veludo
(< lat tardío villūtu< lat villu ‘pelo’)
Tecido de felpa co pelo cortado ou ondulado, de seda, la ou algodón. Está composto por un tecido de base feito cun urdido e cunha trama que suxeita unhas mallas que están formadas cos fíos doutro urdido ou doutra trama, polo que os veludos se subdividen en dous grupos principais: veludo por urdido, que comprende sempre dous urdidos diferentes (o que serve para o ligamento do tecido e o urdido do pelo), e unha soa trama, e a formación do pelo efectúase no tear a través dunhas varas metálicas que se introducen en caladas especiais; e o veludo por trama, que consta dun só urdido e unha soa trama, que forman o corpo do tecido, pero algunhas pasadas destínanse a formar bastas que logo se cortan e constitúen os penachos de pelo.