Valga
Concello da comarca de Caldas, situado no O da Comunidade Autónoma de Galicia e no N da provincia de Pontevedra (42° 42’ de latitude N e 8° 38´42” de lonxitude O. Limita ao N con Dodro (comarca do Sar) e Pontecesures (comarca de Caldas); ao S con Caldas de Reis (comarca de Caldas); ao L coa Estrada (comarca de Tabeirós-Terra de Montes) e Cuntis (comarca de Caldas); e, ao O con Catoira (comarca de Caldas). Abrangue unha superficie de 40,6 km 2 en que acolle unha poboación de 6.071 h (2007), distribuída nas parroquias de Campaña, Cordeiro, Setecoros, Valga e Xanza. A súa capital é Ponte Valga, na parroquia de Valga, que dista 26 km de Santiago de Compostela e 33 km de Pontevedra. Pertence ao partido xudicial de Caldas de Reis, á arquidiocese de Santiago e á provincia de Pontevedra.
Xeografía física
O relevo de Valga organízase arredor de tres unidades xeomorfolóxicas. Ao N o val do río Ulla, instalado nunha fractura de orixe tectónica de dirección NL-SO. O Ulla recibe pola súa esquerda os ríos Louro e Valga, tamén instalados no fondo de fallas de orixe tectónica, o primeiro cunha dirección SL-NO e o segundo seguindo unha liña de fractura paralela que serve de leito ao Ulla. No centro do concello aparece a segunda das unidades do relevo, a Depresión Meridiana, orixinada tamén pola tectónica tras a fractura do zócolo paleozoico en bloques durante o Terciario. Esta fosa tectónica serve de separación entre un bloque costeiro erguido ao S (monte Xiabre, 646 m) e o monte Xesteiras (710 m), que constitúen a terceira unidade do relevo do concello. Entre Pontecesures e o lugar de Ferreirós (Cordeiro) esténdese un enorme glacis inclinado uns 5° cara ao NO, orixinado en boa medida como consecuencia dos movementos tectónicos. O concello conta cunha grande uniformidade litolóxica constituída por granitos hercinianos, con materiais cuaternarios de orixe aluvial ou coluvial nos fondos de val. O clima forma parte do dominio oceánico húmido e, dentro das variedades galegas, adscríbese ao subtipo das Rías Baixas. Caracterízase por unhas elevadas precipitacións (1.700 mm) favorecidas pola orientación axeitada das rías para a penetración dos fluxos ciclónicos do SO. O máximo pluviométrico prodúcese no inverno (39% das chuvias), e cae bastante auga tamén en primavera (25%) e outono (28%), mentres que no verán prodúcese unha acentuada seca (8%), que se traduce en problemas de aridez de xullo a setembro. As xornadas anuais de chuvia sitúanse entre as 140 e as 150 e a temperatura media anual é de 15°C, cun inverno moi suave (9,3°C en xaneiro) e un verán cálido (20,7°C en agosto). O risco de xeadas é baixo e circunscríbese aos meses invernais. A vexetación clímax de frondosas, carballos e soutos foi substituída por especies de crecemento rápido con orientacións comerciais, como os piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
O concello de Valga coñeceu un notable e case continuo crecemento demográfico (51,6%) desde a realización do censo de 1887 (4.085 h) ata o de 2001 (6.196 h). Así, de 1887 a 1920 o incremento demográfico foi do 0,34% anual, que coincidiu cun dos momentos de maior sangría demográfica emigratoria para o conxunto de Galicia. Esta perda de poboación cara a ultramar tamén se deixou sentir en Valga, pero o forte aumento vexetativo contrarrestou sobradamente as saídas. Ademais, a produtividade e fertilidade das súas terras e a posibilidade do traballo no mar, propiciaron unha maior fixación da poboación que en outras áreas de Galicia. O cesamento da emigración como consecuencia da crise económica internacional de 1930, da Guerra Civil Española e da Segunda Guerra Mundial, propiciou que o colectivo demográfico do concello continuase aumentando mesmo cando, a partir de 1950, xa se abrira a segunda vaga de emigración americana e moitas áreas de Galicia perderan poboación. Así, de 1930 a 1960, Valga incrementou os seus habitantes nun 1,01% anual. Non obstante, a partir de 1960 e ata 1981, o concello entrou nun grande estancamento no número de habitantes como consecuencia da apertura da vía emigratoria europea e cara ás cidades españolas máis desenvolvidas, acompañada dun descenso do saldo natural que, aínda que se mantivo positivo, reducíuse de xeito notable. Ese estancamento traduciuse nun leve decrecemento do -0,03% anual entre 1960 e 1970, un aumento do 0,05% cada ano de 1970 a 1981 e un novo descenso do -0,08% anual entre 1981 e 1991. Durante o período intercensual 1991-2001, retomouse a senda do crecemento a un ritmo do 0,22% anual. Entre 2001 e 2007 a poboación de Valga decreceu nun 2,01%. Froito desta evolución, Valga presenta unha estrutura demográfica bastante nova no contexto galego, cun 18,7% de persoas por debaixo dos 20 anos, un 19,6% con 65 ou máis anos e un 61,7% do grupo intermedio, en que as mulleres superan levemente os homes cun 51,06%. O saldo vexetativo é negativo (-1,6‰ en 2006), cunha natalidade do 8,3‰ e unha mortalidade do 9,9‰.