Turquía

Turquía
Nome científico: [nome oficial: República de Turquía; turco: Türkiye Cumhuriyeti]

Estado de Asia e parte de Europa, terra de paso entre ambos os continentes, que engloba esencialmente a gran península de Anatolia, ou Asia Menor, unha gran parte de Armenia, unha pequena parte de Mesopotamia e unha fracción de Tracia, na parte europea. Limita ao N co Mar Negro, ao L con Xeorxia, Armenia e Irán, ao S con Iraq, Siria e o Mar Mediterráneo, e ao NO con Grecia e Bulgaria (779.452 km2; 66.921.000 h [estim 2001). Entre a Turquía Europea e a Asiática está o mar de Mármara, cos estreitos do Bósforo e dos Dardanelos. A capital é Ankara.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
A estrutura de Anatolia é a dun altiplano manchado de concas lacustres e de volcáns. É unha rexión montañosa que esencialmente pertence ao sistema dobramento alpino, aínda que formando case unha penechaira e levantada en bloque por movementos de conxunto continuados. Xeoloxicamente atópanse rochas de case todas as idades. A Anatolia interior é unha superficie fundamental de altiplanos dominados por bloques con fallas levantadas e por conos volcánicos illados, chea de fosas tectónicas a miúdo ocupadas por lagos. Esta superficie álzase cara á Anatolia oriental, onde se abren vastas extensións volcánicas, dominadas polos grandes conos do Ararat (5.165 m) e do Süphan (4.058 m). Na fachada do Mar Exeo o altiplano escindiuse en grandes bloques de dirección L-O, alzados ata 2.000 m, entre fosas lonxitudinais drenadas por grandes ríos. Ao NO, na rexión do mar de Mármara, pásase cara a unha disposición irregular de bloques e de fosas. Polas diversas partes do altiplano interior opóñense unha serie de cadeas montañosas: ao N, a serra de Ponto; ao O, con dous sectores moi diferentes, ao O os macizos están separados por amplas chairas, mentres que ao S do Yeşil forman un conxunto de facies alpina; ao S, o Tauro está formado na parte O por unha serie de macizos e continúa pola serra do Tauro de Licia, todo seguido ata o sector do Tauro central, que culmina no Tauro cilicio, e ao L está o Antitauro, en dirección SO-NL. Con todo, un dos trazos máis característico do relevo son as profundas depresións cársticas existentes nas grandes masas calcarias da montaña ou as innumerables dolinas. Por outra banda, a Tracia oriental (Turquía Europea) é unha conca, a de Adrianópolis, drenada polo Marica, bordeada de montañas e formada, como o mar de Mármara, por un afundimento. Dúas penínsulas, as de Gallípoli e Constantinopla, prolongan a rexión. Ambas as dúas converxen en Asia, pechando o mar de Mármara polo O e o L e formando o bordo setentrional dos estreitos dos Dardanelos e do Bósforo (600 m no lugar máis estreito). Neste sector está a cidade de Istambul, na marxe europea do Bósforo, e o barrio de Üsküdar (Scutari) na asiática.
Clima e vexetación
A presenza das cadeas montañosas próximas á costa e a considerable altitude dos altiplanos inferiores determinan as especiais condicións climáticas de Turquía, caracterizadas polas temperaturas e as chuvias extremas, con grandes variacións dun distrito a outro. No inverno, ao L chégase a temperaturas comprendidas entre -30°C e 40°C. No O, as xeadas son frecuentes nas noites de decembro e de xaneiro. No verán, en cambio, as temperaturas da maior parte do país superan os 30°C. Ao longo da costa oriental do Mar Negro a pluviosidade anual media é alta e a vexetación exuberante contén elementos abundantes de bosque de follaxe caduca e de bosque laurifolio. No resto do país os índices de pluviosidade son moito máis baixos. Certas áreas do altiplano central son áridas, e alí son frecuentes as extensións de estepa salina e de semideserto. As principais cidades de Anatolia, incluída Ankara, sitúanse lonxe do centro, normalmente ao abeiro dos outeiros, onde a pluviosidade tende a aumentar. Cómpre subliñar o contraste existente entre as costas do Exeo, que climaticamente é unha das rexións máis favorecidas, e o resto do país. Preto do Exeo, os invernos son suaves e moderadamente chuviñosos, e os veráns, cálidos pero temperados por un persistente vento do norte, o meltemi.
