Varela Duro, Celso
(Briallos, Portas 9.12.1952) Pintor. Os seus cadros amosaron unha tendencia intimista que se mantivo entre a figuración e a abstracción. Tocou diferentes temáticas como os bodegóns, (Peixes e froitas, 2002; Polbo, 2002), retratos (Carmela, 1989; María con sopa, 1989) e paisaxes (Parque, 1989; A miña aldea, 2001). Destacaron tamén as súas composicións de interiores (Elisa a contraluz, 1988; O almorzo, 1988), en espazos que mesturaron a visión xeométrica con outra máis visceral, próxima ao abstracto e ás escenas festivas (Cíngaros, 2002), que empregou como pretexto para poñer de manifesto un variado xogo cromático, tendencia que nalgunhas obras se trocou por tons máis agrisados (Elisa, 2002). Foi o gañador do I (1985) e do III (1989) Premio da Bienal Internacional de Pintura da Fundación Araguaney en Santiago de Compostela e do XI Premio de Pintura Durán de Madrid (1994).