urbanismo
(< urbano)
-
s
m
[URBAN]
Ciencia e técnica da ordenación das cidades e o territorio. Polo seu carácter multidisciplinar, debe ser contemplado desde a achega de diferentes ramas do coñecemento: arquitectura, xeografía, administración pública, historia, ecoloxía, enxeñaría e outras. Diferéncianse tres modelos de interpretación do modo de concibir a construción das cidades. Nun primeiro lugar está o urbanismo como creación artística, a idea da cidade como obra de arte que se repite no mundo clásico, no Renacemento e no Barroco, e que forma parte tamén de concepcións morfoloxistas modernas que atribúen unha maior importancia ás formas antes que á función ou a compoñente social. En segundo lugar está a idea de cidade en construción, que ten que ver coa racionalidade científico-técnica. Neste caso, a cidade contémplase como un problema que debe resolverse xuntando para a súa solución diferentes perspectivas. Nun principio esta racionalidade sería meramente xeométrica, cos proxectos de Tales de Mileto, as bastidas da Idade Media ou a construción de cidades españolas en América Latina. A terceira forma de intervir no proceso de construción da cidade ten como obxectivo a reforma social, no que a cidade se entende como un modelo social imperfecto que pode ser modificado pola acción premeditada dos teóricos e gobernantes que, con distintos métodos e proxectos, tratarán de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes. Os primeiros vestixios deste modelo de urbanismo aparecen nas obras dos socialistas utópicos, que pretenden acabar coas graves inxustizas que estaba xerando a Revolución Industrial. O máis común é que o urbanismo participe dos obxectivos xerais destes tres modelos.
O urbanismo grecorromano
O urbanismo parte dos tratados antigos que imaxinaban as formas urbanas dos lugares sagrados. Nos xogos de simetrías, formas e volumes introducíanse interpretacions cabalísticas para definir a cidade ideal, o modelo urbano dos deuses. Cartaxineses e gregos, aínda antes ca os romanos, fundaron verdadeiras cidades nas costas próximas ao seu territorio natural. Hipódamo de Mileto está considerado o fundador do urbanismo grego. Reconstruíu a cidade de Mileto seguindo unha ordenación ortogonal con rúas das mesmas dimensión cortadas en ángulo recto que determinan bloques cadrados, que se denominou plano en damero ou hipodámico. No mundo romano as novas cidades baseábanse no cruzamento de dous eixes: o N-S, o cardus, e o L-O, decumanus, que estruturaban unha rede ortogonal, na que se reservaba o espazo central para os edificios representativos do poder do Imperio. O alto grao de urbanización acadado no Imperio Romano, freouse coa chegada dos pobos xermánicos e a instauración en toda Europa do sistema feudal.
Primeira lexislación urbanística
As Ordenanzas de Poblaciones ditadas por Filipe II en 1573 para regular a construción das novas cidades en América están consideradas a primeira lexislación urbanística. Segundo este compendio, para construír unha cidade primeiro había que seleccionar unha localización apropiada, ao abrigo dos ventos dominantes e cunha topografía que tivera en conta o posible crecemento urbano. O seguinte paso era trazar a praza maior. As cidades da colonización española en América son case todas núcleos xeométricos nos que as rúas de tramos rectos se cruzan, formando unha retícula, na que a praza maior é o elemento xerador, a partir do que toda a cidade queda organizada, e é ao mesmo tempo o centro sobre o que conflúe toda a vida da mesma, tanto como o lugar de encontro das funcións dominantes, política, relixiosa, xudicial e militar, como do mercado diario de produtos alimenticios e o lugar da fonte pública.
O urbanismo da Revolución Industrial
Durante séculos, as cidades en Europa e América fóronse transformando con estas directrices, un trazado máis ou menos ortogonal que permitía ir situando no espazo de maior centralidade os edificios representativos do poder, tanto civil como relixioso. Arredor dese espazo central aparecen barrios residenciais, nos que se sitúan, ademáis das igrexas parroquiais, algúns talleres e edificios de transformación dos produtos agrícolas. A principios do s XVIII aínda eran moi poucas as cidades que contaban cun número verdadeiramente importante de habitantes. Todo cambiou coa chegada da Revolución Industrial. As cidades da industrialización instaláronse sobre a rede urbana mercantilista de época medieval e moderna, transformando profundamente a súa estrutura. O cambio principal foi o incremento demográfico que provocou a creación de novos barrios obreiros, cinturóns industriais, novas infraestruturas de comunicacións, estacións de ferrocarril e fábricas. As cidades industriais medraron de forma rápida e sen ningún tipo de planificación, o que supuxo unhas condicións de vida penosas nos barrios ocupados pola clase traballadora. As frecuentes epidemias e a súa repercusión global motivaron a necesidade de actuar sobre a cidade, para tratar de paliar os efectos negativos que estaba a causar a industrialización. Os primeiros teóricos en proxectar novas solucións foron os socialistas utópicos, que idearon complexos industriais onde convivían a actividade económica e a función residencial con todo tipo de dependencias comúns, para que os traballadores puidesen gozar dunhas mellores condicións de vida.
