Venezuela
Estado de América meridional, limitado ao N polo mar das Antillas e o Océano Atlántico, ao L pola Güiana, ao S por Brasil e Colombia e ao O por Colombia (916.445 km2; 23.054.210 h [2001]). A capital é Caracas.
Xeografía física
Fisiograficamente pódense distinguir catro grandes unidades de relevo: o escudo da Güiana, os Andes, separados do escudo por unha extensa chaira (os Llanos), e o sistema montañoso do Caribe. O escudo da Güiana, situado ao S e ao L do río Orinoco, é un macizo moi antigo cun aspecto de relevo tabular. Os ríos escavaron profundos vales, dominados por elevacións solitarias (Auyán Tepuy, 2.950 m; Cerro de Neblina, 3.014 m). Os Andes venezolanos proveñen dun ramal que se desprende da cordilleira Oriental de Colombia, que ao penetrar en Venezuela se bifurca e forma un grande arco, no medio do que está a depresión do lago Maracaibo. A serra de Perijá, no O, e a serra de Mérida (Pico Bolívar, 5.007 m), no L, están vinculadas á tectónica andina. Os Andes chegan ata a depresión de Barquisimeto. Entre a serra de Mérida e a do Caribe esténdese unha rexión de transición (Lara-Falcón), composta por altiplanos e vales profundos. Os Llanos, que forman a gran depresión central, son terras baixas, regadas totalmente polo Orinoco e os seus afluentes e están constituídas por sedimentos do Terciario Superior e do Cuaternario. O sistema do Caribe presenta unha gran depresión axial que determina a existencia da cordilleira Litoral e a cordilleira do Interior. A cordilleira Litoral, composta por rochas metamórficas, ten unha orografía continua e chega dunha maneira abrupta ao mar (Naiguatá, 2.765 m). A cordilleira do Interior está composta por materiais sedimentarios. Hai numerosa illas fronte ás costas (Santa Margarita, Tortuga). Situado na zona intertropical, presenta os tipos climáticos incluídos no clima ecuatorial e tropical. A causa da diferenza de altitudes, distínguense tres tipos de clima: o cálido, o temperado e o frío. O clima cálido céntrase na franxa litoral e na rexión dos Llanos; entre os 800 e os 2.000 m de altitude están as terras temperadas, e máis enriba, as terras frías. As tres cuartas partes do territorio venezolano pertencen á conca do Orinoco. Os afluentes máis importantes son, pola dereita, o Ventuari, o Caroní, o Caura e o Aro, procedentes do macizo da Güiana, e pola esquerda, o Guavire, o Vichada, o Meta e o Apure, que baixan dos Andes. Unha parte das augas do Orinoco van parar ao Amazonas a través do canal natural de Casiquiare. Os ríos máis importantes da conca do mar das Antillas son os que desembocan no lago Maracaibo, que son curtos e caudalosos. O lago Valencia é unha conca endorreica. A vexetación é moi variada a causa das diferenzas de clima. Ao S e nas terras marítimas orientais predomina a selva pluvial, moi densa e rica, mentres que os Llanos están cubertos de sabana. Cerca do Caribe están as áreas de selva seca. Ao ascender as montañas sucédense unha zona de selva nebulosa, unha de páramo, unha alpina moi reducida e unha nival.
Xeografía económica
Venezuela foi ata 1920 un país agrícola. A agricultura está pouco mecanizada e o autoabastecemento non está garantido, polo que precisa importar alimentos. A gandaría, principalmente o gando bovino, desenvólvese nos Llanos. A riqueza forestal é moi importante e con moita variedade de madeira, sobre todo na rexión da Amazonia e da Güiana. O recurso económico principal de Venezuela é o petróleo; o subsolo, rico en minerais, malia que desigualmente explotado, produce, ademais, aluminio, ferro, gas natural, carbón, diamantes, ouro, cinc, cobre, chumbo, prata, fosfatos naturais, manganeso e titanio. A industria manufactureira está moi atrasada respecto da industria extractiva. Destacan numerosas refinarías de petróleo como a de Amuay, a máis importante, na península de Paraguaná. Tamén ten industrias metalúrxicas e siderúrxicas (principalmente de aluminio, ferro coado e aceiro), químicas e de vehículos. A topografía do país fixo difícil a construción de vías de ferrocarril. As estradas, 84.300 km (1998), están case todas na zona norte. Os portos marítimos máis importantes son os de La Guaira, Maracaibo e Puerto Cabello. O Orinoco é navegable nuns 1.125 km, incluíndo os seus afluentes Apure e Arauca, e tamén son navegables o río San Juan e, especialmente, o lago Maracaibo. Para as comunicacións interiores utilízase o transporte aéreo. Os aeroportos máis importantes son os de Maracaibo, Barcelona e, en Caracas, Maiquetía e Simón Bolívar. As exportacións superan o valor das importacións. Ademais de petróleo e ferro, Venezuela exporta manufacturas básicas e alimentos. Os clientes principais son EE UU, Xapón e Colombia. As importacións consisten en maquinaria e produtos manufacturados, químicos e alimentarios. Os provedores principais son EE UU, Alemaña e Italia. A balanza de servizos é desfavorable e, malia o turismo e as transferencias exteriores, a balanza total é lixeiramente negativa.