Hidrografía
Os únicos cursos fluviais realmente abundantes, malia que de traxecto curto, son os da escarpa montañosa do L do Mar Negro. Os ríos da ribeira mediterránea que baixan do Tauro reducen moito o seu caudal durante o verán. Tamén son de réxime irregular os que desembocan no Mar Exeo. A Anatolia oriental posúe, en cambio, o curso superior dos grandes ríos de Mesopotamia (Tigris e Éufrates), aproveitados polo potencial hidroeléctrico. O endorreismo é o fenómeno máis característico da hidroloxía de Anatolia. As concas pechadas do altiplano interior están ocupadas por lagos, algúns de auga doce de orixe cárstica, como o de Egridir e o de Beyşehir, de fauna abundante e beiras moi húmidas; outros, de orixe tectónica, son de augas salgadas, máis ou menos profundas, como os lagos de Van ou de Burdur.
Xeografía económica

O sector primario
O sector agrícola ocupa un lugar preeminente dentro da actividade económica do país. Autosuficiente polo que respecta á maioría dos produtos alimentarios básicos, a súa distribución organízase principalmente de acordo coa diversidade climática. Os principais cultivos son o algodón, o tabaco, o trigo, a froita e as noces. O algodón prodúcese principalmente na rexión de Izmit e ao redor de Adana. O tabaco prodúcese en tres rexións principais: as costas do Mar Exeo, a costa do Mar Negro (o de máis calidade) e a Tracia de Mármara. Cultívanse cereais no altiplano e na costa do Mar Negro. A cebada, o xirasol, o millo, a remolacha, as patacas, o té e a oliveira son outros cultivos destacados. A viña, xa tradicional en Tracia e nas costas do Mar Exeo, estendeuse a outros vales de Capadocia e nas vertentes meridionais do Tauro oriental. É un cultivo que está en expansión e dedícase ao consumo directo dos acios, ben fresco, ben transformado en uvas pasas. A produción de viño está destinada fundamentalmente á exportación ou ao consumo dos turistas. É notable tamén a produción de opio. É moi importante o armentío ovino, principalmente do tipo Karaman. No gando caprino destaca a cabra de angora da que se obtén a la denominada moher. A gandaría bovina e os cabalos son tamén importantes. Das árbores dos bosques extráese madeira e goma e da raíz da planta Glycyrrhiza glabra a regalicia. A pesca converteuse nun importante recurso e é intensa no Mármara. No Mediterráneo obtéñense tamén esponxas.
Minaría e industria
Turquía goza dunha ampla variedade de recursos minerais: cromo, cobre e bórax son as principais exportacións, pero tamén se extrae carbón, petróleo, gas natural, bauxita, mineral de ferro e manganeso. Hai refinarías de petróleo en Batman, Mersin, Izmit e Esmirna; e o oleoduto Batman-Iskenderun. A produción de carbón e a de gas natural, en cambio, reduciuse. Un recurso notable é a hidroelectricidade. Malia que o inicio do proceso de industrialización se debeu ás empresas estatais, desde 1950 promoveuse a empresa privada. A participación da industria dentro da economía é crecente. Destacan as industrias alimentarias (azucre, carne, lacticinios, aceites de oliva e outros, viño, cervexa e licores), os téxtiles (algodón e la) e de calzado, as refinarías de petróleo, a metalurxia do ferro e do aceiro, a industria química e a do tabaco. A produción do cemento é suficiente para o consumo interior. Tamén é importante a metalurxia do aluminio e a do chumbo. Hai construcións ferroviarias en Sivas e Izmit, montaxe de avións en Kayseri e de automóbiles en Istambul e Bursa, ademais de estaleiros. Non están aínda desenvolvidas as industrias de papel (ligadas ás da madeira e á polpa) e do vidro, e teñen un marcado carácter artesanal as do coiro, os tapices e a cerámica.
