Urais

Urais

Sistema montañoso que separa Europa e Asia. Constituído por unha faixa estreita que se estende entre as chairas de Rusia e de Siberia Occidental, desde o mar de Kara ao N, ata as estepas de Kazakhstán ao S, conta cunha lonxitude duns 2.000 km e unha anchura de 40-60 km, que só nalgunhas ocasións acada os 100 km. É unha antiga rexión mineira con grandes reservas minerais: ferro, cobre, níquel, cromo, aluminio, platino, ouro, sales potásicos, pedras preciosas ou asbesto. As oroxéneses que sufriu durante o Paleozoico Inferior e o Carbonífero Medio e os movementos tectónicos posteriores ocasionaron unha continuidade de elevacións e afundimentos. A vertente occidental descende suavemente cara á chaira rusa, mentres que a oriental faino con brusquidade cara á chaira de Siberia Occidental. O punto máis elevado correspóndese ao monte Narodnaja (1.894 m). O seu clima é zonal, atopando desde clima de tundra ao N ata o estepario ao S. A rede fluvial está menos desenvolvida na vertente occidental. Os ríos máis caudalosos pertencen á conca do Pečora e aos afluentes setentrionais do Kama. A maior parte está recuberta de bosques. A fauna é propia das tres zonas naturais básicas: a tundra, o bosque e a estepa.

Palabras veciñas

URA | uracilo | uraco | Urais | Ural | uraliano -na | urálico -ca