Vanuatu

Vanuatu
Nome científico: [nome oficial en bislama: Ripablik blong Vanuatu; République de Vanuatu; inglés: Republic of Vanuatu]

Estado insular do Océano Pacífico, situado uns 400 km ao NL de Nova Caledonia e uns 1.000 km ao O de Fixi (12.190 km2; 202.000 h [estim 2000]). A capital é Port Vila (30.139 h [1999]).
Xeografía
O arquipélago está constituído por unhas 80 illas, todas montañosas e volcánicas e cun clima tropical oceánico. Os cultivos de subsistencia son o iñame, a mandioca, as hortalizas e outras verduras. Tamén se cultivan cocos, cacao e café. A gandaría céntrase na cría de vacas, porcos, cabras e galiñas. Hai explotación forestal. A pesca practícana comercialmente diversas sociedades estranxeiras. En conxunto, o sector primario ocupa o 61% da poboación activa. A minaría redúcese á extracción de manganeso na illa de Efate. As industrias son pequenas e baséanse no proceso dos produtos do sector primario como a conxelación de peixe ou as conservas de carne. Destaca tamén a artesanía: cestaría, cerámica, elaboración de copra ou construción de canoas, entre outras. O comercio exterior é deficitario, importa maquinaria, manufacturas e alimentos, e exporta copra, carne e cacao. Os principais provedores son Australia, Xapón e Nova Zelanda; e os clientes, Países Baixos, Xapón e Australia. O goberno busca ingresos no sector terciario, impulsando o turismo e as finanzas.
Sociedade e goberno
A poboación, rural nun 77,2% (2003), é na súa maioría autóctona (97,9%). O bislama, o inglés e o francés son as linguas oficiais, e o cristianismo é a confesión relixiosa con máis seguidores: protestantes (35,7%), católicos (14,6%) e anglicanos (14%). O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Vanuatu entre os países cun desenvolvemento humano medio (129° posto mundial cun índice de 0,570). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de de 66 anos para os homes e 70 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 34% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 70%, e o PNB real por habitante é de 2.890 $ EE UU. República, independizouse o 30 de xullo de 1980 de Francia e do Reino Unido e dotouse dunha Constitución. O poder executivo correspóndelle ao presidente, que é elixido para un período de 5 anos por un colexio electoral formado polo Parliament e os presidentes dos consellos rexionais. O primeiro ministro é o líder do partido máis votado nas eleccións lexislativas. O poder lexislativo exérceo o Parliament/ Parlement, que está formado por 52 membros que son elixidos para un período de 4 anos. O sistema xudicial baséase no dereito francés e inglés. As principais forzas políticas son o Vanuaaku Parti/ Party of Our Land (VP), o Vanuatu National United Party/Parti National Uni (NUP), a Union of Moderate/Union des Partis Moderés (UMP) e o Vanuatu Republican Party /Parti Républican de Vanuatu (VRP). Organismos internacionais: Commonwealth, Comunidade do Pacífico e ONU.
Historia
Os polinesios chegaron ao arquipélago ao redor do 1.400 a C, que non foi coñecido polos europeos ata a descuberta do portugués P. Fernandes de Queirós en 1606, que pensaba que era un territorio de Australia. En 1768 L. Boungainville demostrou que se trataba dun arquipélago e en 1774 J. Cook deulle o nome de Novas Hébridas, que levou ata 1980. Situada entre posesións británicas e francesas, en 1906 converteuse nun condominio anglofrancés. A poboación autóctona quedou relegada e a cidadanía, británica ou francesa, só a acadaba a poboación branca. A independencia, pola que loitou o Partido Nacional das Novas Hébridas (actual Vanuaaku Parti/Party of Our Land), obtívose en 1980 e adoptou o nome de Vanuatu. Desde 2004 o presidente da república é Kalkat Matas Kelekele.