Uffizi, Galleria degli
Uffizi, Galleria degli
Museo situado en Florencia. O seu fondo, proveniente das coleccións artísticas particulares dos Medici, foi instalado no palacio homónimo, que comezou a construír Giorgio Vasari (1560) e acabaron Alfonso Parigi e Bernardo Buontalenti en 1580. O derradeiro membro da familia Medici, Anna Maria Ludovica, doou a galería ao estado toscano (1737), e Pietro Leopoldo de Lorena, sucesor dos Medici como gran duque de Toscana, abriuno ao público (1765). Contén pintura toscana desde o s XII ao XVIII, pintura doutras escolas italianas, flamengas e alemás, escultura e tapices.