turismo

turismo

(< ingl tourism)

  1. s m

    Feito de viaxar por pracer. O termo tourist (turista) xurdiu en 1800 para designar os británicos de clase alta que realizaban o Grand Tour ou viaxe de fin de estudos, cara aos centros da cultura europea clásica (París, Roma ou Florencia), durante un ou dous anos. O conxunto de actividades que realizaban podía definirse como tourism (turismo). Algúns especialistas remontan a súa orixe á Antigüidade, -proclamando como viaxes turísticas algunhas campañas da cultura helenística- ou á Idade Media, época das grandes peregrinacións, das cruzadas e da proliferación de novas rutas comerciais. Este modelo de viaxe exploratoria afianzouse co nacemento dos primeiros estados modernos que, logo da consolidación das misións diplomáticas, xustificou a viaxe de centos de persoas dun lugar a outro do planeta. Outra tradición relacionada co turismo foi a dos exploradores. Os cambios fundamentais na maneira de coñecer o turismo producíronse a partir da segunda metade do s XX, cando pasou de ser unha actividade restrinxida ás clases sociais de maior poder adquisitivo a ser un fenómeno de masas. Os principais factores foron a mellora dos medios de transporte, o aumento do tempo libre, o diñeiro e a motivación. Os sitios máis visitados foron os núcleos litorais da costa meridional inglesa e algúns enclaves holandeses e franceses, próximos ao canal da Mancha. Posteriormente a expansión turística chegou ao Mediterráneo, primeiro á Costa Azul, e despois a localidades menos coñecidas do litoral español, italiano e portugués. A segunda tipoloxía turística en importancia foi a relacionada cos deportes de inverno en estacións de montaña, a través da iniciativa dun director dun complexo hoteleiro dos Alpes, Johannes Badrutt (s XIX). Nos últimos anos desenvolveuse o turismo rural, que tivo a súa orixe nas excursións realizadas polos londinenses á campiña. Tamén as cidades participaron da expansión dos denominados turismos alternativos, atendendo a unha serie de criterios que colocaron determinados destinos (Nova York, Londres, París, Madrid, Roma ou Santiago de Compostela) nunha situación de competencia favorable con centros turísticos do litoral, debido á súa oferta cultural ou á súa riqueza patrimonial. Existen outras tipoloxías de turismo, como o relixioso, o turismo de fronteiras, o hidrorecreativo, o industrial, o turismo de congresos ou o turismo sexual. Polo que se refire ao turismo internacional, España converteuse nunha das principais potencias mundiais, pois recibe máis de cincuenta millóns de visitantes (2002). En Galicia, o sector turístico non rexistrou a mesma importancia que noutras comunidades autónomas do Mediterráneo, pero a expansión desde a década de 1990 doutras fórmulas de turismo alternativo ao turismo tradicional de sol e praia, como o Camiño de Santiago, a marca Galicia Calidade, a artesanía tradicional, a gastronomía, o medio natural, as novas infraestruturas, Santiago de Compostela, as Rías Baixas, as Rías Altas ou os parques nacionais, repercutiu moi positivamente na súa imaxe como destino turístico.

  2. s m

    Conxunto de actividades relacionadas coas viaxes deste tipo.

  3. s m

    Conxunto de turistas.

  4. s m

    Nome dado ao automóbil con capacidade para nove persoas ou menos, incluído o condutor.

Palabras veciñas

turinxio -xia | turión | Turís | turismo | turista | turístico -ca | Turkana, lago