Uzbekistán
Estado da Asia central, que limita ao N con Kazakhstán, ao NO co Mar de Aral, ao L con Kirguisistán e con Taxikistán e ao S, con Afganistán e Turkmenistán (447.400 km2; 24.731.000 h [estim 2001]). Inclúe a República Autónoma de Karakalpaquistán. A capital é Taškent.
Xeografía física
A maior parte do territorio de Uzbekistán está ocupado polo deserto de Kizylkum, de area vermella. Hai dúas zonas de recheo ben delimitadas. Por unha banda, as chairas centrais, cortadas por pequenas serras e as correspondentes concas de drenaxe, a miúdo con marxes salinas. Pola outra, a parte oriental do país é moi accidentada, atopándose alí as cordilleiras de Hissar, Zeravšan e Nura-Tau, os contrafortes das montañas do Pamir e o Alaj, e as cordilleiras de Čatkal, Kuramin e Karzantau, que son prolongacións da cadea de Tien-Shan. Entre as montañas atópanse as terras máis fértiles, os vales de Fergana, Zeravšan, Čirčik e Angren. O clima é extremadamente continental, con invernos severos e veráns moi calorosos. As precipitacións son moi escasas, sobre todo no O. Atópase practicamente na súa totalidade no interior dunha conca de drenaxe interior, centrada no Mar de Aral. Todos os ríos teñen a súa orixe nas montañas e, a medida que discorren cara ás terras más baixas, van perdendo as augas. A vexetación distribúese en pisos altitudinais. No baixo predomina unha vexetación desértica, e nas montañas hai unha vexetación esteparia, bosques e prados.
Xeografía económica e humana
O sector máis importante da economía é o agrícola. A abundancia de auga, aproveitada mediante unha extensa rede de canles de rego, e a fertilidade extraordinaria dos solos da zona oriental crearon unhas condicións óptimas para os cultivos. Despois do algodón, sobresaen os cereais, as froitas e as hortalizas. A sericultura tamén é un sector destacado (Margilan e Samarcanda). Hai tamén armentío ovino e, seguíndoo en importancia, bovino. Destaca a produción de peles de astracán e karakul en Bukhara. O país ten unha considerable riqueza mineral, en particular gas natural (Gazlin), petróleo (val de Fergana), carbón (conca do Angren e o Sargun), ouro, prata, uranio, cobre, chumbo, cinc e tungsteno. A industria, pouco desenvolvida, baséase na extracción e transformación destes minerais e nos produtos agrícolas. Tamén hai produción de maquinaria agrícola, produtos químicos e metalurxia. A maior parte do transporte faise por estrada e ferrocarril. O aeroporto internacional de Taškent é o máis importante de Asia central. No período 2000-2005 o crecemento anual fixouse no 1,5% a pesar da alta taxa de mortalidade infantil (36,7‰). O 63,4% da poboación é rural.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos uzbekos (75,8%), seguidos dos rusos (6%), taxikos (4,8%), kazakhos (4,1%), tátaros (1,6%), coreanos (0,9%), kirguizos (0,9%), ucraínos (0,6%) e outros (5,3%). A relixión maioritaria é a musulmá (88%), seguida dos ateos (11%) e dunha minoría ortodoxa (1%). As linguas oficiais son o uzbeko e o ruso.
Desenvolvemento Humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Uzbekistán entre os países cun desenvolvemento medio (107º posto mundial cun índice de 0,709). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 64 anos para os homes e 71 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 99,3% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 76% e o PNB real por habitante é de 1.670$ EE UU.
Goberno e política
República federada da URSS, independizouse o 1 de setembro de 1999. A Constitución do 8 de decembro de 1992 estableceu unha república presidencialista. O presidente é elixido por sufraxio universal para un período de 5 anos. O goberno é nomeado polo presidente coa aprobación da Oliy Majlis. O poder lexislativo correspóndelle á Oliy Majlis (Asemblea Nacional), formada pola Cámara Lexislativa, composta por 120 membros elixidos para un período de 5 anos, e polo Senado, composto por 100 membros, dos que 16 son nomeados polo presidente. O sistema xudicial é unha evolución do dereito soviético. Os xuíces son nomeados polo presidente e confirmados pola Oliy Majlis. As principais forzas políticas son o Partido Democrático do Pobo, o Partido do Progreso da Terra Patria, o Partido Social Democrático, a Birlik (Unidade) Movemento do Pobo e o Partido do Renacemento Islámico. Forma parte dos seguintes organismos: Comunidade de Estados Independentes (CEI), ERBD, Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU e OSCE.
Historia
O nome do estado deriva de Uzbeko, un dos khans da Horda de Ouro, que adoptou e impuxo o Islam ao seu pobo (s XIV). Co declive da Horda de Ouro, os uzbekos establecéronse entre o Volga e o mar de Aral, e durante o s XVI expandíronse ata Samarcanda e Bukhara. A posterior constitución dos khanatos independentes de Bukhara e de Khiva mantivo a entidade política do pobo uzbeko. Aceptada por Khiva a soberanía rusa (1873), Bukhara houbo de ceder o val de Amudarja. En 1918 constituíuse a República Autónoma Socialista Soviética de Turquestán, que en 1924 foi dividida nas diversas repúblicas da Asia Central. A resistencia armada ao establecemento do réxime soviético non foi sufocada ata mediados da década de 1920 e, nos anos en que a URSS permaneceu vixente, Uzbekistán prosperou grazas ao cultivo intensivo de algodón e o Islam foi obxecto dunha persecución sistemática. Antes da implantación da perestrojka xurdiu o núcleo de oposición liberal Birlik, que por primeira vez puxo sobre a mesa problemas como a desecación do mar de Aral ou o status do uzbeko. Despois do golpe de estado frustrado en 1991, Uzbekistán declarou a independencia e ingresou na CEI ese mesmo ano. En 1992 proclamou unha constitución na que se definía como unha república presidencialista, cuxo goberno recaeu, desde 1990, en Islom Karimov, do Partido Democrático do Pobo (reelixido en 1995 e 2000).