Xeografía humana
A poboación está distribuída moi irregularmente: o 80% dos habitantes viven ao N do país (20% do territorio). A emigración dos habitantes do campo cara á cidade fai que a poboación urbana represente o 87,7% (2003). O crecemento anual da poboación situouse no 1,9% (2000-2005).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A composición da poboación é moi complexa, a causa do cruzamento de poboadores autóctonos cos conquistadores e colonizadores casteláns e cos escravos negros: mestizos (67%), brancos (21%), negros (10%) e amerindios (2%). O 92,7% da poboación é católica e a lingua oficial é o castelán, pero fálanse moitas linguas autóctonas, sobre todo amerindias.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Venezuela entre os países cun desenvolvemento humano medio (68º posto mundial cun índice de 0,778). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de de 70 anos para os homes e 76 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 93,1% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 71% e o PNB real por habitante é de 5.380 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia española, acadou a independencia definitiva en 1821. Sendo república, o 30 de decembro de 1999 entrou en vigor unha nova Constitución. O poder executivo correspóndelle ao presidente, elixido por sufraxio universal para un período de 6 anos. Este nomea o vicepresidente executivo. O poder lexislativo reside na Asamblea Nacional, que está composta por 165 membros, 3 dos escanos resérvanse aos indíxenas, que son elixidos para un período de 5 anos. Conta cun Tribunal Supremo de Justicia cuxos membros son elixidos pola Asamblea Nacional para un período de 12 anos. As principais forzas políticas son o Movimiento V República (MVR); a alianza AD-Copei, formada por Acción Democrática (AD) e o Partido Social Cristiano de Venezuela (Copei); e o Movimiento al Socialismo (MAS). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Organización dos Estados Americanos (OEA), ONU e OPEC.
Historia
As orixes
Sobre unha poboación primitiva de orixe descoñecida instaláronse nestas terras os arauacos (I milenio a C), a través do val do Orinoco, e os caribes, procedentes das Antillas, poucos séculos antes da chegada dos europeos. En 1498 Cristovo Colón desembarcou na illa Trinidad e na península de Paria e un ano despois Alonso de Ojeda comandaba outra expedición na zona e percorría parte da súa costa. En 1521 Gonzalo de Ocampo fundou Cumaná e en 1527, Juan de Ampués e Santa Ana de Coro, que se constituíu como a primeira capital de Venezuela. A partir de 1548 xurdiron os núcleos de San Felipe de Buria, Barquisimeto, Valencia, Trujillo, Mérida, Caracas, Cumaná, Ciudad Rodrigo ou La Guaira.
O período colonial
A amplitude xeográfica, a resistencia india, a escasa inmigración, a carencia dun plano colonizador de conxunto e a permanente ameaza dos piratas explicaron o atraso da organización colonial. Nun principio, a colonia dependía da Audiencia de Santo Domingo. Pertenceu ao vicerreinado de Nueva Granada (1717-1742) ata que se constituíu como Gran Capitanía de las Provincias Unidas de Venezuela e como Gran Capitanía (1777), coa anexión das provincias de Cumaná, Guayana e Maracaibo, así como das illas Margarita e Trinidad. Se a economía venezolana nos ss XVI-XVII tivo un nivel de subsistencia e un comercio dominado polo contrabando, desde 1730 a Real Compañía de Gipuzkoa monopolizou as exportacións de cacao, e desde 1770 engadiuse o anil, o café, o azucre e o algodón. O libre comercio, establecido desde 1778, multiplicou os contactos con moitos portos peninsulares e americanos e a importación de escravos desde aquel mesmo ano forneceu man de obra para a agricultura.
