uroloxía
(< 3 uro- +-logía)
Rama da medicina que estuda o sistema excretor ou urinario e, no home, o aparello xenital (estudado na muller pola xinecoloxía), así como a súa fisioloxía e patoloxía. Xurdiu como especialidade autónoma na segunda metade do s XIX. Considérase a Félix Guyon (1831-1920) o seu creador, autor dunhas importantes Leçons cliniques. O seu discípulo Joaquín Albarrán (1860-1912) fixo contribucións decisivas á anatomía patolóxica e á fisiopatoloxía do ril e da vexiga, e o tratamento cirúrxico das súas afeccións (Médicine opératoire des voies urinaires, 1909). Cómpre salientar a introdución das probas de funcionalismo renal, practicadas especialmente por Koranyi, Duckworth ou Schlayer, a finais do s XIX e comezos do s XX, e sobre todo a continuación dos traballos, xa clásicos, sobre a patoloxía interna do ril, de Richard Bright e os seus discípulos. O primeiro transplante de ril realizouse en 1936 cun éxito relativo, que foi confirmado posteriormente grazas ás intervencións de Lawler, Küss ou Hume. A finais da década dos anos corenta, o holandés Kolff e o estadounidense Merrill puxeron a punto a técnica da hemodiálise, co denominado ril artificial.