Comunicacións e comercio exterior
A rede de comunicacións está incompleta, sobre todo polo que respecta ás estradas, pouco transitadas e deficientes, aínda que en desenvolvemento. O porto principal está en Istambul, pero supérao o de Mersin para as exportacións, como tamén o aeroporto internacional, que compite co de Ankara. A balanza comercial exterior turca presenta un persistente déficit, en parte compensado polas achegas dos emigrantes no estranxeiro e as entradas por turismo, unha das fontes económicas máis importantes para o país. As exportacións principais son do sector téxtil, seguido polo do ferro, o aceiro e o alimentario (froita). As importacións son de maquinaria, petróleo cru e vehículos. Os intercambios comerciais turcos son principalmente con Alemaña, Italia e EE UU.
Xeografía humana
Grazas á conxunción dunha alta natalidade (21,8%, 1998) e unha mortalidade menor (6,8%), a poboación pasou de 13 millóns en 1927 a 62 millóns no censo de 1997. Producíronse tamén amplos movementos de migración internos e de redistribución da fachada exea e mediterránea, antes abandonadas ao nomadismo. As chairas do delta da fachada setentrional foron repoboadas por emigrantes, procedentes do L do litoral póntico, superpoboado. Tamén as correntes de inmigración foron fortes en Istambul. No país predomina a poboación urbana (66,3%). É notable a emigración ao estranxeiro, sobre todo a Alemaña.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta maioritariamente por turcos (85,7%), seguidos dos kurdos (11%), árabes (1,5%) e outros (1,8%). A lingua oficial é o turco, pero tamén se falan o kurdo, o árabe, o armenio e o grego. A relixión máis practicada é musulmá (99,8%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Turquía entre os países cun desenvolvemento humano medio (88º posto mundial cun índice de 0,751). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 70 anos para os homes e 75 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 86,5% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 68%, e o PNB real por habitante é de 6.390$ EE UU.
Goberno e política
República desde o 29 de outubro de 1923, sucedeu ao Imperio Otomán. O 7 de novemebro de 1982 aprobouse a Constitución que en 1995 reinstaurou o réxime democrático. En 2001 aprobouse unha reforma constitucional, para facilitar o proceso de ingreso na UE, que permitía o emprego da lingua kurda e que reduciu os casos en que se permite a pena de morte por causas terroristas. O poder executivo reside no presidente, elixido para un período de 7 anos pola Asemblea, e no primeiro ministro. O poder lexislativo correspóndelle á Türkiye Büyük Millet Meclisi (Gran Asemblea Nacional de Turquía), formada por 550 membros elixidos para un período de 5 anos. O sistema xudicial deriva de diversos dereitos europeos e acepta con reservas a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais organizacións políticas son o Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP), o Partido Republicano do Pobo (CHP) e o Partido da Xusta Vía (DYP). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Consello de Europa, ERBD, OTAN, OCDE, Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU e OSCE.
Historia

O nacemento da República de Turquía
Os precedentes da fundación da república de Turquía, nacida en 1923, remóntanse á abolición do Imperio Otomán, nas Guerras Balcánicas (1912-1913) e nas alianzas con Alemaña levadas polos dous últimos sultáns otománs, Mehmet V e Mehmet VI durante a Primeira Guerra Mundial. O resultado adverso da guerra para Turquía e os proxectos aliados de constituír un futuro estado grego a ambas as dúas ribeiras do Mar Exeo potenciaron o nacionalismo turco, liderado polo militar Mustafà Kemal, que en 1934 recibiu o título de Atatürk, ou pai dos turcos. Este condenou publicamente a política do paxá Damad Ferid e anunciou a posibilidade de constituír un goberno provisional. Elixido presidente pola Grande Asemblea en Ankara en 1920, negouse a aceptar o Tratado de Sèvres, que prevía a creación dun estado independente en Armenia, a separación de Siria, Mesopotamia e Arabia do antigo imperio, a creación dun Kurdistán autónomo e a liberación en Grecia da zona anatólica do Mar Exeo; ademais, enfrontouse co sultán e co paxá Damad Ferid e iniciouse (1920) a denominada Guerra de Independencia Turca, que se confundiu coa Guerra Greco-turca aberta para impoñer as resolucións do Tratado de Sévres. Os soviéticos apoiaron aos nacionalistas e a vitoria de Dumlupinar (agosto de 1922) sinalou o triunfo definitivo dos turcos. Mustafà Kemal aboliu o sultanato o 1 de novembro de 1922. O 23 de agosto de 1923 a paz foi ratificada pola asemblea nacional e foron convocadas eleccións, que gañou o Partido do Pobo de Mustafà Kemal, que foi elixido presidente da asemblea. O 29 de outubro foi instaurada a república, da que Kemal foi nomeado presidente, o coronel Ismet Inönü foi designado primeiro ministro, e a capital foi trasladada a Ankara. Finalmente, o 3 de marzo de 1924 votouse a abolición do califato, dos tribunais musulmáns e das escolas relixiosas.
