Uruguay
Estado da América meridional, que limita ao N e ao L co Brasil, ao S co Océano Atlántico e o estuario do Río de La Plata e ao O coa Arxentina (176. 215 km2; 3.241.003 h [2004]). A capital é Montevideo.
Xeografía física
Fisiograficamente, Uruguay forma parte do extremo sur do escudo paleozoico brasileiro. O recheo está determinado por unha serie de montes ondulados e alongados, compostos por materiais cristalinos, granito e gneis (as cuchillas), dunha escasa altitude. Potentes estratos de arxila e gres de orixe fluvial ou eólico reencheron os vales que hai entre as cuchillas e forman unha gran chaira, suavemente ondulada. As cuchillas máis importantes son a Cuchilla de Santa Ana, que se estende pola fronteira brasileira, da que saen, perpendicularmente, a Cuchilla Grande, ao L, que chega ata o Río de La Plata, e a Cuchilla de Aedo, cara ao O. O litoral é moi simple, con predominio de costas baixas e areosas, con albufeiras e barreiras litorais, das que sobresaen ás veces rochas cristalinas. Pola súa situación subtropical, ten un clima temperado húmido, con ausencia de estación fría e lixeiras oscilacións térmicas durante o ano. Ten moita inestabilidade atmosférica a causa da constante circulación de ciclóns e anticiclóns, que provocan precipitacións importantes. Os ventos dominantes son os do L, que provocan chuvias, e o do SO, o pampero, que é frío e seco. A rede fluvial é densa e ramificada. Atópanse tres concas hidrográficas: a máis grande é a do río Uruguay, o seu afluente máis importante, o Negro, atravesa todo o territorio de NL a SO; as outras cuncas son a do Río de La Plata e a do Atlántico. Os campos ofrecen un aspectos de verdor constante: 4/5 partes do territorio están ocupadas por formacións herbáceas, a maior parte gramíneas. A vexetación arbórea é escasa, e só aparece á beira dos ríos.
Xeografía económica
O medio natural impuxo a orientación da economía do país. A gandaría, principalmente ovina e bovina, é a principal actividade económica. O armentío bovino fornece de leite, a maior parte da carne e de peles; o ovino, ademais de carne e peles, proporciona la. A agricultura constitúe outro dos recursos económicos, cultívase arroz, cana de azucre, remolacha azucreira, trigo, orxo, patacas, sorgo e millo. A minaría tan pouca importancia (só pequenas cantidades de talco, granito e mármore). A industria baséase na elaboración de produtos derivados da gandaría e da agricultura. Seguen en importancia a industria téxtil e a do calzado, a do petróleo e produtos do carbón, a química e o equipamento de transportes. A produción eléctrica é de orixe hidráulica e dos hidrocarburos. Uruguay dispón dunha boa rede de estradas (50.900 km en 1996), e tanto estas como o ferrocaril son radiais, con centro en Montevideo. Moitas das comunicacións interiores son efectuadas a través do río Uruguay. As vías navegables internas esténdense ao longo de 1.600 km (1996). O porto de mar principal, un dos máis importante de América do Sur, é o de Montevideo. O único aeroporto é o de Carrasco, a 22 km da capital. Exporta produtos téxtiles, produtos cárnicos, animais vivos e produtos derivados do gando como pel ou coiro, a cambio de maquinaria, equipamento de transportes e produtos químicos. Tanto os clientes como os provedores principais son Brasil, Arxentina e EE UU. A balanza é lixeiramente negativa.
Xeografía humana
Uruguay é un dos países máis densamente poboados da América do Sur. A causa é a forte inmigración, que en calquera caso minguou moito recentemente. A distribución da poboación é moi irregular pois ao S do país concéntranse as 3/4 partes da poboación, da que o 92,6% (2003) é urbana. Montevideo concentra preto da metade da poboación total do país, e é a única cidade con máis dun millón de habitantes. O crecemento anual no período 2000-2005 situouse no 0,7%.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A maior parte da poboación é de orixe europea, sobre todo italianos e españois. Hai unha minoría mestiza (8%) e mulata (6%), e unha maioría de relixión católica (78,3%), seguida de protestantes (4,6%) e doutras relixións (17,1%). A lingua oficial é o castelán.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Uruguay entre os países cun desenvolvemento alto (46° posto mundial cun índice de 0,833). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 73 anos para os homes e 79 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 97,7% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 85% e o PNB real por habitante é de 7.830$ EE UU.
Goberno e política
Colonia española, independizouse como república o 25 de agosto de 1825. O 30 de novembro de 1980 aprobouse a Constitución que se reformou en 1989 e 1997. O presidente da república é ao mesmo tempo xefe de estado e de goberno e é elixido para un período de 5 anos. O poder lexislativo reside na Asamblea General, que é elixida para un período de 5 anos e que está formada pola Cámara de Senadores, composta por 30 membros, e pola Cámara de Representantes, composta por 99 membros. O sistema xudicial baséase no dereito español. Os xuíces da Corte Suprema son elixidos pola Asamblea General para un período de 10 anos e son nomeados polo presidente. Acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son a coalición electoral Frente Amplio Encuentro Progresista Nueva Mayoría (EP), o Partido Nacional Blanco (PN), o Partido Colorado (PC) e o Partido Independiente (PI). Organismos internacionais: Mercosur, Organización dos Estados Americanos (OEA) e ONU.
