transplante

transplante

(< transplantar)

  1. s m

    Acción e efecto de transplantar.

    Sinónimos: transplantación.
  2. s m [MED]

    Operación de transplantar un órgano ou un tecido. O transplante pode facerse nun mesmo individuo (autotransplante), entre dous xemelgos univitelinos (isotransplante), entre individuos da mesma especie (homotransplante) e individuos de especies diferentes (heterotransplante). Os autotransplantes e os isotransplantes non presentan ningún problema a parte do da propia técnica cirúrxica, e non son rexeitados. Pola contra, os homotransplantes, e sobre todo os heterotransplantes, presentan graves problemas de rexeitamento debido á incompatibilidade inmunolóxica dos tecidos do doador e o receptor. O rexeitamento continúa sendo o principal problema por resolver, a pesar das melloras farmacolóxicas e dos avances na investigación inmunolóxica conseguidos.

    Sinónimos: transplantación.
  3. transplante nuclear [BIOL/XEN]

    Técnica de manipulación xenética experimental que consiste en introducir un núcleo diploide dunha célula doadora nun óvulo fecundado e do que previamente se extrae o núcleo. Reimplantado o óvulo no útero da femia da célula orixinal, comeza a serie de divisións celulares ata o desenvolvemento do embrión. Os transplantes de núcleos de individuos adultos non dan lugar a individuos normais, ou estes non sobreviven ata a idade adulta, xa que proveñen de células especializadas que non presentan a totipotencia das indiferenciadas. OBS: Tamén se denomina transplantación nuclear.