Da independencia á crise de 1971
Durante os quince anos de goberno de Atatürk iniciáronse as grandes reformas económicas e administrativas que deron lugar á formación da Turquía moderna: suprimiuse a poligamia e diversas institucións e costumes relixiosos, estableceuse un código civil e criminal de tipo occidental, foron europeizados os sistemas bancarios e comerciais, e adoptouse o alfabeto latino. Ademais, reforzouse a asimilación das minorías, especialmente dos kurdos. En política exterior, Atatürk seguiu unha decidida política pacifista. Despois da súa morte proseguiu a súa obra modernizadora o novo presidente, Ismet Inönü (1938-1950), que intentou, inicialmente, manterse á marxe da Segunda Guerra Mundial, pero en 1944 a Türkiye Büyük Millet Meclisi declarou a guerra a Alemaña. Grazas a esta intervención, Turquía converteuse en membro da ONU ao termo da contenda. En 1950 subiu ao poder o Partido Demócrata, Celal Bajar foi elixido presidente da república, e Adnan Menderes presidente do consello; ambos foron reelixidos en 1954. A política económica do Partido Demócrata foi dun marcado liberalismo e favoreceu o campesiñado. En política exterior Turquía chegou a ser claramente prooccidental, malia o empeoramento das relacións con Grecia con motivo do problema de Chipre. Ingresou na OTAN en 1952. Un golpe de estado en 1960 deulle o poder ao Partido do Pobo, baixo a presidencia do xeneral Cemal Gürsel.
Dos conflitivos anos sesenta ao goberno de Turgut Özal
Durante a década de 1960, Turquía tivo varios gobernos, ao tempo que se organizaba un movemento de oposición extremista de esquerdas que cometeu diversos actos terroristas. Como contrapartida xurdiron outros grupos terroristas de extrema dereita. En política exterior, mantívose a alianza con Occidente. Durante a presidencia de Fahri Koruturk, as continuadas desordes provocadas polos extremistas obrigaron a impoñer unha lei marcial (1971-1973) en gran parte do territorio. En 1974 o antigo conflito turco-chipriota, agudizado polo interese das prospeccións petrolíferas no Mar Exeo, estalou de novo. Ese mesmo Mustafà B. Ecevit, primeiro minsitro desde 1973, concedeu unha ampla amnistía política e dimitiu; seguiu unha longa crise de goberno e incrementouse a inestabilidade e a contestación. En 1974 as tropas turcas ocuparon o N de Chipre, feito que puxo en perigo as relacións turcas con Occidente. As eleccións de 1979 deron o poder a Süleyman Demirel e o seu goberno foi incapaz de encarar a grave crise económica, social e política do país. En 1980 o xeneral Kenan Evren, xefe do estado maior, fixo un golpe de estado, impuxo a lei marcial, disolveu o parlamento e ocupou a presidencia da república. En 1981 disolvéronse os partidos políticos e en 1982 unha nova constitución outorgou plenos poderes a K. Evren e confirmouno como presidente. O novo goberno reduciu o clima de violencia política con reiteradas violacións dos dereitos humanos, pero as presións internacionais favoreceron que en 1983 o réxime militar permitise a formación de novos partidos políticos, aínda que sometidos a fortes restricións, e que se convocasen eleccións xerais, gañadas polo Partido da Madre Patria (ANAP), conservador e tradicionalista. O seu líder, Turgut Özal, converteuse en primeiro ministro e impulsou unha moderada democratización do país, e despois dunha reforma constitucional que posibilitou unha amnistía política (1987), unhas novas eleccións xerais confirmaron o seu poder. En política exterior, o goberno turco recoñeceu en 1983 a República Turca de Chipre do Norte, proclamada unilateralmente, e continuou as boas relacións con EE UU e o acordo con Grecia sobre o Mar Exeo. En 1989 Özal converteuse en presidente e Y. Aklbulut substituíuno como primeiro ministro.