Historia
Os poboadores máis antigos chegaron desde Brasil e foron seguidos por outros grupos de cultura neolítica, como o tupí. No momento da conquista europea, a cultura guaraní estaba a se estender polo territorio. Explorado desde o s XVI por españois e portugueses, Magalhães explorou o río Uruguay (1520) e S. Caboto internouse no Paraná (1527). No s XVII os xesuítas fundaron as misións na zona oriental e os franciscanos a redución de Santo Domingo de Soriano (1624). Aos portugueses correspondeu a fundación de Colonia del Sacrameto (1680) e aos españois a de Montevideo (1726) e Maldonado (1757). Ao crearse o vicerreinado do Río de La Plata (1776) a banda oriental incorporouse a el, e desde a Paz de San Ildefonso (1777), recoñeceuse sobre a zona a soberanía española. Aínda que desde finais do s XVIII Uruguay destacou pola súa riqueza gandeira e por posuír unha florecente industria de salgazón de carne, a rivalidade da súa capital, Montevideo, con Bos Aires, de cuxa circunscrición episcopal dependía, tamén foi en aumento.
A loita pola independencia
Aproveitando o caos que producira a invasión napoleónica en España (desde 1808), comezaron nos territorios orientais de Uruguay as loitas pola independencia (1811-1828), lideradas por José Artigas en unión coa Junta Revolucionaria de Bos Aires. A pesar da vitoria sobre os españois (1811), a banda oriental permaneceu en mans dos portugueses ata 1824, e dos brasileiros ata 1827. En 1828 Uruguay proclamou a independencia e en 1830 aprobou unha constitución que recoñecía a existencia da República Oriental del Uruguay, baixo a presidencia de José Fructuoso Rivera.
Brancos e colorados. Da Guerra Grande á coparticipación
Desde a súa creación en 1836, as loitas entre os dous primeiros partidos políticos de Uruguay, o Partido Nacional Blanco ou Nacional, fundado por Manuel Oribe, e o Partido Colorado, reformador, fundado por J. Fructuoso Rivera, conduciron a unha guerra civil, coñecida como Guerra Grande (1838-1851). A partir desta e grazas ás exportacións de carne e coiro, Uruguay expandiuse rapidamente, xurdiron algunhas industrias e bancos e regularizáronse as comunicacións. Entre 1864 e 1870 interveu na Guerra da Tripla Alianza contra Paraguay e, desde 1872 asinouse no interior do país, un pacto global no que se establecía unha coparticipación de ambos os dous partidos no poder, con predominio do Partido Colorado. Desde 1875 o crecemento do país acelerouse, coa inmigración en masa de españois e italianos. Así xurdiu unha estrutura social europeizada e cristalizou unha corrente laica que afectou sobre todo ao ensino. A unidade xeográfica e étnica e o peso dos partidos políticos minguaron o papel do exército. Os partidos hexemónicos non tiñan programas nin organizacións definidos, eran interclasistas e dirixíanos elites rurais. En 1903 a asemblea xeral elixiu presidente a José Batlle, do Partido Colorado, que ao tentar manipular a coparticipación a favor dos seus aliados fixo estalar unha guerra civil (1904), pola que os caciques rurais perderon a súa preeminencia en favor da burguesía de Montevideo. Comezou asemade a modernización do estado, a creación dun poder centralizado e eficaz, a nacionalización dos servizos básicos (1911) e o desenvolvemento dunha ampla lexislación laboral, que favorecía os sindicatos. O laicismo foi reforzado e unha activa política exterior consagrou a soberanía uruguaia e abriu novos mercados. O Partido Colorado mantivo a súa hexemonía grazas ao sector máis radical (batllismo), pero Batlle fracasou no seu intento de vincular ao goberno os sectores latifundistas gandeiros do interior que quedaran á marxe da democracia social instaurada. A división do país continuou, e a crise de 1929 significou a primeira sacudida severa do réxime. Unha segunda prosperidade, a remolque da Segunda Guerra Mundial, na que Uruguay combateu a favor de EE UU, permitiu un intento industrializador. En 1952, baixo a presidencia de Andrés Martínez Trueba aprobouse unha constitución que establecía un réxime colexiado para o poder executivo e creaba un Consejo Nacional de Gobierno cuxos membros debían substituír o presidente polo sistema de rotación. A recesión de 1958, cando Europa xa se recuperara, afectou especialmente a pequena clase rural, que se mobilizou a favor do Partido Blanco. A alianza entre os grandes terratenentes, os pequenos propietarios e a burguesía urbana desprazou a burocracia batllista. A crise económica continuou, sobre todo a partir de 1962. A inflación e a caída das exportacións empeoraron o nivel de vida das clases asalariadas, houbo disturbios e o goberno optou pola represión. Foi nese momento cando xurdiron grupos de resistencia urbana, destacando os tupamaros. En 1966 o Partido Colorado recuperou o goberno, pero non puido reordenar a economía e volveu á represión. En 1967 volveuse ao rexime presidencial e foi elixido Óscar Gestido.
