Vedra
Concello pertencente á comarca de Santiago situado no centro da Comunidade Autónoma de Galicia e no S da provincia da Coruña (42° 46’ 12’’ N - 8° 28’ 42’’ O). Limita ao N cos concellos de Santiago de Compostela e Boqueixón (comarca de Santiago), ao S co da Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), ao L cos de Boqueixón e A Estrada, e ao O co de Teo (Santiago). Ten unha extensión de 52,8 km 2 cunha poboación de 5.088 h (2007) distribuída nas parroquias de Illobre, Merín, A Ponte Ulla, San Fins de Sales, San Mamede de Ribadulla, San Miguel de Sarandón, San Pedro de Sarandón, San Pedro de Vilanova, San Xián de Sales, Santa Cruz de Ribadulla, Trobe e Vedra. A capital é o lugar Avenida do Mestre Manuel Gómez Lorenzo, na parroquia de Vedra, que se atopa a 19 km de Santiago de Compostela e 82 km da Coruña. Pertence ao partido xudicial de Santiago e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O relevo organízase en función do val do Ulla, que atravesa o extremo S municipal, onde se acadan altitudes situadas ao redor dos 100 m, que se van incrementando cara ao N (Penas Pardas, 449 m). O val do Ulla, moi amplo na área occidental do concello, estréitase cara ao L xa que aparece un pequeno cordal montañoso do Pico Sacro e do monte Castro. Aquí atópase un filón de seixo duns 20 km de lonxitude. A dureza deste material fai que o río se encaixe notablemente e forma unha gorxa entre as elevacións do Castro e As Caldelas nunha falla de dirección meridiana. O resto do concello presenta unha litoloxía de granitos gnéisicos pertencentes á formación de laxe, cunha morfoloxía suavemente ondulada. O clima adscríbese ao dominio oceánico húmido, e dentro dos subtipos galegos ao do litoral das Rías Baixas. A temperatura media anual de 13,5°C, cun inverno suave (8,2°C) e un verán cálido (20°C). As precipitacións son abundantes (1.500 mm), cun acusado máximo invernal (37%). No verán dáse un forte descenso (10%) e xorden problemas de aridez en xullo e agosto. O risco de xeadas circunscríbese aos meses invernais. A rede fluvial aparece dominada polo Ulla, ao que tributan con dirección mediana ríos de pequena entidade como o Tomonde. A benignidade climática favorece o cultivo de vides e que entre a vexetación clímax se atope a sobreira e o carballo; a repoboación realizouse con piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
A poboación de ;Vedra mantívose bastante estable desde o censo de 1887 (5.692 h), ata o de 2001 (5.031 h). De 1887 a 1920 coñeceu un descenso demográfico cativo pero constante a un ritmo do -0,18% cada ano. A perda de poboación non foi máis notable porque existía un significativo saldo vexetativo positivo que contrarrestou en certa medida as saídas emigratorias cara a ultramar. Entre 1920 e 1940 o colectivo demográfico de Vedra medrou un 0,51% anual. Nesta subida incidiu a crise económica internacional iniciada a finais da década de 1920 e a Guerra Civil, que cortou a posibilidade de emigrar. De 1940 a 1970 apareceu un novo episodio de crise demográfica ao abeiro da nova vaga emigratoria. Deste xeito neses trinta anos perdeu anualmente un -0,42% da poboación. O retorno de emigrantes como consecuencia da crise internacional do petróleo comezada en 1973 e o saldo vexetativo, aínda positivo, favoreceu que de 1970 a 1981 se producise o maior crecemento demográfico (0,93% cada ano). As perspectivas laborais que ofreceu a cidade de Santiago de Compostela durante a década de 1980 e o cambio de signo no saldo vexetativo, que desde mediados desa década pasou a ser negativo, están na base da forte caída do número de habitantes entre 1981 e 1991 (-1,4% anual). Durante o último período intercensal (1991-2001) cambiou de novo a tendencia e medrou un 0,28% anualmente . O crecemento entre 2001 e 2007 foi do 1,13%. O concello estase a converter en área de desconcentración residencial de Santiago. Froito desta evolución é unha estrutura demográfica na que os maiores de 65 anos (20,8%) superaban os menores de 15 anos (15,7%), o grupo intermedio representa o 63,5% da poboación; as mulleres superaban os homes (51,88%). O saldo vexetativo en 2006 era negativo (-5,2‰), como consecuencia dunha natalidade cativa (7,2‰) e unha mortalidade relativamente alta (12,4‰).