trabe
(< lat trabe)
Peza, xeralmente prismática, moito máis longa que grosa e disposta horizontalmente, que serve para soportar as cargas que non gravitan directamente sobre unha parede ou unha pilastra. Os materiais que se empregan na súa construción foron a madeira, o ferro ou o formigón armado. Existen diversos tipos: a trabe apoiada, sostida por diferentes puntos de soporte; engatada, cos extremos fixados á estrutura; continua, cando consta dunha soa peza sostida en máis de dous puntos de apoio, e articulada ou trabe Gerber, cando presenta articulacións. Segundo a posición na obra pode chamarse vigueta, cando serve para formar sobrado; trabe mestra, cando serve de soporte para outras vigas; lintel, cando pecha unha abertura nunha parede; ménsula, cando só repousa nun extremo; cumio, cando é a parte superior dunha estrutura e forma a aresta de unión das dúas vertentes do tellado; trabe de parede cando está acorada a unha parede e serve de apoio aos taboleiros dunha cubrición; e trabe lima, cando está inclinada e vai desde a cumieira ou unha parede mestra central ata cada un dos ángulos dun faiado de catro augas.