unidade

unidade

(< lat unĭtāte)

  1. s f

    Calidade daquilo que constitúe un todo non divisible en partes sen que a súa esencia se destrúa ou altere.

    1. s f

      Calidade que presenta un gupo de persoas ou cousas que se definen pola converxencia ou equilibrio entre os distintos membros ou partes que o forman.

    2. s f

      Calidade dunha obra artística que se define pola harmonía e coherencia entre os seus elementos ou partes.

    3. regra das tres unidades / [LIT/ESPECT]

      Norma creada por Aristóteles que di que para que unha obra teatral poida ser comprendida dunha maneira lóxica polo espectador debe cumprir tres características: que haxa unha única liña argumental, que toda a acción se desenvolva nun mesmo lugar e que todo aconteza nun tempo limitado, como máximo un día.

    1. s f

      Cada un dos elementos que forman parte dun conxunto.

    2. s f [BÉL]

      Fracción constitutiva ou independente dunha forza militar coa capacidade para manobrar baixo as ordes do seu xefe.

    3. s f [IND]

      Instalación que constitúe un grupo autónomo no que se efectúan experimentos, se someten a determinados tratamentos diversas materias ou son fabricados produtos industriais. OBS: Denomínase tamén unidade autónoma.

    4. unidade de control [INFORM]

      Parte da maquinaria dun ordenador que, cando recibe a instrución completa, interprétaa e activa os circuítos correspondentes para executala. Tamén pode dirixir a orde e a sucesión temporal de diversas operacións. É unha parte integrante da CPU.

    5. unidade de vixilancia intensiva/de coidados intensivos [UVI/UCI] [MED]

      Departamento dun hospital dotado de aparatos altamente complexos e controlado por persoal moi especializado onde se ten cargo constante dos pacientes especialmente graves.

    1. s f [MAT]

      Número enteiro máis pequeno, o 1.

    2. s f [MAT]

      Cifra que, nun número de máis dunha cifra, vai situada á dereita da das decenas.

    3. s f [METROL]

      alor dunha magnitude que se toma como termo de comparación para medir as magnitudes da mesma natureza ou especie. Para materializar unha unidade constrúese un patrón, que consiste nunha ferramenta que fixa ou determina coa exactitude suficiente o valor da unidade. Coa idea de establecer un sistema de unidades únicas e universais, en 1791 apareceu en Francia o sistema métrico decimal, que se impuxo en case todos os países, agás nos anglosaxóns. Máis tarde viuse a necesidade de definir máis unidades para todos os conceptos físicos coñecidos, e así xurdiron os diferentes sistemas de unidades, inicialmente só utilizados en mecánica. Mediante a análise dimensional puido verse que cómpre escoller entre tres unidades fundamentais, e as outras resultan ser derivadas destas. Pódese escoller lonxitude masa e tempo, como no caso do sistema CGS e do MKS. Pódese escoller tamén lonxitude, forza e tempo, como ocorre no sistema técnico. O sistema MKSA, con 7 unidades fundamentais, foi nomeado sistema internacional de unidades (SI).

    4. método de redución á unidade [MAT]

      Método que permite resolver os problemas de proporcionalidade reducíndoos ao caso en que a cantidade á que é proporcional a incógnita ten o valor da unidade.

    5. raíz da unidade [MAT]

      Calquera número complexo z tal que z n = 1, para algún n. As raíces da unidade son [cos (k 360°/n) + i sin (k 360°/n)] ao variar k=1, 2,..., n-1.

    6. unidade internacional [UI] [MED]

      Cantidade dunha determinada substancia que produce un efecto biolóxico especificado de acordo cunha normas e prescricións fixadas por organismos internacionais como a OMS.

    7. unidade nutritiva [ALIM]

      Parámetro establecido por Köming para clasificar os alimentos segundo o seu proveito real (en función da dixestibilidade) e o seu valor económico. A unidade é un g de azucre.

  2. [POLÍT]
    1. s f

      Unión política dun pobo nun só estado ou nunha soa nación, coa vontade e consciencia de todos os cidadáns de estar unidos e concordes.

    2. unidade nacional

      Goberno constituído por membros pertencentes á maioría ou á totalidade dos partidos políticos dun país, co propósito de superar a situación orixinada por unha grave crise.

  3. s f [RELIX]

    Nota distintiva da Igrexa cristiá, proclamada nos símbolos de fe, xunto coa santidade, a catolicidade e a apostolicidade.

  4. s f [FILOS]
    1. O primeiro dos atributos esenciais ou predicados transcendentais de todo ente, da totalidade dos entes e do ser mesmo, en tanto que ente e en tanto que ser, respectivamente, na filosofía clásica e escolástica.

    2. Categoría en virtude da que o concepto, nun xuízo universal, unifica e totaliza unha determinada multiplicidade de individuos, de cada un dos que é predicado.

  5. unidade de conta [ECON]

    Fracción mínima que se fai equivalente a un dos bens que por convención serven para medir o prezo das cousas, así como a relación entre elas, polo que se pode identificar cunha unidade monetaria.