Uganda
Estado de África oriental, situado ao N do lago Victoria, que limita ao N co Sudán, ao L con Kenya, ao O coa República Democrática do Congo e ao S con Tanzania e Rwanda (241.038 km2; 22.388.000 h [estim 2001]). A capital é Kampala.
Xeografía física
O relevo está constituído por vastas chairas inclinadas de N a S. No L e no O atópanse os sistemas montañosos do Elgon e do Ruwenzori (5.119 m). No centro da chaira están os lagos Kyoga e Kwania, e ao longo da depresión do Rift Valey os lagos Mobutu, George e Edward. O clima é ecuatorial e está suavizado pola altitude, as temperaturas son elevadas e as chuvias teñen a máxima de marzo a xuño e de setembro a novembro. O río máis importante é o Nilo Victoria. A vexetación ten, en xeral, carácter de selva seca ou de sabana, con galerías de bosque húmido.
Xeografía económica
A agricultura e a gandaría son a base económica do país. Os principais cultivos comerciais son o café (cultivado nas vertentes do Elgon e do Ruwenzori e que supón as 9/10 partes das exportacións), o algodón, o té e o millo; seguidos do tabaco, a cana de azucre e o cacao. Os cultivos de subsistencia son, fundamentalmente, chantaxe, mandioca, batata, millo miúdo, sorgo, xudías e arroz. A gandaría, básica na economía ugandesa, está formada por gando bovino, ovino e cabrún; pero o peso da carne é moi inferior ao do peixe que, capturado nos Grandes Lagos e nos ríos que o comunican, ten unha grande importancia. O bosque é tamén unha fonte importante de recursos. Uganda posúe variados recursos mineiros: magnetita, estaño, tungsteno, berilo, ouro, bismuto e tantalita; pero a extracción é escasa e descontinua. A enerxía eléctrica producida polo conxunto hidroeléctrico das Owen Falls representa case a totalidade da produción. A industria máis importante é a manufactura dos produtos agrícolas, seguida das bebidas, a montaxe de vehículos, o téxtil, o cemento, o xabón, os fertilizantes e a metalurxia. O transporte está bastante deteriorado, a pesar de que o goberno levou a cabo unha importante tarefa de rehabilitación. Hai un servizo regular de navegación nos Grandes Lagos e no Nilo. O aeroporto internacional está en Entebbe. O comercio exterior é deficitario: importa principalmente maquinaria e medios de transporte, e exporta café, algodón e té. Os compradores principais son Países Baixos, EE UU e Francia; e os provedores Kenya, Reino Unido e Alemaña.
Xeografía humana
A maior parte da poboación (87,8%) habita en pequenos centros rurais. A súa distribución espacial é desigual e as densidades máis fortes danse nas rexións do SL. O crecemento anual no período 2000-2005 fixouse no 3,2%. A taxa de natalidade é alta, 48,6‰ (1999) e a mortalidade tamén (18,9‰), sobre todo a infantil (101‰).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta polo pobos baganda (18,1%), banyankore (10,7%), bakiga (8,4%), basoga (8,2%), turkana (6,2%), langos (5,9%), bagisu (4,5%) e acoli (4,4%). A relixión máis practicada é a católica (44,6%), seguida da anglicana (39,2%), a musulmá (10,5%) e outras (5,7%). As linguas oficiais son o inglés e o swahili.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Uganda entre os países cun desenvolvemento humano baixo (146º posto mundial cun índice de 0,493). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 43 anos para os homes e 44 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 68,9% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 71%, e o PNB real por habitante é de 1.390 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia británica, independizouse no ámbito da Commonwealth o 9 de outubro de 1962 e proclamouse república o 9 de outubro de 1963. O 8 de outubro de 1995 aprobouse a Constitución. En 2005 volveuse ao multipartidismo. O presidente da República é ao mesmo tempo xefe de estado e de goberno, e nomea o primeiro ministro que o asiste e supervisa o goberno. O poder lexislativo correspóndelle ao National Parliamente, formado, tras as eleccións de 2001, por 292 membros que son elixidos para un período de 5 anos, 214 deles elíxense por circunscricións electorais pero non pertencen a ningún partido político, 53 representan as mulleres, 10 ás forzas armadas, 5 á xuventude, 5 aos discapacitados e 5 aos traballadores. O sistema legal baséase no dereito consuetudinario e na common law británica. Acepta con reservas a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son o Democratic Party of Uganda, o National Resistance Movement, o Uganda Patriotic Movement e o United People’s Congress (UPC). Forma parte dos seguintes organismos: Commonwealth, Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU, Unión Africana (UA), e a UE.
