Uttar Pradēsh
Estado de India (240.928 km2; 166.052.859 h [2001]) situado ao S do Himalaia na conca alta do río Ganxes. A súa capital é Lucknow. É unha rexión baixa, cuberta de aluvións e sucada polos afluentes do Ganxes, que agrupa un terzo das terras regadas do país, e os cultivos son dobres (arroz no verán e trigo no inverno). Cultívanse tamén oleaxinosas e cana de azucre, da que se extrae case a metade do azucre producido no país. A Compañía das Indias Orientais estableceu un enclave que se converteu en colonia británica (provincias do NO, 1835) e, un século máis tarde, en provincia autónoma da India británica. En 1950 integrouse como estado federado na Unión India. En 1973, despois de graves tumultos en Kānpur e Ragamar, o goberno central suspendeu o goberno deste estado, asumindo a administración directa.