Vázquez

Vázquez
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe patronímica formado a partir do nome persoal Vasco, que vén da forma prerromana velascus, máis o sufixo patronímico -ez (‘fillo de’). Tamén se recolle coa forma castelá Velázquez.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe de orixe galega que trae por armas, en campo de azul, catro estrelas de prata, de seis raios, colocadas unha en cada cantón do escudo; bordo cosido de azul, cargado de seis cunchas de vieira de prata, dúas en xefe, dúas en punta e unha en cada flanco. Outro trae, en campo de sinople, nove besantes de prata, colocados en tres faixas de tres. Outro, en campo de ouro, tres faixas de azul alzadas, sostidas dun T do mesmo, en punta. Outro, en campo de goles, un castelo de ouro. Outro, en campo de goles, un castelo de prata; bordo de azul, cargado de oito cunchas de vieira de prata. Outro, en campo de sinople, catro estrelas de ouro, de oito raios, colocadas unha en xefe, outra en punta, e unha en cada flanco, alternando con catro cunchas de vieira de prata, colocadas unha en cada cantón do escudo.