Historia
Da prehistoria ao dominio británico
As beiras do lago Victoria coñeceron as primeiras manifestacións do Homo sapiens en África. A partir do s XI os bantús agrupáronse en varias tribos e algunhas delas formaron o Reino de Buganda. No s XVI chegaron tribos nilóticas e, a mediados do s XVIII, os árabes e os swahilis de Zanzíbar ampliaron a súa área de acción e estableceron relacións cos reinos de Karagüe, Bunyoro e Buganda, buscando almafí e escravos, cuxo comercio se desviou, a comezos do s XIX, cara ao val do Nilo. Os primeiros exploradores europeos, R. Burton e J. H. Speke (1856-1858), chegaron desde Zanzíbar. Entre 1864 e 1889 tiveron lugar as exploracións de Baker, Fisher, Thompson, Teleki e Stanley e a partir de 1870 as misións cristiás multiplicáronse. Nos reinos de Bunyoro e Buganda xurdiu un partido pro-francés secundado polos padres brancos, un partido pro-británico co apoio da Church Missionary Society e un partido pro-árabe. O kabaka Mwanga de Buganda, de relixión musulmá, esforzouse en liberar o país das presións foráneas e perseguiu os cristiáns (1886), pero un destacamento británico comandado por lord Lugard e organizado pola Imperial British East African Company, impuxo un protectorado (1890).
O protectorado británico
A administración colonial británica, organizada por Harry Johnston, respectou as institucións políticas de Buganda: a monarquía, o consello de tribo e notables (lukiko) e o consello de goberno presidido por un notable. A construción do ferrocarril entre Mombasa e o lago Victoria (1896-1900) permitiu o incremento do comercio e o inicio da inmigración de chineses e hindús. Procedeuse a facer unha repartición de terras que favoreceu á coroa inglesa, aos colonos brancos e aos señores feudais de Uganda, que colaboraron coas autoridades coloniais. Deste xeito, o colonialismo fortaleceu o sistema feudal. O gobernador Hesketh Bell introduciu o cultivo de algodón e realizou un programa de obras públicas en función dos intereses coloniais. En 1921, sobre a base do sistema político de Buganda, intentouse un réxime autónomo e federal controlado polos europeos. Grazas ao cultivo do algodón e o café xurdiu unha burguesía colonial e urbana, que protagonizou as primeiras loitas sociais. Desde 1913 formáronse varias seitas relixioso-nacionalistas e en 1918 o movemento Buganda Nova reivindicou unhas medidas democratizadoras. Tres anos despois, a Asociación Bataka comezou a loita contra a aristocracia feudal. Despois da Segunda Guerra Mundial, durante a que Buganda colaborou co Reino Unido, houbo unha maior participación africana no consello lexislativo da Federación de Uganda e nos consellos locais. O kabaka Mutesa II de Buganda reclamou a independencia do seu reino e os británicos accederon a darlla entre 1954 e 1955, co fin de evitar unha revolta xeral. Buganda permaneceu dentro da federación ugandesa cunha monarquía constitucional. Ao mesmo tempo cristalizou unha oposición socializante e nacionalista de parte dos pequenos propietarios que, apoiados polos británicos, se opoñían á monarquía bugandesa. Por outra banda, deuse un florecemento de partidos, dos que destacaron o Uganda National Congress, o Democratic Party e o Uganda People’s Congress (UPC), todos independentes e opostos á hexemonía de Buganda. Finalmente, os unitaristas tiveron que aceptar a autonomía hexemónica de Buganda co fin de obter o apoio dos grandes señores feudais. A alianza entre o Uganda People’s Congress e o Kabakka Yekka (Partido Real de Buganda) converteu a Milton Obote en primeiro ministro.
A independencia
Declarada a independencia (1962) baixo a presidencia de Mutesa II, Obote levou unha política de modernización estrutural coa intención de suprimir o feudalismo, o tribalismo e o federalismo. En 1966 dirixiu un golpe de estado, aboliu a monarquía e estableceu un réxime unitario non parlamentario. A súa política progresista obtivo o apoio da nova burguesía estatal, pero opoñíase aos pequenos propietarios e aos intereses británicos, que apoiaron un novo golpe (1971) liderado por Idi Amin Dada. O novo réxime ditatorial mantívose ata 1979, cando un bo número de ugandeses se rebelaron. Constituíuse a Uganda National Liberation Front (UNFL) e Amin tivo que fuxir do país. Godfrey Binaisa, da UNFL, asumiu o cargo de xefe do estado ata a convocatoria de eleccións xerais en 1980, nas que resultou elixido Apollo Milton Obote, do UPC, que se converteu novamente en xefe do estado. O seu goberno, non obstante, combatido polos grupos da oposición e polo National Resistance Army (NRA), mantívose precariamente ata a revolta militar dirixida por Basilio Okello (1985). A actuación deste, non obstante, foi axiña combatida militarmente pola NRA, que en 1986 se apoderou de Kampala e declarou a Yoweri Kaguta Museveni, do National Resistance Movement (NRM) presidente do país, con Apolo Nsibambi como primeiro ministro, desde 1999. O reto do novo goberno seguiu sendo o control das forzas armadas e das rivalidades tribais. En 1995 foi promulgada unha nova constitución, que mantivo, non obstante, o papel predominante da NRA. Este sistema de goberno presidencialista sen partidos foi prorrogado a partir dun referendo (2000), pero a presión popular fíxose cada vez maior e nun novo referendo en 2005, secundouse o retorno ao sistema multipartidista.