Mariña Central) e Barreiros (A Mariña Oriental). Abrangue unha extensión de 82,7 km 2 cunha poboación de 1.451 h (2007), distribuída nas parroquias da Fórnea, A Ría de Abres, Sante, Trabada, A Valboa, Vidal, Vilaformán e Vilapena. A súa capital está en Trabada, na parroquia homónima, a 92 km de Lugo e a 158 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Mondoñedo e ao partido xudicial de Mondoñedo.
Xeografía física
Trabada presenta un relevo accidentado en que domina ao O, cunha disposición meridiana, a serra da Cadeira, que serve de límite con Riotorto, Lourenzá e Barreiros. Esta serra descende de altitude de S a N e presenta as maiores cotas do municipio (Cerrochán, 776 m; Campanelas, 765 m; Liñeiras, 626 m e Órrea, 600 m). Os materiais que a compoñen son do período cámbrico e ordovícico. Ao L da serra desenvólvese o resto dunha superficie de aplanamento de entre 200 e 400 m de altitude que foi labrada durante o Terciario sobre materiais antigos, do cámbrico e precámbrico, moi metamorfoseados, onde predominan os xistos e as lousas. Esta superficie de aplanamento está moi disecada pola acción fluvial, que aos pés da serra da Cadeira foi incidida polos cursos altos dos ríos Trabada e Vilapena, tributarios do Eo, que na área L e NL abre a súa conca nun amplo val no seu curso baixo, en que se superan pouco os 100 m de altitude media. O clima adscríbese ao dominio oceánico húmido, e dentro das variedades galegas pertence ao subtipo da fachada litoral lucense, pois a influencia mariña directa penetra no concello a través do val do Eo. A temperatura media anual é fresca (12,5°C) cun inverno pouco marcado (8,5°C en xaneiro) e un verán non moi caloroso (18,5°C en agosto). Atópase nunha área de abrigo aerolóxico fronte aos ventos do N, ao igual que fronte aos fluxos do SO e O que descargan a súa humidade na Dorsal Meridiana. Por esa razón na área L as precipitacións sitúanse nos 1.000 mm, mentres que na serra da Cadeira ascenden ata os 1.500 mm. O réxime pluviométrico presenta un máximo invernal (36%), un máximo secundario en primavera de clara influencia cantábrica (27%), aínda que no outono tamén chove bastante (24%). O descenso estival das precipitacións non é moi acusado (13%), de xeito que apenas existen problemas de aridez. O número de xornadas anuais de chuvia sitúase sobre as 130. O risco de xeadas na área oriental é escaso, non obstante, aos pés da serra da Cadeira increméntase, especialmente entre novembro e febreiro. A vexetación climácica de frondosas caducifolias está moi degradada e só aparece de xeito illado nos fondos do val. Progresou moito a repoboación forestal de piñeiros, nas variedades negral e silvestre, aínda que dominan os espazos ocupados polas matogueiras (toxos, uces e xestas).
Xeografía humana
Trabada perdeu desde a realización do primeiro censo moderno, o de 1887 (3.865 h), un 59% da súa poboación. Esta mingua demográfica foi continua, de xeito que en cada renovación censual foi contando cun menor número de efectivos. Ata 1960 esa redución foi a un ritmo moderado (-0,28% anual) pois as fortes vagadas emigratorias cara a ultramar eran contrarrestadas, en certa medida, por un saldo vexetativo positivo. O incremento das saídas por emigración cara a Europa ao longo da década de 1960 e cara ás áreas desenvolvidas de España na de 1970 e nos primeiros anos da de 1980, xunto co saldo vexetativo negativo a partir de comezos desa mesma década, propiciaron un decrecemento moito máis acusado, que entre 1960 e 2001, situouse no -1,17% cada ano. Entre 2001 e 2007 o decrecemento situouse no -8,79%. En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo (-12,5‰) froito dunha baixa natalidade (5,1‰) e unha elevada mortalidade (17,6‰). Froito desta constante perda de efectivos é unha estrutura por idades moi avellentada, cun 32,7% dos efectivos con 65 ou máis anos e tan só un 10,5% por debaixo dos 20 anos; o grupo intermedio representa o 56,8%. Por sexos dominan as mulleres (50,79%) sobre os homes (49,29%) debido á súa maior esperanza de vida ao nacer e á súa tradicional menor emigración.