O urbanismo contemporáneo
En España, os urbanistas máis recoñecidos do s XIX foron Ildefons Cerdà (1816-1876) e Arturo Soria (1844-1920). Cerdà foi autor do Ensanche de Barcelona e o principal responsable do éxito deste tipo de reformas urbanísticas noutras moitas cidades españolas, ademais de inventor do termo urbanismo, mentres que Soria, igual que os socialistas utópicos ingleses e franceses, formulou unha nova forma de urbanización que permitiría introducir na cidade os aspectos benéficos de vivir no medio rural, contando para este fin cos avances dos medios de comunicación, e concretamente neste caso co desenvolvemento do sistema de tranvías. Con certas características semellantes, a comezos do s XX empezou a estenderse a obra de Ebenezer Howard (1850-1928), na que marcaba os umbrais demográficos que deberían ter tanto as cidades centrais como os núcleos residenciais satélites, e onde deberían estar situadas as galerías comerciais, os edificios de equipamentos, as industrias e os espazos verdes. Deste xeito creáronse algunhas cidades-xardín en Inglaterra e, cando a mediados do s XX, as grandes metrópoles europeas trazaron planos de descentralización, o modelo de núcleos autosuficientes de cidades-xardín volveu retomarse. Os pais da teoría urbanística moderna foron Georges-Eugène Haussmann, Ildefons Cerdà, Ebenezer Howard, Arturo Soria e Tony Garnier. As diversas teorías e a experiencia non serviron de moito despois da Primeira Guerra Mundial, xa que a falta de vivendas, así como a falta dunha lexislación coherente, fixeron que a planificación xeral quedase postergada. Amsterdam e Frankfurt foron as excepcións. A Bauhaus e Walter Gropius, particularmente, emprenderon o estudo da racionalización da construción e centraron a análise nos elementos prefabricados e na organización do barrio onde se incluíu a nova edificación. O cuarto Congrés Internationaux d’Architecture Moderne (1933), baixo o impulso da experiencia de Le Corbusier, redatou un manifesto que marcou as coordenadas xerais do urbanismo posterior. A partir deste manifesto o urbanismo centrouse, sobre todo, no concepto de habitación e no aproveitamento de novos modelos globais de cidade. A partir do modelo de Le Corbusier (1934) e das casas comúns dos arquitectos soviéticos, desenvolvéronse diferentes propostas. Seguindo os preceptos das cidades-xardín, milleiros de persoas deixaron de vivir no centro da cidade para trasladarse a un lugar próximo e desprazarse no seu vehículo todos os días á cidade para traballar, estudar, mercar ou divertirse. É o que os estadounidenses denominan urban sprawl, que consume millóns de hectáreas e ameaza coa sostibilidade do sistema de asentamentos, ademais de imposibilitar a correcta difusión dos servizos xerais de urbanización. Fronte a este modelo, o smart growth, crecemento intelixente, trata de densificar o asentamento e voltar a modelos urbanos concentrados e respectuosos co medio. Outro problema é a diminución do tradicional espazo público fronte á aparición de novas formas (semipública ou privada-pública) e a extensión dos dereitos privados sobre o entramado da cidade. Moitos teóricos anuncian os inconvenientes que está xerando a fragmentación urbana, e que mesmo pode acabar coa propia idea de cidade. A segregación social é maior agora ca en calquera momento do pasado e nas grandes cidades de todo o mundo conviven, pero sen chegar a mesturarse, as funcións máis prestixiosas e as máis degradadas. A cidade do s XXI pode ser un entramado de fragmentos ou un proxecto único no que todos estean integrados. -
s
m
[DER]
Rama do dereito administrativo que establece o réxime xurídico, o uso e o aproveitamento urbanístico do solo articulando un conxunto de instrumentos e técnicas de ordenación.