A independencia
Despois de varios intentos frustrados liderados por Manuel Gual e José María España (1797) ou Francisco Miranda (1806), en 1810 constituíuse unha Junta Suprema, que en 1811 declarou a independencia. Aínda que os realistas se fixeron de novo coa situación en 1812, as tentativas libertadoras encabezadas por Simón Bolívar en 1813 e 1817 remataron con éxito, pois conseguiu derrotalos definitivamente en Carabobo (1821). Desde 1819, Venezuela pasou a formar parte da República de Gran Colombia e foi dividida en varios departamentos gobernados desde Bogotá. Aproveitando o afundimento do sistema boliviano, Venezuela separouse de Gran Colombia (1830) e comezou unha auténtica reconstrución económica e social.
A evolución política da República de Venezuela
En 1835 foi elixido o primeiro presidente da República de Venezuela, o xeneral José Antonio Páez, que ostentaría o poder en sucesivas ocasións (1830-1835; 1839-1843 e 1861-1863), entre as que se alternaron os gobernos de José María Vargas (1835-1837) e Carlos Soublette (1837-1839) e a ditadura militar de José T. Monagas (1846-1858), derrocada pola acción conxunta dos conservadores e liberais federalistas. En 1864 promulgouse a Constitución Federal dos Estados Unidos de Venezuela e, despois dos gobernos de Juan Antonio Crisóstomo Falcón e José Ruperto Monagas, en 1870 os liberais conseguiron colocar na presidencia a Antonio Guzmán Blanco (1870-1877; 1879-1884 e 1886-1889), que instaurou unha ditadura progresista e anticlerical. Tras a presidencia de Joaquín Crespo (1892-1898), en 1899, accedeu ao poder o xeneral Cipriano Castro, que consagrou a hexemonía dos oficiais andinos e continuou a tarefa modernizadora. Durante o mandato do xeneral Juan Vicente Gómez (1908), o petróleo, controlado polas compañías estadounidenses, converteuse no primeiro produto de exportación (1926). A nova prosperidade afectou unicamente ás clases altas urbanas. A partir de 1935 o despotismo militar (Eleazar López Contreras, 1935-1941; Isaías Medina Angarita, 1941-1945) sucedeuse a si mesmo.
A alternancia de poder: AD vs Copei
As clases medias, marxinadas do poder, organizaron a resistencia e, en 1945, deron un golpe de estado co apoio do sector militar oposto aos xefes montañeses e do partido agrario Acción Democrática (AD), cuxo líder, Rómulo Betancourt, chegou á presidencia da República e tentou realizar algúns cambios sociais limitados. Substituíuno Rómulo Gallegos, que nacionalizou o 50% dos beneficios petroleiros. En 1948 os sectores máis conservadores fomentaron un golpe de estado militar e, en 1952, a xunta militar convocou novas eleccións que, falseadas, lle outorgaron o poder ao xeneral Marcos Pérez Jiménez. Este período, que coincidiu cunha gran vaga de prosperidade baseada no petróleo, caracterizouse polas súas arbitrariedades, a represión, a construción de obras públicas faraónicas e un desenvolvemento que beneficiou, a curto prazo, a algúns sectores populares. Ao comezar 1958, non obstante, volveu a crise e o exército favoreceu unhas eleccións en que triunfou outra vez Rómulo Betancourt, que presentou un programa moi moderado. A súa alianza co Partido Social Cristiano de Venezuela (Copei) e co exército provocou a ruptura de AD e o xurdimento dunha nova esquerda, inspirada no modelo cubano, e dun novo partido de esquerdas, de signo radical, dirixido por Jovito Villalba: a Unión Republicana Democrática. A acción guerrilleira, que se nutría sobre todo das clases medias e tiña o apoio de Cuba, consolidou o pacto entre as forzas conservadoras e a AD, que se decantou cara á dereita. Raúl Leoni (1963), tamén de AD, afastouse dos democratacristiáns e retomou unha política máis progresista. Nas eleccións de 1968 venceron os democratacristiáns da Copei, pero tiveron que pactar con AD. O presidente Rafael Caldera optou por unha liña conservadora. AD recuperou o poder nas eleccións de 1973 e o novo presidente, Carlos Andrés Pérez, completou a nacionalización da produción de ferro (1974) e petróleo (1975), e racionalizou a súa explotación. Loitou polo desenvolvemento do país, a diversificación da economía e as melloras sociais. A alternancia no poder entre a Copei e a AD quedou confirmada en 1978 e 1983. Jaime Lusinchi (1984-1989), de AD, veu incrementar o problema do tráfico de droga e non puido evitar a recesión da economía do país, que depreciou a súa moeda en 1983. En 1988 Carlos Andrés Pérez volveu á presidencia, pero o seu programa, por requirimento do FMI, para conter a débeda exterior, provocou o aumento dos prezos, a escaseza de produtos e unha perda de poder adquisitivo que derivaron nunha serie de protestas, duramente reprimidas. En 1993 o presidente foi destituído polo Senado e, en 1996, foi condenado polo Tribunal Supremo por malversación de fondos reservados. Nese mesmo ano 1993, gañou as eleccións presidenciais Rafael Caldera, membro da coalición de oposición Convergencia Nacional, que tivo que seguir aplicando as duras medidas de austeridade. Ante o caos social existente, o executivo tivo que suspender as garantías constitucionais. O estado de excepción mantívose ata 1995, pero a situación económica e política seguíase manifestando feble.
