Turkmenistán
Estado do SO da Asia Central, que limita ao N con Uzbekistán, ao NL con Kazakhstán, ao O co mar Caspio, ao S con Irán e ao SL con Afganistán (488.000 km2; 5.170.000 h [estim 2001]). A capital é Aškhabad.
Xeografía física
Os desertos ocupan o 90% do territorio. O deserto de Karakumy, un dos máis grandes do mundo, ocupa toda a parte central da república. Catro quintas partes do territorio son chás; no extremo O, a beira do Mar Caspio forma unha depresión por debaixo do nivel do mar. Ao SO e ao extremo L o terreo é accidentado: nel atópanse as cordilleiras do Koppeh Dāg e do Kugitantau, zonas xeoloxicamente moi novas e sometidas a unha importante actividade sísmica. Os solos son variados, a miúdo salinos, e predominan os de cor gris parda. O clima é continental extremo, con veráns moi calorosos e invernos fríos. A precipitación anual é escasa. O río máis caudaloso é o Amur Daja. O Tedžen, o Murgab e o Atrek, xunto cos moitos regueiros que existen nas montañas, completan a rede hidrográfica. A vexetación é principalmente desértica, pero nas cordilleiras hai tamén vexetación esteparia, e boscosa nos oasis.
Xeografía económica
A agricultura segue sendo o principal recurso do país. Por riba de todos os cultivos destaca a monocultura do algodón. Os cultivos sitúanse principalmente nas ribeiras dos ríos, pero a abundante irrigación que esixe o algodón levou á construción dunha extensa rede de regas, das que destaca a de Karakumy, unha das máis longas do mundo. Outros cultivos son a moreira para os vermes da seda, as hortalizas (melóns e sandías), as froiteiras e o viño. A gandaría tamén é importante, especialmente a cría de ovellas karakul, de la moi apreciada. O gran recurso do Turkmenistán son os abundantes depósitos de petróleo e gas natural (Mar Caspio). Estes produtos expórtanse mediante gasodutos e oleodutos. Hai refinarías en Krasnovodski e Čardžou. A industria está pouco desenvolvida. O sector máis importante é o químico, concentrado na península de Čeleken, que produce fosfatos, iodo, bromo e deterxentes. A industria téxtil tradicional (fabricación de alfombras) tamén é relevante. A balanza comercial é equilibrada. Expórtase, ademais de hidrocarburos e de gas natural, algodón e produtos téxtiles. As importacións principais son de maquinaria, produtos manufacturados e alimentarios. Os principais clientes e provedores son os países da CEI, Turquía e Irán. As comunicacións por estrada (24.000 km, 1996) e ferrocarril (2.393 km, 1998) compleméntanse co transporte fluvial; o transporte aéreo está moi desenvolvido. Produtor de materias primas para a antiga URSS,desenvolveu moi pouco a súa estrutura económica. Tras a proclamación da independencia, iniciouse unha tímida política de privatización, mais os sectores económicos clave seguen baixo control estatal e rexistrouse un forte aumento do desemprego.
Xeografía humana
A taxa de crecemento da poboación foi do 14,2‰ (1998). O crecemento anual do período 2000-2005 fixouse no 1,5%. Cunha densidade de 10 h/km2(1995), a repartición da poboación é desigual e concentrada nos oasis e nas cidades, das que destacan Aškhabab e Čardzou. A poboación urbana supón o 36,6% (1995) da poboación.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta maioritariamente por turcománs (77%), seguidos dos uzbekos (9,2%), rusos (6,7%), kazakhos (2%), armenios (0,8%), ucraínos (0,8%), tártaros (0,8%), acerbaixanos (0,8%), rusos brancos (0,2%) e outros (1,7%). A lingua oficial é o turcomán. A relixión máis practicada é a musulmá (86,9%), seguida da ortodoxa (2,5%) e dos ateos (10,6%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Turkmenistán entre os países cun desenvolvemento humano medio (86º posto mundial cun índice de 0,752). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 62 anos para os homes e 69 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 98,8% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 81% e o PNB real por habitante é de 4.300$ EE UU.
Goberno e política
Antiga República Federal da URSS, acadou a independencia o 27 de outubro de 1991 como república. A Constitución do 18 de maio de 1992 estableceu un sistema presidencial de partido único. O presidente elíxese por sufraxio directo para un período de 5 anos. O poder lexislativo reside na Mejlis (Asemblea), formada por 50 membros elixidos para un período de 5 anos. Considérase ao Khalk Maslakhaty (Consello do Pobo), formado por 65 membros, o máximo representante do pobo. O sistema xudicial baséase no dereito europeo continental. Os xuíces da Corte Suprema son nomeados polo presidente. O único partido político é o Partido Democrático de Turkmenistán. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: CEI, ERBD, ONU e OSCE.
Historia
Ao redor do s XIII, os turcománs, nómades organizados en tribos, ocupaban a zona que actualmente forma o estado do Turkmenistán. O territorio foi disputado entre os ss XV e XVIII polos persas e o khanato de Bukhara, e os rusos fórono conquistando ao longo do s XIX na súa expansión por Asia central. En 1895 dividírono en zonas de influencia rusa e británica. A revolución bolxevique de 1917 topouse cunha forte resistencia da poboación autóctona e en 1924 estableceuse a República Socialista Soviética de Turkmenistán, aínda que a resistencia armada continuou. Foron motivo de conflito as colectivizacións e o abandono forzado da vida nómade, ademais da persecución do Islam. Desde os anos trinta levouse a cabo unha industrialización limitada e iniciáronse as grandes obras de irrigación. Gradualmente, o goberno soviético foi situando rusos nos lugares clave da administración local e da industria. Coa perestrojka, a mediados dos anos noventa, xurdiu certa oposición que non chegou a ameazar seriamente o goberno da república, nas mans do partido comunista local, que fixo algunhas concesións. Despois do golpe de estado frustrado que tivo lugar na URSS en agosto de 1991, o 27 de outubro o Soviet Supremo de Turkmenistán declarou a independencia. Pouco despois, o Partido Comunista cambiou o nome polo de Partido Democrático de Turkmenistán e iniciouse unha forte represión sobre a oposición. En decembro de 1991 ingresou na CEI. O 18 de maio de 1992 aprobouse unha constitución de corte fortemente presidencialista e Saparmyrat Niyyazow foi proclamado presidente. Nun referendo celebrado en 1994 decidiuse que se mantería no cargo ata 2002, pero en 1999 o parlamento decidiu que exercese o cargo de xeito vitalicio.