A Turquía de finais do s XX e do s XXI
A desaparición da URSS semellou diminuír a importancia estratéxica de Turquía, pero esta recuperouse coa Guerra do Golfo Pérsico, na que o goberno turco deu apoio a EE UU. Ao fin da guerra, refuxiados turcos instaláronse en diversos campos próximos á fronteira turca, baixo a administración aliada. No interior, as drásticas medidas económicas para frear a grave crise económica (entre elas, a inflación) contribuíron ao descontento xeral, que favoreceu en boa medida a crecente implantación do fundamentalismo islámico, e que nas eleccións lexislativas de 1991 se traduciu nunha derrota do ANAP. A formación máis votada, o Partido da Xusta Vía (DYP), formou un goberno de coalición co Partido Popular Socialdemócrata, encabezado por S. Demirel. O intento deste de relaxar a represión contra os kurdos e iniciar negociacións coa guerrilla fracasou e provocou unha crise de goberno. En xuño de 1993 morreu Özal e a Türkiye Büyük Millet Meclisi elixiu a Demirel presidente, mentres que a ministra Tansu Çiller, do DYP, foi elixida xefa de goberno. A represión contra os kurdos, que desde 1990 intensificaran a súa loita, aumentou en 1994-1995: ordenouse o alzamento da inmunidade parlamentaria e o encarceramento dos deputados kurdos e o exército levou a cabo diversas incursións ao N de Iraq, xa que consideraban esa zona como o principal refuxio da guerrilla kurda; este feito provocou tensións cos aliados occidentais. Desde o comezo dos anos noventa, Turquía buscou un achegamento aos novos estados xurdidos da antiga URSS de cultura turca, o que contribuíu a reforzar o papel de Turquía en Oriente Medio. En xuño de 1991 Turquía asinou os acordos para a creación dunha Zona Económica do Mar Negro cos estados costeiros deste mar. Nas eleccións xerais de decembro de 1995, Tansu Çiller perdeu o poder en favor do islamita Partido do Progreso, cuxo líder, Necmettin Erbakan, do Partido do Benestar, se converteu en 1996 en primeiro ministro. O 1 de xaneiro de 1996 entrou en vigor unha unión aduaneira entre Turquía e a UE e o mesmo mes producíronse fortes tensións con Grecia polo illote de Imia. Unha nova crise de goberno fixo que Erbakan dimitise en 1997 e se formase un goberno de coalición, laico e prooccidental, dirixido por Mesut Yilmaz do ANAP. En xaneiro de 1998 ilegalizouse o Partido do Benestar, ao ser acusado de atentar contra a laicidade do Estado turco que proclamara a Constitución. Os islamistas uníronse ao redor de Racai Kutan no Partido da Virtude. Polo que respecta á cuestión turca, en febreiro de 1999 foi detido Abdalá Ocalan, do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), para ser xulgado, feito que provocou revoltas e atentados. M. Yilmaz anunciou o adiantamento das eleccións para 1999, pero dimitiu en decembro de 1998 e formouse un goberno interino dirixido por M. B. Ecevit. Nas eleccións venceu o Partido da Esquerda Democrática (DSP) de Ecevit, que formou un goberno de coalición. Nestes comicios participou o único partido kurdo legalizadado o Partido Popular Revolucionario (DEHAP). En 1999 a UE cambiou o status de Turquía de país asociado a país candidato. A comezos de 2000 Ecevit aprazou a execución de A. Ocalan, condenado a morte (conmutada por cadea perpetua en 2002), e o PKK abandonou a loita armada. En 2000 A. Necdet Sezer substituíu a S. Demirel na presdencia da república. Pouco despois enfrontouse ao primeiro ministro Ecevit, feito que provocou unha crise financeira. Nas eleccións de 2002 venceu o Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP), islamista moderado, con A. Güll como primeiro ministro, ata que en 2003 Recep T. Erdogan o substituíu no cargo. No marco de achegamento á UE, en 2002 aprobouse unha lei para a abolición da pena de morte e levantouse o estado de excepción en dúas provincias de maioría kurda. En decembro de 2004 a UE aceptou iniciar as conversas para a adhesión de Turquía.