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 49,8% (64% a masculina e 36,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 45,2% (59,3% a masculina e 32,4% a feminina) e a taxa de paro do 9,3% (7,4% a masculina e 12,1% a feminina). O sector primario sempre tivo moita importancia ata o abandono de moitas explotacións por mor das xubilacións e agora emprega só o 13,1% da poboación activa. Na paisaxe agraria mestúranse os cultivos tradicionais (millo, patacas e trigo) coa especialización en cultivos hortofrutícolas, flores (ambos baixo plástico) e viñedo. A vide está esencialmente destinada ao consumo propio, aínda que se intenta consolidar actividades empresariais enolóxicas coas cepas autóctonas do Ulla e introducir castes de Albariño. A gandaría vacúa e avícola tamén teñen significación. O 26% da superficie das explotacións agrarias está dedicada a pastos permanentes e en 1999 no concello estaban censadas 3.299 cabezas de vacún leiteiro; o 13,7% das explotacións tiña máis de 20 reses, e o 14,8% posuían entre 10 e 20 vacas. A industria aglutina o 16,5% dos traballadores e está orientada á explotación dos recursos endóxenos, cunha centrada actividade na transformación de produtos alimenticios. É moi importante tamén a industria de primeira transformación da madeira. A construción emprega o 16,8% dos ocupados, que maioritariamente traballan en Santiago de Compostela e nos seus arredores. Os servizos son o sector económico maioritario (53,6%), favorecido pola proximidade da capital de Galicia, onde traballan boa parte dos que se dedican a esta actividade. Dentro do terciario sobresae o comercio. A N-525 e a autopista Ap-53, que unen Santiago e Ourense, atravesan o concello que conta cunha estación de ferrocarril da liña Ourense-Santiago.
Historia
As pegadas de ocupación humana máis antigas remóntanse ás épocas megalítica (mámoa de Trobe) e castrexa (castro de Socastro, en San Mamede de Ribadulla). Os romanos ocuparon a zona, por onde pasou unha vía militar que procedía de Braga e ía en dirección a Lugo, da que se achou un miliario en San Xián de Sales. Tamén foi atravesado polo camiño real que ía cara a Ourense, do que se conserva a ponte de Busacos (San Fins de Sales) e o camiño de peregrinación que pasaba por San Pedro de Vilanova. O concello serviu de refuxio no s IX ao bispo de Coimbra, Naustio, que fuxía dos árabes. Durante o Antigo Réxime as súas parroquias atopábanse baixo a xurisdición do Xiro da Rocha, señorío do arcebispo de Santiago; Lestedo e Montesacro, señorío do arcebispo de Santiago; Ponte Ulla, señorío real; San Mamede de Ribadulla, señorío laico; o couto redondo de Santa Cruz de Ribadulla, señorío do marqués de Santa Cruz; e o couto redondo de Sarandón, señorío do conde de Ximonde. Ao abeiro da Constitución de 1812 xurdiron os concellos de Vedra e Ribadulla, que formaron o de Vedra na definitiva organización municipal de 1835.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio destacan as igrexas de Santa María Madalena da Ponte Ulla, Santo André de Illobre e Santa Eulalia de Vedra, ademais dos pazos de Vista Alegre (Ponte Ulla), Costa (s XVIII), Guimaráns (S XVII) en San Mamede de Ribadulla, Ximonde (s XVI) en San Miguel de Sarandón e Santa Cruz de Ribadulla (BIC, 1981). Na Ponte Ulla son destacables a ponte Ulla e a ponte do ferrocarril. Como espazo natural está integrado no sistema Fluvial Ulla-Deza (LIC, 2001), dentro da proposta da Rede Natura 2000. Celebra as romarías do Santiaguiño en San Pedro da Vilanova; os Remedios en Trobe; San Blas en San Mamede de Ribadulla; a Festa do Viño en San Miguel de Sarandón e a Festa da Augardente en San Mamede de Ribadulla.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Santiago |
| Extensión | 52 Km2 |
| Poboación Total | 5088 h |
| Poboación Homes | 2448 h |
| Poboación Mulleres | 264 h |
| Densidade de poboación | 97.85 h/Km2 |