trobadoresco -ca
(
-
adx
Relativo ou pertencente aos trobadores.
-
música trobadoresca
[MÚS]
Música de tipo monódico creada polos trobadores para acompañar as súas poesías. Cultivada desde finais do s XI ata finais do s XIII, constitúe un conxunto de 256 pezas que se conservan en manuscritos. Son melodías modais, frecuentemente inspiradas na música gregoriana. Os xéneros en que se clasifica estas pezas corresponden case sempre ao texto poético.
-
poesía trobadoresca
[LIT]
Poesía escrita polos trobadores en lingua vulgar occitana entre os ss XII e XIV. A poesía trobadoresca caracterízase por estar escrita en lingua vulgar, ser lírica e estar escrita por individuos de identidade coñecida. Está integrada por un corpus de máis de 2.500 composicións escritas entre os ss XII e XIV por poetas nados en Gascoña, Languedoc, Provenza, Auvernia e Lemosín, aos que moi axiña se engadiron poetas do N de Italia, Catalunya, Galicia e Portugal. Moitas destas composicións foron recollidas en cancioneiros, na súa maior parte realizados en Italia durante o Renacemento. A lingua en que están escritas estas poesías, o occitano -ou provenzal-, e no caso de Galicia e Portugal, en galego-portugués, presenta unha uniformidade moi notable e relativamente poucos trazos dialectais, malia a diversa procedencia dos poetas. Trátase, xa que logo, dunha poesía escrita nunha lingua supradialectal, unha especie de koiné. As poesías dos trobadores eran un todo inseparable das melodías que as acompañaban. O poeta, denominado trobador, compuña a letra e a música de diversas pezas que despois serían divulgadas mediante o canto polos xograres. De feito, algúns cancioneiros que conservaron os textos levan tamén a notación musical. A lírica trobadoresca é, polo tanto, unha poesía dunha considerable perfección formal, tanto naquilo que afecta ao estrofismo, medida dos versos e rima, coma naquilo que ten que ver cos medios expresivos e as imaxes poéticas. Este afán preceptivo traduciuse na aparición, a inicios do s XIII, dos primeiros tratados poéticos en occitano (Ramón Vidal de Besalú). Na lírica dos trobadores ben axiña tomaron forma tendencias estilísticas moi diverxentes: a de expresión sinxela; a de expresión hermética, que supón unha dirección que se pode denominar conceptista; e outra expresión culterana. En canto á versificación, a poesía occitana baséase, como as outras linguas románicas, no número de sílabas do verso e na rima consonante. Na poesía trobadoresca poden destacarse diversos xéneros como a cansó, o sirventés, o pranto, a alba e a pastorela. A convención literaria principal que achega a literatura trobadoresca é a da fin’amors, un código de galantaría e de cortesía, que pode ser lido como unha transposición das relacións de vasalaxe da sociedade feudal e a relación amorosa entre o trobador e a súa amada (amor cortés). A poesía trobadoresca é a primeira mostra de literatura de alta esixencia artística en lingua vulgar que xurdiu en Europa e a súa influencia sobre a cultura occidental foi moi importante. Por outra banda, no ámbito galego-portugués, o trobador identificouse desde un principio con liñaxes importantes da nobreza peninsular, mesmo das familias rexias, como Afonso X ou don Denís, aínda que o grupo máis numeroso de trobadores era aquel conformado pola nobreza secundaria e os cabaleiros adscritos a diferentes cortes señoriais, como Pero Garcia de Ambroa ou Johan Garcia de Guilhade, entre outros. Ademais, estes trobadores, aos que se lles supoñía certa formación en gramática, retórica e música, isto é, certa formación cultural, aparecen asociados a tres tipos de cantiga: de amigo, de amor e de escarnio e maldicir, tal e como aparecen definidos na Arte de Trovar. Os trobadores occitanos foron moi coñecidos en practicamente toda a Península Ibérica e a súa influencia nos círculos culturais das cortes castelás, xunto coa dos autores galego-portugueses, foi notable.