A era chavista
Desde 1999 a presidencia do país recaeu na figura do tenente coronel Hugo Chávez, líder do Movimiento V República (MVR) e vencedor nos comicios electorais de 1998. Constituíu unha Asamblea Nacional Constituyente que declarou o estado de emerxencia e disolveu o sistema xudicial e o Parlamento. Ademais, aprobou a Constitución Bolivariana (1991), que modificaba o nome do país polo de República Bolivariana de Venezuela, impedía a privatización do petróleo, outorgaba aos militares o dereito a participar nas eleccións, concedía ás poboacións indíxenas o 54% do país e conferíalle máis poderes á figura presidencial, aínda que instauraba o referendo revogatorio do mandato en todos os cargos de elección popular. Todos estes feitos, xunto coa maneira de proceder, foron considerados exteriormente como un golpe de Estado. Aínda que no interior do país Chávez foi lexitimado nun referendo celebrado en 2000, as protestas fixéronse especialmente intensas a partir de 2001 polos seus intentos de reorganización das centrais obreiras e pola promulgación de diversas leis, como a de reforma agraria, que foron consideradas comunistas. Despois da morte de varios manifestantes en Caracas e ante o permanente estado de inestabilidade social, varios membros da cúpula militar anunciaron o seu desacordo cos métodos da presidencia e tentaron un golpe de Estado (2002). Aínda que Chávez aceptou entregarse voluntariamente e poucas horas despois xuraba o cargo o líder da Federación de Empresarios, Pedro Carmona, o feito de que este disolvese o Parlamento, o Tribunal Supremo de Justicia, a Fiscalía, a Defensoría del Pueblo e de que se atribuíra máis poderes dos recollidos na Constitución, causou grande indignación nos sectores moderados e o país dividiuse en dous bandos. Dous días despois da súa entrega, o 14 de abril de 2002, Chávez foi liberado da prisión militar na illa de La Orchila e reposto como xefe do Estado. Inmediatamente, reforzou o control do goberno mediante a expulsión dos opositores, o sistema de promoción interna e o nomeamento de homes de confianza nos postos claves do exército, da administración e das grandes empresas do Estado. Pese a todo, as manifestacións e as protestas na súa contra continuaron e, en 2002, convocouse unha folga nacional que durou dous meses e na que participaron tanto traballadores como membros dos sindicatos e da patronal, especialmente do sector do petróleo. As principais críticas ao goberno debíanse ás altas taxas de desemprego, á parcialización da xustiza e aos casos de corrupción durante a execución dos plans Bolívar 2000 e Bolívar 2002, concibidos para a erradicación da pobreza. A finais de 2003, e por iniciativa do presidente brasileiro Lula da Silva, constituíuse unha mesa de negociacións coñecida como Grupo de Amigos de Venezuela, formada por Brasil, Estados Unidos, Chile, México, España e Portugal, para buscar unha solución pacífica á crise política interna do país. Finalmente conseguiuse a celebración dun referendo consultivo en agosto de 2004 e Chávez foi reafirmado no poder. Os opositores chavistas consideraron o proceso unha fraude electoral e denunciaron a persecución política á que se vían sometidos nos organismos do Estado, así como os despedimentos masivos ordenados por Chávez na petroleira máis importante do país, a PDVSA, baixo a premisa de abandono do cargo e sabotaxe. Ademais, o escándalo da publicación, por parte do deputado oficialista Luís Tascón, das listas de firmantes favorables ao referendo, moitos dos cales foron perseguidos e despedidos, rematou nun proceso xudicial iniciado tanto pola oposición como por varios organismos defensores dos dereitos humanos. Nas eleccións do 4 de decembro de 2005 produciuse a retirada dos partidos da oposición e unha asbtención do 75%. A vitoria foi para o partido liderado por H. Chávez, Movimiento V República.
