Venus
Planeta do Sistema Solar, o segundo pola súa proximidade ao Sol, que está situado entre Mercurio e a Terra. É o astro máis luminoso do firmamento despois do Sol e da Lúa e, ao igual que esta, presenta distintas fases (crecente, nova, minguante e chea). En canto ás súas características orbitais, destacan a pequena excentricidade (e=0,007), a pouca inclinación e a longa duración do día venusiano (117 días terrestres). Presenta un período sideral de 224,7 días, un período de rotación de 243 días e un período sinódico de 583,92 días. En canto ás características físicas, cómpre destacar a semellanza coa Terra, tanto no que se refire ás dimensións (diámetro=12.104 km) e á masa (0,815 veces a masa terrestre), como á densidade (d=5,25), aínda que o seu achatamento é menor. A atmosfera de Venus pode estar dividida en tres zonas, unha zona comprendida entre a superficie do planeta e os 90 km de altitude; unha que está comprendida entre os 90 e os 135 km de altitude, e unha zona superior en que se rexistran temperaturas moi baixas. A temperatura da atmosfera vai crecendo ata chegar aos 730° na superficie do planeta, valor elevado orixinado polo efecto invernadoiro da atmosfera venusiana. Venus foi estudado desde a Terra grazas á radioastronomía e, directamente, mediante sondas planetarias, como as Mariner e Pioneer-Venus estadounidenses ou a soviética. En canto á topografía, distínguense basicamente tres tipos de terreo: un 70% de chairas, un 20% de depresións e un 10% de terras altas. Entre estas destacan dúas zonas que poden ser comparadas cos continentes terrestres: Ishtar Terra (onde están os Maxwell Montes, cadea montañosa que contén o punto culminante do planeta) e Aphrodite Terra (con macizos que atinxen os 9.000 m de altitude). Outra rexión montañosa importante é Beta Regio (onde está o Theia Mons e o Rhea Mons). Os principais mecanismos xeolóxicos de Venus son os mesmos da Terra: a tectónica, o vulcanismo e o impacto de grandes meteoritos. Na súa superficie atópanse volcáns e máis da metade da superficie do planeta está cuberta de lava, procedente da actividade volcánica que se produciu hai uns 400 millóns de anos. Tamén se observaron nela grandes impactos de meteoritos na rexión de Lavinia.