Xeografía económica
A taxa de actividade do concello de Trabada é do 46,4% (56,2% a masculina e 37,6% a feminina); a taxa de ocupación é do43,6% (53,5% a masculina e 34,8% a feminina); e a taxa do paro é do 6% (4,9% a masculina e 7,6% a feminina). Os dous piares económicos do concello son a actividade agraria, por unha banda, e a transferencia de recursos pola Administración a través das pensións de xubilación. Ao sector primario dedícanse o 43,2% dos activos, a maior parte de elevada idade media. Só o 8,5% da superficie total das explotacións son terras labradas, fronte a un 20% dedicadas a pastos e un 53% ao aproveitamento forestal. A gandaría vacúa está moi desenvolvida (4.281cabezas en 2007 con 141 explotacións). A maior parte dos cultivos que existen son de plantas forraxeiras para a alimentación do gando, aínda que o millo e a horticultura para autoconsumo aínda manteñen certa importancia. A industria emprega o 15,5% dos ocupados, e dedícase fundamentalmente á posta en valor dos recursos locais, dos que destaca o subsector dos serradoiros e primeira transformación da madeira e a extracción de gravas e areas para a construción. A construción, non obstante, non ten un desenvolvemento moi elevado (9,7%) e conta con traballadores moi pouco cualificados. Finalmente, os servizos ocupan o 31,5% restante, dos que destacan o comercio, a Administración Pública e seguridade, a educación e a sanidade, todos eles concentrados na vila capital. A principal vía de comunicación é a estrada Lugo-Vegadeo.
Historia
Os primeiros vestixios de ocupación humana achados en Trabada remóntanse á época megalítica (4500-2000 a C) e castrexa (s VI a C - II d C). Durante a Idade Media, as terras do concello recibiron a denominación de Triavada, probablemente relacionada coa existencia de tres vados para atravesar o río Eo. Durante o Antigo Réxime, o concello tivo as súas parroquias repartidas entre as xurisdicións de Sante, baixo o señorío dos seus veciños; Vilaformán, señorío do bispo de Mondoñedo; e Vilanova de Lourenzá, señorío do mosteiro homónimo; así como nos coutos redondos de Vidal, baixo o señorío dos seus veciños; Valboa, señorío de Carlos de Oia; e Trabada, señorío do mosteiro de Santa María de Meira, todos eles na provincia de Mondoñedo. Durante a Guerra da Independencia, Melchor Díaz de la Rocha, alcalde de Sante, púxose ao fronte dunha milicia popular de campesiños e expulsou os franceses de Ribadeo. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Coa división municipal de 1821 emanada das Cortes de Cádiz establecéronse en terras de Trabada tres concellos: Sante, Trabada e Vilaformán, pertencentes ao partido xudicial de Ribadeo, que na seguinte división municipal (1835) foron reducidos aos de Vilaformán e Sante. En 1841 unificáronse e recibiron a denominación de Trabada.
Patrimonio cultural
Ademais das medorras megalíticas de Vilarbetote (Sante) e dos poboados castrexos de Sante e Vidal, dentro do patrimonio do concello destaca a igrexa parroquial de Santiago de Vilapena, a casa do Pacio ou a torre de Terrafeita, en Trabada. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Río Eo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celebra as festas de San Marcos, no Alto da Cadeira; de San Fernando en Balboa; en honor á Nosa Señora, en Trabada; o Santiago Apóstolo na Ría de Abres e o Corpus Christi, en Sante.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Mariña Oriental, A |
| Extensión | 82 Km2 |
| Poboación Total | 1451 h |
| Poboación Homes | 714 h |
| Poboación Mulleres | 737 h |
| Densidade de poboación | 17.7 h/Km2 |
Parroquias
| Fórnea, A |
| Ría de Abres, A |
| Sante |
| Trabada |
| Valboa, A |
| Vidal |
| Vilaformán |
| Vilapena |