A presenza galega en Venezuela
Venezuela incorporouse tarde ao grupo de países receptores de inmigración masiva, xa que o s XIX estivo caracterizado por unha grande inestabilidade política e unha economía de carácter agropecuario. O descubrimento e a explotación masiva de xacementos petrolíferos mudou a situación. Na década de 1930 eran moi poucos os galegos que se atopaban neste país e na súa maioría procedían de Cuba, onde había unha crise económica. Unha vez finalizada a Guerra Civil Española e durante os primeiros anos da contenda mundial, foron chegando pequenos grupos de refuxiados galegos. Venezuela recibiu tamén unha parte da corrente reemigratoria de refuxiados que se orixinou na República Dominicana ao fracasar a política de colonización de L. Trujillo, algúns galegos que escaparan a Portugal, outros que foran primeiro a Cuba e despois pasaron a Venezuela e uns poucos que chegaron vía Curação ou Aruba. Deste xeito, a comezos da década de 1940, había un reducido grupo de galegos, na súa meirande parte exiliados republicanos, que desenvolveron un importante labor asociativo na capital do país, de tal maneira que, en 1945 fundaron o primeiro centro galego de Venezuela, o Lar Galego, e participaron na creación de dous máis: Centro Gallego (1948) e Casa de Galicia (1956), que en 1960 se fusionarían na Hermandad Gallega de Venezuela. En 1956 uns poucos emigrantes procedentes de Santiago de Compostela crearon Amigos de Santiago (1956). A existencia das primeiras sociedades viuse favorecida na década de 1950 pola numerosa chegada de emigrantes, cando Venezuela se converte nun país receptor de inmigración masiva, debido á profunda transformación económica que estaba a experimentar (impulsada polo auxe petrolífero) e a política inmigratoria de portas abertas de Marcos Pérez Jiménez. Así, entre 1953 e 1958, entraron uns 150.000 españois, a metade de todos os que emigraron a Venezuela entre 1945 e 1982. Aproximadamente un terzo eran galegos, que chegaron ao país atraídos por unha forte demanda de man de obra eficiente e barata para levar adiante o programa de grandes obras públicas. O 70% deles instaláronse en Caracas, que vivía un urbanismo acelerado. Tratábase de emigrantes procedentes do medio rural, despolitizados e cuns obxectivos económicos moi claros. Contaban co asesoramento dos centros galegos, entre cuxos obxectivos estaba o socorro mutuo e a asistencia ao emigrante que acababa de chegar ao país, normalmente sen familia e sen recursos económicos. Carecían de cualificación profesional e non demostraron predilección por ningunha rama especial dentro do comercio, polo que a súa presenza se fixo patente en case que todas as actividades urbanas, comerciais e industriais, e moitos deles pasaron a formar parte da clase media do país. Entre 1973 e 1981, houbo un pequeno aumento da emigración galega, debido a que nese intre o país mantiña unha situación política estable e unha boa situación económica, cunha moeda forte. A maioría destes emigrantes deixaron a agricultura para empregarse no sector servizos, aínda que o obxectivo seguiu sendo o de traballar por conta propia. A partir de 1960, en todas as cidades con presenza galega fundáronse novos centros: Centro Gallego de Puerto de La Cruz (1960), Centro Gallego de Maracaibo (1962), Centro Gallego de Barquisimeto (1963), Hermandad Gallega de Ciudad Guayana (1964), Hermandad Gallega de Valencia (1980), Asociación “Fillos de Galicia de Maracay” (1990), Peña Gallega-Centro Español de Ciudad Bolívar. Tamén en Caracas, unha vez consolidada a Hermandad Gallega de Venezuela, foron xurdindo outras asociacións de carácter comarcal ou municipal co obxecto de complementar as prestacións que aquela non podía facilitarlles: Centro Benéfico y Social Hijos de La Estrada (1959), Asociación Civil “Hijos de Vivero y su Comarca” (1980), Asociación Civil “Fillos de Ourense” (1983), Asociación Benéfica Hijos de Lalín (1983), Asociación Benéfica “Provincia de La Coruña” (1984), Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra (1988), Asociación Civil “Savia Nueva” (1989) e Asociación “Hijos de la Isla de Arosa”.