Varsovia, gran ducado de
Varsovia, gran ducado de
Estado independente formado polos territorios polacos subtraídos á administración prusiana no Tratado de Tilsit (1807). Napoleón confioulle o seu goberno a Federico Augusto I de Saxonia e o mando do exército ao príncipe J. Poniatowski. Promulgouse unha constitución inspirada na francesa e suprimiuse a servidume do campesiñado, aínda que non se lles recoñeceron dereitos sobre as terras que traballaban. O Congreso de Viena (1814-1815) dividiu o territorio entre Prusia e Rusia, agás Cracovia, erixida república independente.