valse
(< al Walzer, de walzen ‘darvoltas’)
Danza popular e de salón escrita en compás de tres por catro. A súa orixe estaría nas danzas denominadas walzerische Tänze (deutsche Tänze, wiener Tänze, ländler, etc) austrobávaras. Consiste nun desprazamento da parella enlazada dando voltas, case sen levantar os pés do piso, nunha figura de seis pasos. Durante os últimos decenios do s XVIII o valse popularizouse en Viena, en coexistencia co ländler. No s XIX difundiuse por toda Europa, foi estilizado e creou un tipo de peza musical a medio camiño entre a danza e a modalidade de obra instrumental para concerto, cultivada especialmente pola familia Strauss. O valse de concerto para piano difundírono Chopin, Liszt, Schumann e Brahms, mentres que o sinfónico Liszt, Berlioz, Chaikovski, R. Strauss e Ravel. A mediados do s XIX o valse tivo unha función esencial na opereta vienesa.