Da ditadura militar á liberalización
En 1971 Juan María Bordaberry foi elixido presidente do país, e exerceu o seu mandato ata 1976, cando os militares o destituíron e o substituíron na presidencia polo ata entón vicepresidente Alberto Demicheli. A crise gandeira, a erosión do comercio exterior, a inflación crónica, a desocupación xeral e a corrupción administrativa levaron a Uruguay a unha situación económica extrema. A represión militar, coa colaboración de expertos estadounidenses e brasileiros, alcanzou a case todas as expresións democráticas. Con Aparicio Méndez (1976), o réxime militar pretendeu perpetuar e institucionalizar a ditadura mediante unha nova constitución, pero foi rexeitada en referendo. Iniciouse ao mesmo tempo unha liberalización do réxime, dirixida desde 1981 polo xeneral Gregorio Álvarez Armelino. En 1984, despois da legalización de diversos partidos políticos, o goberno militar negociou directamente coas principais forzas políticas o restablecemento dun goberno civil. As eleccións presidenciais dese ano déronlle a vitoria a Julio María Sanguinetti, representante do Partido Colorado, e un ano despois os militares abandonaron o poder. O novo primeiro mandatario uruguaio formou un goberno de unidade nacional, legalizou organizacións políticas e decretou unha amnistía política. Afrontou tamén unha forte recesión económica herdada do réxime anterior, e negouse a inculpar as forzas armadas de violacións dos dereitos humanos. En 1990 o líder do Partido Nacional Blanco, Luis Alberto Lacalle, obtivo o goberno, que compartiu, por falta de maioría, cos colorados. Estes retornaron ao poder, con Sanguinetti, desde 1994 e con Jorge Batlle, desde 1999. Nas eleccións de 2005 acadou a presidencia Tabaré Ramón Vázquez Rosas, do Frente Amplio Encuentro Progresista Nueva Mayoría (FA).
A presenza galega en Uruguay
O interese de España polas terras que conforman o actual Uruguay foi tardío e motivado polo expansionismo portugués. Aínda que os primeiros españois asentados eran maioritariamente canarios, logo se lle engadiron os primeiros emigrantes galegos. No intre da independencia a presenza galega era xa dabondo importante como para proporcionar destacados persoeiros nun bando e no outro, como o coruñés Antonio Díaz, militar no bando dos patriotas ou Joaquín de la Sagra i Périz, quen se mantivo leal ata a caída da Banda Oriental en mans portuguesas. Nos anos que seguen á constitución da República Oriental del Uruguay (1830) a emigración galega foi feble pero non inexistente e foi no momento da gran corrente emigratoria cando as terras uruguais pasaron a converterse nun dos destinos preferidos polos galegos. Iso explica a fundación de entidades asociativas como o Centro Galego de Montevideo (1879), o máis antigo dos existentes no mundo. En 1830 os españois representaban o maior número de emigrantes de orixe estranxeira no país e, dentro da colonia española, os galegos eran o grupo minoritario. De ahí a importancia destes (Francisco Alonso i Trelles, Juana de Ibarbourou, Alfredo Baldomir, Julio Sigüenza, Manuel Pailós, W. Barcala, e outros) na economía, na cultura, na ciencia, no xornalismo ou na política daquelas terras. A eles débense engadir os refuxiados da Guerra Civil Española como Rafael Dieste, Leopoldo Nóvoa, Lois Tobío ou Alfredo Somoza, que contribuíron a dinamizar enormemente a vida cultural galega entre 1940 e 1980. Ao longo do s XX fundáronse diversas entidades sanitarias, culturais e de negocios de gran pulo como a Casa de Galicia, o Padroado da Cultura Galega, o Teatro Popular Galego ou o Banco de Galicia, tras das que estiveron emigrantes ou exiliados como os irmáns Canabal, Pedro Couceiro, Manuel Meilán, Pepe Fernández, Antón Crestar ou Albino García Cochón, todos eles persoeiros destacados do republicanismo e do galeguismo. Tamén xurdiron numerosas iniciativas editoriais e de publicacións periódicas ademais da emisión de Sempre en Galicia (1950), durante moitos anos principal programa radiofónico integramente en galego feito no mundo. A comezos do s XXI, as institucións mantéñense grazas aos fillos e netos dos emigrantes. Existen en Uruguay 13 entidades asociativas, todas elas en Montevideo, mais unha, o Hogar Español de Ancianos, que, malia seu nome, foi obra case en exclusiva da colonia galega.