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 48,9%, (65,7% a masculina e 33,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,6% (60,5% a masculina e 27,9% a feminina) e a taxa de paro do 10,8% (8% a masculina e 16% a feminina) . O concello de Valga presenta unha estrutura económica baseada na industria, pois ocupa ao 38% dos activos e malia ser un concello bastante pequeno en extensión conta con boas infraestruturas viarias que favorecen a instalación de actividades industriais. Posúe empresas de fundición de metais lixeiros, metalúrxicas, de formigón para a construción e de fabricación de chapas e contrachapados de madeira dura. Conta ademais cunha diversificada oferta de pequenos talleres industriais que lle dan unha sólida base económica ao concello. Polo que se refire ao sector primario, a súa significación é moi cativa, co 2,2% dos ocupados empregados na agricultura e na gandaría, e o 2,4% ocupados na pesca, que aproveita as potencialidades que lle ofrece o paso do Ulla polo territorio municipal, aínda que é unha actividade estacional, fundamentada na pesca da lamprea. A construción tamén está bastante desenvolvida, co 20% dos ocupados, e conta con varias empresas de tamaño medio que empregan a un bo número de traballadores, aínda que tamén son frecuentes os autónomos que traballan en pequenas cuadrillas no concello ou no veciño de Padrón ou Pontecesures. Finalmente, os servizos teñen un peso moi semellante á industria (37,3%) e non están máis desenvolvidos debido á proximidade das cabeceiras comarcais de Padrón e, en menor medida, de Caldas de Reis. Destaca por riba do resto de actividades terciarias o comercio, pero tamén son significativos a administración pública e a seguridade, a hostalaría, o transporte, a educación, as actividades sociais e os servizos persoais e inmobiliarios. Polo concello pasan a estrada N-550, que une A Coruña e Tui, a autoestrada AP-9, que une Ferrol e Tui, ademais da estrada PO-548 e a liña de ferrocarril que une A Coruña e Vigo.
Historia
Os primeiros vestixios de ocupación humana datan da Idade do Bronce, período ao que pertence o gravado rupestre de Camporredondo. De época castrexa consérvanse os castros da Roda do Castro, Castro en Setecoros e O Castro, en Cordeiro. Durante a Guerra da Independencia contra os franceses, a comezos do s XIX, tivo lugar unha cruenta batalla en Casal do Eirixo, o 27 de abril de 1809, onde foron derrotadas as tropas de Ney e Maucunne, que tiveron que retroceder ata Cesures. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Cordeiro e Padrón, ambas as dúas señorío do arcebispo de Santiago. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa subsitución por unha organización municipal do territorio. Daquela creouse o concello de Cordeiro. A derrogación da Constitución por Fernando VII en 1823 supuxo o regreso ao Antigo Réxime ata a recuperación do municipalismo en 1835. Creouse entón o concello de Valga, que en 1925 perdeu parte do seu territorio por segregación da parroquia de San Xulián de Requeixo, que se converteu no concello de Pontecesures.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos cómpre destacar a igrexa románica de Xanza e a capela dos Martores de Valga, construída nos ss IV-V e ampliada no s XVII. No eido da arquitectura civil sobresaen os pazos e casas señoriais do Deán, Palma, o pazo de Raxoi, na parroquia de Valga, e a casa de Xanza, e na arquitectura popular o cruceiro de San Miguel de Valga e o peto de ánimas de Pino-Setecoros. O concello está atravesado polo Camiño Portugués de peregrinación a Santiago e pola ruta marítimo-fluvial do Ulla. O patrimonio natural está representado polo Sistema Fluvial Ulla-Deza, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000.
Celébranse, entre outras, as festas de San Brais en febreiro, as romarías da Virxe da Saúde na ermida do monte de Casal de Eirixo, a Virxe dos Desamparados en Devesa (Campaña) e a romaría da Candelaria en Cordeiro, ademais das festas da Muiñeira, do Peregrino e o Festival Xiabre.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Caldas |
| Extensión | 40 Km2 |
| Poboación Total | 6071 h |
| Poboación Homes | 2971 h |
| Poboación Mulleres | 31 h |
| Densidade de poboación | 151.78 h/Km2 |